"O vento de Outubro alentou a loita da clase obreira en todo o mundo"


Contrapoder.info ven de realizar un especial conmemorativo do 96 aniversario da Revolución Bolxevique, baixo o título “Outubro en novembro”. Consistía en enviar un cuestionario, coas mesmas preguntas, a distintas organizacións políticas galegas.


A continuación, publicamos as nosas respostas a este cuestionario:

 

1. O 7 de novembro cúmprense 96 anos da Revolución de Outubro que deu orixe á primeira experiencia de Estado operario estendida no tempo. Que significa esta data para vós como organización? Marcou a Revolución de Outubro a historia da humanidade tan decisivamente como se ten dito?

FORXA!.- Marcou, sen dúbida. O vento de Outubro alentou a loita da clase obreira en todo o mundo. Foi a primeira revolución proletaria triunfante, que daría paso á construción do primeiro Estado Socialista da Historia, que posteriormente e tras a elección do camarada Stalin como Secretario Xeral do PCUS, conseguiría levar a cabo unha transformación radical, en poucos anos, daquela vella sociedade tzarista sumida na máis profunda pobreza e analfabetismo, nunha potencia mundial soviética. Eis o logro manifesto da democracia obreira ou ditadura do proletariado, a demostración da superioridade da sociedade socialista fronte á capitalista, onde os medios de produción pasaron a estar ao servizo do pobo traballador, onde ás familias traballadoras non lles faltaba unha casa onde vivir, non lles faltaba un traballo, tiñan garantidas todas as necesidades básicas como son a sanidade e a educación gratuítas e de calidade…

Cómpre explicar, contra todos eses elementos que acusan á URSS de sistema totalitario, que nun sistema socialista segue a existir loita de clases, pois a burguesía e os terratenentes seguirán pulando por recuperar o que un día obtiveron a costa da explotación e o sufrimento das clases traballadoras, e é de “inocentes” pensar que non farán todo o posíbel por restaurar o capitalismo. Entendemos o Socialismo como etapa transitoria cara ao Comunismo, é dicir, cara unha sociedade sen clases e sen explotación. Tristemente esa etapa transitoria non chegou a culminar, e loxicamente hoxe podemos analizar polo miúdo os motivos, que por outra banda nada teñen que ver cos “erros” que se sinalan dese certos sectores, mesmo dos que se reclaman “de esquerdas”. Loxicamente se cometerían erros, sería imposíbel non cometelos tendo en conta que non existían exemplos previos dos que poder tirar leccións. Quen acusa á Unión Soviética de totalitaria, e só sinala erros, deixa ás claras a cor dos lentes cos que mira a realidade e a Historia.

O exemplo de Outubro segue hoxe máis vivo ca nunca, pese aos cantos de serea de múltiples destacamentos reformistas que falan sobre a posibilidade dun capitalismo con rostro máis humano ou mesmo “doutras vías” cara ao socialismo. Non hai máis camiño para a conquista do Socialismo que o que a clase obreira marque á fronte do seu Partido de novo tipo, marxista-leninista, arrastrando tras de si ao resto das clases traballadoras e sectores populares empobrecidos.

2. Que contestades aos que hoxe din que a clase obreira non existe e que a concepción social en base á clase debe ser ultrapasada?

FORXA!.- Parécenos moi importante esta pregunta porque moitas correntes políticas oportunistas dos nosos días sosteñen, dun xeito ou doutro, puntos de vista que atacan e negan o papel central da clase obreira dentro do modo de produción capitalista.

A clase obreira non só non desapareceu, senón que aumentou a un ritmo vertixinoso nas ultimas décadas, e senón que llo digan aos millóns de traballadores chineses, indios, bangladeses… en fin, que estas ideas se corresponden máis cos desvaríos intelectuais de determinados ”pensadores”, como Toni Negri, que coa realidade palpábel nos nosos días.

Puidera ser que a clase obreira, o proletariado como tal, non fose maioritario na nosa nación, mais iso non restaría importancia á hora de catalogala como a clase principal que debe dirixir o proceso revolucionario, pois é a clase obreira quen move o mundo, quen produce todo, e por tanto, quen pode cortocircuitar, quen está en mellores condicións de destruír, o sistema capitalista.

Non importa pois o número, senón a posición e a función que se desempeña no sistema produtivo, que é o piar do sistema capitalista, é de onde a burguesía tira a súa amada plusvalía.

O que está claro é que a clase obreira, xunto co resto de traballadores e traballadoras, máis os sectores populares empobrecidos, efectivamente somos a inmensa maioría da sociedade.

Non aceptamos esas teorizacións e chamamentos en base ao “cidadanismo”, que tan de moda están hoxe, pois son unha tentativa descarada de roubar o papel protagónico que a clase obreira tivo, e ten hoxe, no proceso revolucionario.

3. A revolución, como proceso, continúa estando vixente ou esmoreceu após a queda da URSS? Debe camiñar cara a ela a clase obreira actual?

FORXA!.- Non só está vixente, senón que, como afirmaba Marx, as leis económicas do movemento da sociedade moderna fan inevitábel a transformación da sociedade capitalista en socialista.

