“Para os traballadores non hai outra saída da crise que a revolución socialista” [Marco Rizzo, Secretario Nacional de CSP-PC de Italia]

Unidade e Loita entrevista nesta ocasión ao camarada Marco Rizzo, Secretario Nacional de Comunistas Esquerda Popular – Partido Comunista de Italia, co que conversamos sobre a situación da clase obreira e o movemento comunista en Italia e en Europa.
Unidade e Loita: Camarada Marco, o voso Partido é moi novo. Cales foron as razóns que fixeron nacer ao CSP-PC?
Marco Rizzo: A necesidade de fundar un verdadeiro Partido Comunista, baseado no marxismo-leninismo, que puidese actuar como a vangarda organizada da clase obreira logo da propia disolución do PCI (Partido Comunista Italiano) e do fracaso político daqueles partidos que comezaron o intento de “reformar” a súa tradición. Chegara o momento de poñer fin a un longo período de revisionismo e reformismo que comezara no PCI incluso antes do eurocomunismo, de romper definitivamente coas desviacións oportunistas do Partido da Refundación Comunista e do Partido dos Comunistas Italianos para relanzar a loita de clases polo socialismo-comunismo no noso país.
UeL: Mencionaches a dous partidos italianos que levan o nome “comunista” nas súas siglas pero, en xeral, como analizas a situación dos partidos políticos en Italia?
MR: En Italia, como en calquera lugar, a política tradicional dentro das institucións parlamentarias ten agora pouco peso. Este feito confírmao o número decrecente de votantes nas eleccións, como ocorre nos sistemas electorais ingleses e estadounidenses. Os órganos electos están baleirados das súas funcións constitucionais e sometidos ao dominio do capital monopolista industrial e financeiro, implementado polas súas organizacións imperialistas como o FMI, a EU ou a OTAN. Hoxe o bipartidismo, concretamente a alternancia dos gobernos de centro-esquerda e centro-dereita, non parece ser suficiente para eles. No intento de asegurar a gobernabilidade dos actuais procesos de reestruturación capitalista para superar a crise do capitalismo, están impoñendo unha supercoalición, onde o centro-esquerda e o centro-dereita están gobernando conxuntamente, negándose abertamente a calquera tipo de oposición parlamentaria digna do devandito nome. Nesta involución autoritaria da democracia burguesa, o Presidente Napolitano estivo xogando un papel lamentábel e preocupante, indo máis aló das súas funcións constitucionais.
Os partidos oportunistas que aínda manteñen a palabra “comunista” nas súas siglas concentraron toda a súa débil actividade política no intento de ter uns cantos asentos no parlamento. Con este propósito, renegaron do seu nome e dos símbolos do Comunismo tanto nas eleccións de 2008 como nas de 2013, uníndose a coalicións heteroxéneas e xenéricas (a Sinistra Arcobaleno e Rivoluzione Civile) e tendo a alianza gobernamental co Partido Democrático como o seu único obxectivo. Como resultado, non obtiveron ningún asento no Parlamento. O seu crack electoral ocorreu debido ao seu apoio, e ata participación, en anteriores gobernos de centro-esquerda que, coa súa complicidade oportunista, fixeron moito dano ás masas traballadoras. Cando aínda estaban no Parlamento, os falsos comunistas aprobaron as peores medidas políticas contra o pobo promovidas por aqueles gobernos: financiamento de misións de guerra, privatizacións, reforma da seguridade social reducindo as pensións e atrasando a idade de xubilación, represión sobre os dereitos asegurados polos Convenios Colectivos Nacionais de Traballo, recortes en sanidade, educación e transporte público... Podemos seguir mencionando máis casos de traizón aos traballadores por este tipo de oportunistas, cuxo único obxectivo é un asento ben remunerado nalgún lugar das institucións burguesas ou, polo menos, nos consellos de administración dos bancos e empresas capitalistas. O que queda do Partido dos Comunistas Italianos e do Partido da Refundación Comunista parece que non aprendeu a lección: hoxe están traballando por outro movemento xenérico “de esquerdas” para as Eleccións Europeas de 2014, no que repetirán os seus previos e malos resultados, e seguirán mendigando a alianza co Partido Democrático, cada vez máis afastados dos traballadores e da realidade.
