Resolución ante a lei contra o aborto.

A LEI CONTRA O ABORTO, DO GOBERNO DO PP, É UNHA ALIANZA DO CAPITAL E A IGREXA CATÓLICA PARA MANTER A DOBRE OPRESIÓN DA MULLER, E PARA OBSTACULIZAR A LOITA POLA SÚA LIBERACIÓN, POLO CONTROL DO PROPIO CORPO E CONTRA A SÚA SITUACIÓN DE DESIGUALDADE E INFERIORIDADE.
Nin onte nin hoxe a maternidade no Estado Español é unha elección libre para a muller, especialmente para a muller de clase traballadora. A maternidade foi sempre unha imposición, tanto desde a superestrutura ideolóxica como desde as regulamentacións establecidas en leis diversas, e -entre elas- especialmente a do dereito ao aborto; sempre axustándose ás necesidades concretas da burguesía en cada momento histórico do desenvolvemento capitalista. A regulamentación do aborto, desde o poder burgués, utilizouse para incrementar a forza de traballo dispoñíbel para ser explotada, como mecanismo de defensa da propiedade privada e tamén como dominación ideolóxica de toda a clase obreira a través do corpo da muller, como sucede na actualidade.
A presentación do anteproxecto denominado “Lei para a protección da vida do concibido e dereitos das mulleres embarazadas” vén, en primeiro lugar, a dar unha volta de porca á utilización do dereito ao aborto como mecanismo de disciplinamento ideolóxico coa fin de levar á clase obreira a posicións de alienación reaccionarias, á vez que o converte nun privilexio de clase. Denominar ao anteproxecto “...protección…. dereitos das mulleres embarazadas”, é unha  labazada en pleno rostro da muller traballadora. Despedidas dos seus traballos de miseria -nada máis coñecer a empresa que se quedou embarazada-, perdidos moitos dos dereitos laborais de maternidade, crianza, etc., a través da eliminación da ultraactividade nos convenios e da desaparición da negociación colectiva. Aí non hai ningún dereito da muller embarazada que o capitalismo vaia defender.
Se prospera esta nova lei, única e exclusivamente accederán ao dereito ao aborto aquelas mulleres que poidan pagar os ditames médicos (requírense ata dous informes), ou quen poida viaxar ao estranxeiro con esa fin. Lonxe, moi lonxe, queda ese dereito para a muller das capas populares -cada vez máis castigada co desemprego, a precariedade e con crecentes dificultades para acceder a todo o máis básico. Para esas mulleres, para as que non transixan coa maternidade obrigatoria, para as que non acepten submisamente esa intolerábel falta de autonomía sobre si mesmas, só lles espera  verse abocadas a un aborto inseguro e perigoso, poñendo en grave risco a súa vida e a súa integridade.
Esa situación extrema, ou intentar superar a carreira de obstáculos que supón a nova regulamentación que se pretende aprobar. E iso sempre que consigan atopar profesionais da sanidade que non faga obxección de conciencia, e tamén permanecer firmes ante todas as presións para que non aborte, pois terán que  acreditar con informes médicos e psiquiátricos que “a súa saúde mental está en risco”.
En segundo lugar, o título do anteproxecto é en si mesmo ofensivo á intelixencia humana. E toda unha provocación e chulería de clase, ao pavonearse e facer bandeira da defensa dos cigotos e os nasciturus, para condenalos á explotación e á miseria, unha vez nazan. Mentres non son nada toda a protección;  porque se lles utiliza para promocionar unha moralina escravizante sustentada en crenzas e supersticións alienantes. Unha  vez nados, só a explotación e a miseria, pois pasan a converterse en forza de traballo renovada para a acumulación capitalista.
Pero o cinismo e a mentira  non coñecen límites, tampouco para os ministros da curia, e presiónase ás mulleres para que teñan, non só fillos e fillas que non desexan, senón ata para que dean a luz fetos con anomalías ou malformacións, ata nos casos en que cientificamente son non viábeis. Todo iso co señuelo das axudas á discapacidade. Exercicio de cinismo extremo nunha situación onde a Lei de Dependencia, e as axudas a familias con membros en situación de discapacidade, van desaparecendo paulatinamente; onde o repago se impuxo nos centros ocupacionais de dependentes (moitas veces privatizados). Situación esta que se agravará no futuro, co aumento de todo tipo de recortes e privatizacións, recaendo toda a asistencia social necesaria sobre a muller traballadora.