As forzas burguesas e os oportunistas sosteñen que o socialismo fracasou, que o que existiu na URSS non era socialismo, que determinadas formulacións están caducas, que o socialismo é un réxime totalitario que debe ser posto a altura do fascismo.

Nós combatemos todos estes puntos de vista que serven como propaganda anti-comunista. Para nós non se pode falar de queda da URSS, senón de vitoria da contrarrevolución e de restauración capitalista.

As organizacións revolucionarias deben comezar a contemplar o Socialismo como algo non moi lonxano, pois certas cuestións que hoxe afectan á clase obreira xa non poden ser resoltas no marco do capitalismo, pois se atopan en contradición cos intereses dos monopolios capitalistas e coa supervivencia das súas unións imperialistas.

4. A consigna «paz e pan e terra», de que forma se concreta hoxe?

FORXA!.- Dicía Marx que a clase obreira precisa da súa coraxe e da súa dignidade máis aínda que do seu pan. Que razón tiña. Se hoxe a clase obreira non somos quen de dotarnos das nosas propias organizacións de clase, independentes das organizacións e dos intereses doutros sectores, estaremos dando carta branca á socialdemocracia para que nos leven pola senda do reformismo, e entón nin haberá paz, nin haberá pan, nin haberá nada.

5. As organizacións comunistas debátense hoxe entre a necesidade de dar unha resposta aos desafíos do día a día e a necesidade de transcendelos para preparar a queda do sistema capitalista. Hai marxe para facer ese duplo traballo?

FORXA!.- Non consideramos que uns obxectivos e outros se atopen separados. As e os comunistas facemos da loita económica e da loita política unha mesma loita de clases.

A cuestión fundamental é que tipo de traballo teñen que desenvolver os comunistas precisamente nesas loitas cotiáns, e máis importante aínda, para que debe servir ese traballo. Valorar se serve para elevar o grao de conciencia da clase ou, pola contra, para mantela no atraso.

As e os comunistas facemos un labor constante que non desaproveita a posibilidade de conquistas e melloras para a clase obreira a través da loita por reformas, mais ao mesmo tempo mediante esas reformas preténdese asestar un golpe ao inimigo de clase, debilitalo reforzando a unidade da clase e a súa combatividade.

6. Canto á burguesía que se desenvolve na Galiza, como definiriades o seu papel histórico? E que posición deberían adoptar fronte a ela as forzas revolucionarias?

FORXA!.- Como unha burguesía ligada aos intereses do bloque oligárquico dominante, ao capital monopolista, á Unión Europea como representación desa alianza monopolista. Historicamente é unha burguesía subsidiaria e dependente da burguesía española.

Amancio Ortega, Tojeiro… non son aliados, son inimigos de clase. E non só a grande burguesía monopolista, mesmo determinados sectores da pequena burguesía NON poden ser considerados hoxe como aliados.

7. Ten patria a clase obreira? Debe dotarse de organizacións propias, nacionais?

FORXA!.- Ante a pregunta de se debe dotarse á clase obreira de organizacións nacionais propias é algo que, como colectivo, temos debatido e estudado en profundidade á luz do marxismo-leninismo e da experiencia do movemento comunista internacional, que é rico nesta materia.

Para responder a esta pregunta sería precisa unha tese enteira que desentrañara a cuestión nacional nos seus aspectos concretos, mais tentaremos resumir esta cuestión centrándonos única e exclusivamente no ámbito do marco do partido.

Cómpre distinguir primeiramente o contexto concreto desa realidade nacional, o papel concreto da organización de vangarda da clase obreira, as súas tarefas, así como a natureza do proceso revolucionario. O marxismo non preconiza formulas mecánicas aplicábeis a todas as realidades e a todos os períodos históricos, nin centra a súa atención en principios abstractos ou formais.

Para nós, a cuestión fundamental á hora de determinar hoxe o carácter do partido é o da natureza e marco da revolución, que non pode ser determinada en base a posicións subxectivas, senón que debe partir desde a base de sólidos criterios científicos asentados na realidade da loita de clases e nas leis que rexen o actual período histórico.

Son comparábeis as condicións nas que se desenvolveron procesos revolucionarios como o vietnamita, o chinés ou o cubano? Son aplicábeis á realidade galega? Poden situarse paralelismos entre a loita de liberación destes pobos e a loita nacional que se dá hoxe no estado español? Nós pensamos que non son comparábeis, que pola súa natureza o problema nacional en Galiza non é un problema colonial, que as contradicións de clase no estado español son hoxe a contradición principal, que sen acabar co órgano de dominación de clase, que é o estado, non pode falarse de revolución socialista, que a resolución do problema nacional atopase ligada á cuestión da toma do poder pola clase obreira.

A experiencia dos bolxeviques en Rusia confirma que é posíbel a defensa da  autodeterminación nacional no plano político desde posicións organizativas vertebradas en base ao internacionalismo proletario e ao marco de dominación da burguesía. Porque hai que lembrar que os bolxeviques en Rusia combateron a idea da organización do partido en distintos destacamentos nacionais, combateron o nacionalismo que xurdía desde as nacionalidades oprimidas e o nacionalismo gran ruso e opuxeron a arma do internacionalismo proletario á unión de toda a clase obreira de Rusia nun partido único, cun único órgano dirixente.