UeL: Poderías explicarnos cal é o voso traballo no movemento sindical?
MR: Hoxe en día os traballadores en Italia están fragmentados, políticamente illados, ideoloxicamente confusos e apenas autónomos. A nosa primeira tarefa é reconstruír a unidade de clase, facéndolles entender que son unha clase e que teñen intereses colectivos, independentemente da categoría laboral á que pertenzan ou do lugar de procedencia ou da cor da súa pel. É necesario devolverlles a súa conciencia de clase e o sentido da súa misión histórica: vencer ao capitalismo e, liberándose eles mesmos, liberar a toda a sociedade da explotación e a inxustiza.
Para afrontar esta situación, estamos traballando en crear a Fronte Unitaria dos Traballadores naqueles centros de traballo onde sexa posíbel. Isto non é un sindicato novo engadido aos existentes, senón unha organización baseada nunha plataforma de clase, que debe unir aos traballadores de cada categoría sobre a base dos seus intereses comúns, inmediatos e concretos, independentemente do sindicato ao que pertenzan, co obxectivo de lanzar unha ola incesante de loita de masas efectiva para así rescatar os dereitos laborais cunha perspectiva política de derrocar ao capitalismo.
UeL: E a vosa posición respecto da política de alianzas en xeral?
MR: Temos que distinguir entre alianzas políticas e alianzas sociais e dicir que as alianzas en xeral son só posíbeis naqueles casos en que haxa unha base de obxectivos comúns que as xustifiquen. Respecto das alianzas políticas, segundo experiencias pasadas, démonos conta de que, en Italia, estas estaban determinadas polos puros cálculos matemáticos, inducidas polo sistema electoral maioritario independentemente dos programas políticas dos partidos. Por certo, esta é a razón da proliferación de partidos e da inestabilidade parlamentaria. O noso programa político está orientado inequivocamente cara ao derrocamento do capitalismo e a establecer a ditadura proletaria. Entre os partidos existentes ningún ten dita orientación. Non vemos razón algunha hoxe para buscar, desde unha posición minoritaria, unha alianza con outros partidos que seguen considerando ao capitalismo como o seu horizonte político. Ademais, non cremos nunha vía parlamentaria cara ao socialismo, polo que un compromiso para conseguir algúns asentos no Parlamento non é do noso interese. Non é unha posición sectaria, simplemente entendemos que hoxe non se dan as condicións para alianzas políticas ou electorais. Preferimos concentrar os nosos esforzos en desenvolver as alianzas sociais da clase traballadora con outros estratos populares, como o campesiñado, os autónomos e pequenos empresarios, pequenos comerciantes, todas as capas medias da produción que están sendo danadas profundamente pola crise capitalista. Neste terreo estamos preparados para debater e cooperar con calquera que queira comprometerse seriamente en loitar pola defensa do traballo, pola reconstrución da unidade da clase obreira, polo derrocamento do capitalismo. Deste xeito queremos desenvolver a loita de masas e consolidar en torno á clase obreira o bloque social que será capaz de actuar como o primeiro motor da revolución socialista en Italia.
UyL: Nas últimas eleccións xerais italianas, un cómico (Beppe Grillo) obtivo un gran resultado. Cales foron as razóns polas cal ocorreu isto?
MR: Ata finais dos 80 as masas participaran activamente en política. Logo de acontecementos históricos como a caída do muro de Berlín, a desaparición da Unión Soviética e do bloque socialista en Europa, a auto-disolución do Partido Comunista Italiano, o procesamento de moitos líderes políticos da chamada “primeira república”, a longa época dos partidos de masas chegou ao seu fin. As masas, desencantadas e confusas, convertéronse en espectadores no canto de actores da política. A súa pasividade fíxolles perder a autonomía crítica e convertéronse en vítimas da desinformación e da influencia dos medios de comunicación burgueses. Esta condición subxectiva das masas e a insostibilidade obxectiva da crise económica explican o éxito electoral de Grillo. Difundindo unha mensaxe demagóxica de protesta xenérica que non está en contra do sistema capitalista, senón das súas supostas distorsións e mal funcionamento, baseándose en Internet e no apoio dalgunhas cadeas de TV, principalmente a cadea SKY de Murdoch, e xornais como o Corrieri della Sera, o Movemento 5 Estrelas (M5S) de Grillo logrou recoller a insatisfacción popular nas eleccións xerais de 2013. Foi un típico voto de protesta, inestábel e volátil, como se demostrou nas eleccións locais de hai varias semanas, nas cales os votos do MSS de Grillo se reduciron case á metade. Como todos os outros tipos de “indignados” en Europa e EEUU, o movemento de Grillo actuou como unha válvula de escape da presión da ola da crise capitalista, sen ningún proxecto serio de transformación revolucionaria da sociedade.