O aborto non volve ser delito con esta lei, senón que nunca estivo despenalizado, nun país onde a Igrexa católica impón a súa ideoloxía misóxina e reaccionaria en todos os ámbitos públicos; e que por ser a relixión das clases dominantes é tamén a relixión do Estado. Esa ideoloxía do odio cara á muller, alimentada con diñeiro público polos distintos gobernos (o concordato co Vaticano renovouno o goberno do PSOE), a través de prebendas, exencións de impostos, subvencións aos seus colexios, salarios aos seus clérigos, e mantendo como materia nas escolas o que non é senón oscurantismo acientífico, foi a verdadeira causa de que tanto na lei de supostos de 1985 como na de prazos de 2010, o que quedaba fóra daqueles  supostos ou de 14 semanas,  castigábase e castígase no código penal. Por moito que se denominase a reforma do 2010 como “lei de saúde sexual e reprodutiva”, a muller nunca foi considerada dona do seu corpo nin ser adulto para decidir por si mesma. O período de reflexión, antes dunha interrupción voluntaria do embarazo -3 días coas normas  do PSOE e 7 días na que propón o PP-, e a maternidade obrigatoria, foron as constantes na configuración do dereito ao aborto e un claro expoñente da  inxerencia relixiosa. A Igrexa católica sempre considerou á muller como ser inferior (nalgunha época chegou a predicar que carecía de alma, e sempre a excluíu do sacerdocio, violando a mesma lei burguesa), sempre foi tratada como persoa irreflexiva e frívola, necesitada de supervisión nas súas decisións. Sobre todo, e especialmente, no relativo á maternidade. O dereito da muller a decidir sempre estivo mediatizado,  contemporizando cos representantes do patriarcado na terra por unha banda, e a maior gloria da propiedade privada por outro.
Todas as regulamentacións da materia, ata hoxe, deixaron de lado a saúde sexual e reprodutiva da muller, concibida esta como un dereito no ámbito da sanidade pública e gratuíta, con amplas prestacións de anticonceptivos, centros de planificación familiar e educación sexual,  para  así convertela nuns lucrativos negocios privados.  Os datos son incuestionábeis, o 97% das interrupcións voluntarias do embarazo (IVE) préstanse en clínicas privadas, nunca se contemplou como alternativa accesíbel o aborto medicamentoso (menos invasivo para as mulleres e máis barato), e a atención xinecolóxica ha ir desaparecendo das prestacións do sistema público, ou prestándose moi deficientemente. A saúde sexual e os dereitos reprodutivos están concibidos como  un negocio nas sociedades capitalistas, e nestes momentos de crises estrutural, non será a muller da clase traballadora e as capas populares quen teña facilidade para acceder a eles; pois só quedan ao alcance, e como dereito, de quen poida pagalos.
As propostas do reformismo para enfrontar a ofensiva patriarcal son da mesma liña que as que fan sobre a crise sistémica. Xerar confusión entre as traballadoras, impulsando un pacto entre mulleres. Claman por un patriarcado de rostro humano e levadeiro, do mesmo xeito que piden o regreso dun capitalismo bo. Sementando de fantasías o que debe ser unha contundente resposta clasista, e xerando dependencia ideolóxica onde se debe establecer unha liña divisoria por razón de clase e non pedindo unha solidariedade e complicidade de xénero. Non, as mulleres traballadoras e das capas populares non comparten nada coas mulleres das clases dominantes polo feito de ter o mesmo sexo. Tampouco no caso do dereito ao aborto, accesíbel para as mulleres ricas. A unidade das mulleres non está á marxe de ideoloxías, ou da pertenza á clase explotada ou dos explotadores. Dígao o PSOE, dígao IU, ou o digan as asociacións feministas do reformismo político e sindical. A única saída para as mulleres explotadas, as mulleres da clase obreira, é a unidade ao redor dun proxecto clasista que integre as reivindicacións do feminismo de clase. Nunca os dereitos afectivos, os dereitos sexuais, o dereito ao aborto, a autonomía sobre o propio corpo terán cabida no capitalismo decadente, que é o único posíbel hoxe. Así como tampouco se derrotará ao patriarcado sen vencer ao sistema capitalista.
Por todo iso a loita da muller traballadora contra a nova e retrógrada lei do goberno do PP é a loita de toda a clase obreira, para derrotar calquera iniciativa que desenvolva este goberno da oligarquía, que non ten outra finalidade que incrementar as cadeas para manter a explotación e a opresión da clase obreira, neste caso usando o corpo da muller traballadora e a súa dobre opresión no sistema capitalista, seguindo así as peores tradicións da alianza entre capital e Igrexa católica no Estado Español.
Polo dereito ao aborto libre e gratuíto.
Pola derrota do patriarcado.
Polo dereito da muller traballadora a decidir sobre o seu propio corpo.
O socialismo-comunismo garantirá os dereitos sexuais e reprodutivos en liberdade.
A loitar e a vencer, ata arrebatarlles todo o poder para a clase obreira!

[Fonte: PCPE]