UeL: A situación política en Italia é bastante inestábel. Hai algunha saída disto para a clase obreira italiana e o pobo italiano en xeral?
MR: A inestabilidade é só aparencia. As intrigas parlamentarias, a conflitividade dentro das coalicións, as ambicións persoais ou as remodelacións dos gobernos esconden a forte estabilidade de clase obxectiva da dominación burguesa. Italia é un país onde todo se cambia para que non cambie nada. Nos últimos 20 anos as coalicións de centro-esquerda e de centro-dereita gobernaron 10 anos cada unha, alternándose no temón do país e levando a cabo practicamente a mesma política, ditada polos monopolios capitalistas que detentan o verdadeiro poder. O seu apoio e presión móvese dunha coalición a outra, dependendo da súa conveniencia conxuntural. É un feito que os gobernos de centroesquerda aseguraron aos monopolios a posibilidade de danar os salarios, as pensións e os servizos sociais sen unha reacción relevante dos traballadores. A pasividade dos sindicatos, controlados polos partidos “de esquerda” no goberno e a complicidade dos partidos oportunistas mantiveron ás masas en calma. O problema real é que o capitalismo non é capaz de superar esta crise económica sen incrementar a explotación e retirar máis e máis recursos do orzamento do Estado, que hoxe está practicamente subvencionando aos monopolios e á banca privada. Para gobernar este intento de reestruturación capitalista, insosteníbel para a clase obreira e o pobo, a clase dominante está impoñendo un goberno no cal participan ambas coalicións, a de centro-esquerda e a de centro-dereita, para garantir o máximo consenso e a máxima estabilidade. Nestas condicións, a única saída para a clase obreira e o pobo é a loita de masas, consciente, organizada e disciplinada, non só para salvar os seus dereitos restantes, senón tamén para amplialos, para facer que as contradicións do capitalismo exploten e finalmente derrocalo. Para os traballadores, se non queren aceptar o futuro de miseria e barbarie que o capitalismo estará preparando para eles, non hai outra saída da crise que a revolución socialista.
UeL: Hai algunha oportunidade para a clase obreira italiana dentro da Unión Europea?
MR: Para a clase obreira italiana, así como para a clase obreira doutros países membros, dentro da UE só existe a posibilidade de estar máis explotada, roubada e privada dos seus dereitos. Que ofreceu o proceso de integración europea aos traballadores? Máis nada que pobreza crecente, paro, recortes nos gastos sociais para servizos imprescindíbeis, represión, etc. O pobo traballador está pagando as consecuencias dunha crise da que eles non son responsábeis, mentres que os bancos e monopolios privados se están facendo cada vez máis ricos. A Unión Europea hoxe en día é a principal ferramenta de explotación do capitalismo monopolista. A través da UE, a burguesía de cada país membro leva a cabo o seu dominio sobre os traballadores e os pobos de Europa. Como conglomerado transnacional de Estados imperialistas, a Unión Europea conserva no seu interior todas as contradicións da competencia interimperialista. Podemos entendela como unha pirámide, onde os países cunha maior concentración e acumulación do capital están no cume. Sería un grave erro falar dun suposto conflito entre “o Norte rico” e o “Sur pobre”. Cada burguesía nacional, non importa se é do Norte ou do Sur, utiliza a UE para explotar de forma máis intensa ao proletariado e participa con igual responsabilidade en roubo e saqueo común, pero reparte o botín proporcionalmente segundo o peso e posición específica na pirámide imperialista. É o que usualmente ocorre en todas as bandas criminais. Se permanecer na UE non fose conveniente para a burguesía nacional, retiraríanse dela moi rapidamente. O que convén á burguesía non convén aos traballadores nin aos pobos. Por esta razón, loitamos firmemente en contra da UE, pola saída de Italia da mesma, do euro, da OTAN, co obxectivo do seu desmantelamento final. Ao ser a UE unha organización imperialista interestatal, creada soberanamente pola burguesía de todos os países membros, non somos tan inxenuos como para pensar que é posíbel cambiar a súa natureza no marco do sistema existente para nós, a loita pola saída da UE está conectada dialecticamente coa loita pola toma do poder da clase obreira; é unha condición necesaria, pero non unha condición suficiente para avanzar cara ao Socialismo-Comunismo.
UeL: Cal é a vosa opinión sobre o Movemento Comunista Internacional? Podes contarnos as vosas prioridades nesta área?
MR: Desgraciadamente, o MCI está atravesando unha fase de desconcerto e desorientación ideolóxica. Algúns partidos, incluso algúns importantes, estanse desviando cara a unha liña de diálogo ou ata de colaboración aberta cos gobernos burgueses, outros son parte activa do Partido da Esquerda Europea. Nós pensamos que non debemos ter medo, en nome dun concepto malentendido de unidade do movemento, a loitar firmemente contra estas tendencias oportunistas, tal e como Lenin nos ensinou. A unidade meramente formal non axuda ao movemento nin á súa loita, mentres as sementes do oportunismo poden abrir unha fenda no muro da resistencia ideolóxica, política e social, impedindo ao movemento pasar ao contraataque. É necesario acadar unha unidade real sobre a base do marxismo-leninismo e da praxe revolucionaria. Pensamos que un primeiro paso nesta dirección deuse en Bruxelas a finais de setembro coa fundación da “Iniciativa dos Partidos Comunistas e Obreiros sobre asuntos europeos”, á cal nos unimos sen dubidalo e cunha profunda convicción. Ninguén ten o dereito de dicir que a “Iniciativa” rompe a unidade do Movemento Comunista por excluír a algúns partidos a priori. A “Iniciativa” ten uns principios e fundamentos claros e está aberta a todos os partidos que compartan o socialismo científico e estean dispostos a loitar contra a UE e quen a apoian, como o PEE. A “Iniciativa” require aos comunistas que sigan sendo comunistas. Á inversa, os oportunistas romperon en primeiro lugar a unidade do Movemento Comunista fundando o PEE, que esixe aos comunistas aceptar o capitalismo e unha nova ola de reformismo sen límite. A súa forma de pensar é verdadeiramente curiosa: se os oportunistas se organizan fóra do Movemento Comunista, todo está ben e todo o mundo debe aceptar isto como un feito adecuado; se os comunistas se organizan dentro do Movemento Comunista, os oportunistas escandalízanse. Parece un déjá-vu dos tempos da II Internacional, cando a unidade se converteu en pretexto para manter aos partidos obreiros baixo a bota do reformismo e do oportunismo.
Realmente pensamos que a “Iniciativa” fará a nosa análise teórica máis precisa e a nosa praxe política máis efectiva, elevando as relacións entre os nosos partidos desde un puro nivel consultivo a un nivel práctico coordinado que nos permitirá planear e levar a cabo accións conxuntas e converxentes. Malia o seu aparente carácter restritivo europeo, a “Iniciativa” é o camiño correcto para restaurar a unidade ideolóxica e organizativa do Movemento Comunista, posto que a súa experiencia e principios fundamentais poden ser aplicados con éxito en situacións similares noutras partes do mundo.
UeL: Queres contar algo máis aos nosos lectores?
MR: Quero saudar a todos os camaradas do PCPE e da mocidade, os CMC. Aínda podo ver a sala chea no mitin do 15 de decembro de 2012 en Madrid, na que tiven o honor de falar e dar os nosos máis calurosos e fraternais saúdos do noso Partido. O comunismo é a mocidade do mundo e será o noso camiño común. Desexo que teñades éxito e vitorias en todo este duro e glorioso traxecto.
[Fonte: UyL]
-Traducido por FORXA!-