A correcta política dos bolxeviques permitiu a vitoria da revolución e o nacemento da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas como forma xenuína dun novo tipo de estado baseado na unión libre e voluntaria entre os pobos.

As e os comunistas galegos organizados en FORXA! identificámonos coa resposta dada por Lenin en relación ás tarefas da revolución no marco dun estado plurinacional: “Loitamos sobre o terreo dun Estado determinado, unificamos aos obreiros de todas as nacións deste Estado, non podemos garantir tal o cal vía de desenvolvemento nacional, imos ao noso obxectivo de clase por todas as vías posíbeis” (Lenin, O dereito das nacións á autodeterminación).

8. Nunha nación sen Estado propio, como a nosa, que características específicas ten a loita de clases? Existe contradición real entre o aspecto de clase e o aspecto nacional?

FORXA!.- Nos nosos días, liberación nacional e liberación social van unidas realmente? En Galiza, adopta a loita de clases a forma dunha loita de liberación nacional?  cales son as condicións obxectivas que permitan soster hoxe dita afirmación?

A solución do problema nacional ten distintas vías de resolución: ou nun marco do capitalismo ou a través dun proceso revolucionario de natureza socialista. A primeira vía só pode ter lugar co concurso das clases dominantes mediante o acordo entre as distintas burguesías nacionais e o beneplácito das principais potencias imperialistas. Esa cando menos é a experiencia extraída nas últimas décadas.

Nós, a diferenza doutras forzas, facemos unha lectura dos procesos de autodeterminación das ultimas décadas desde a óptica da loita de clases e sobre o balance da loita contra o imperialismo a escala internacional, e de acordo a este punto de vista fundamental do marxismo é sobre o cal condicionamos ou non o apoio ao dereito de autodeterminación en cada caso concreto. Lenin sostiña que “as distintas reivindicacións da democracia, incluíndo a da autodeterminación, non son algo absoluto, senón unha partícula de todo o movemento democrático (hoxe socialista) mundial. Pode suceder que, nun caso dado, unha partícula se atope en contradición co todo; entón hai que desbotala. É posíbel que nun país, o movemento republicano non sexa máis que un arma das intrigas clericais ou financeiro monárquicas doutros países, entón, nós non deberemos apoiar ese movemento concreto”.

Se estudamos o xurdimento de novos estados nas pasadas décadas, atopámonos con que eses procesos non foron froito de ningunha loita revolucionaria encabezada polas clases populares nacionais, nin levaban aparelladas sequera progresos en materia de dereitos democráticos que puidesen beneficiar ao proletariado. A maior parte destes procesos foron dirixidos por forzas nacionalistas reaccionarias ligadas aos intereses dos distintos bloques imperialistas, coma no caso da URSS e de Iugoslavia. Nestes casos, o dereito de autodeterminación serviu aos intereses do imperialismo, garantiu precisamente unha maior docilidade destes países e o sometemento das súas economías fronte ao poder dos monopolios.

Isto dicímolo porque unha parte importante do movemento nacionalista tende a situar esta cuestión como un feito relevante á hora de reivindicar o dereito de autodeterminación como algo posíbel.

Falan de exemplos concretos de procesos como o escocés, o catalán, o irlandés, e préstase apoio a movementos que en Europa non representan máis que os intereses do conxunto das clases burguesas e máis os da pequena burguesía. Nada indica que a clase obreira se atope nunha situación máis favorecedora nun marco estatal diferente e as contradicións inherentes ao modo de produción capitalista continúan, só que baixo unha forma diferente.

A Historia demostra que a clase obreira, como clase oprimida, non racha as súas cadeas, nin pode chegar ao poder mediante unha política de reformas democráticas, nin mediante un referendo de autodeterminación, entón, en que sentido van unidas liberación nacional e liberación social? a través de que tipo de loitas concretas se emancipa a clase obreira?

As e os comunistas defendemos o dereito de autodeterminación e fomos precursores nesta materia porque entendemos que o dereito de cada pobo a decidir por si mesmo o seu futuro é un exercicio democrático consecuente, e isto o fixemos cando o dereito de autodeterminación non era recoñecido como tal polos propios “demócratas” burgueses, cando non era contemplado en lexislación internacional ningunha, cando os pobos coloniais vivían subxugados e, en moitos casos, sometidos a unha explotación criminal por parte das potencias que precisamente dominan hoxe eses organismos internacionais. Mais non lle outorgamos máis significación a este dereito da que verdadeiramente ten en relación ao programa xeral da revolución proletaria.

Efectivamente a loita  de liberación nacional ten conducido en determinadas condicións á vitoria da clase obreira e ao Socialismo, pero iso non quere dicir que nas nacións sen estado a loita de clases adopte a forma de liberación nacional, o problema nacional non é igual en todas partes, senón que sempre ten unha expresión concreta e polo tanto unha resolución diferente. Ademais, a propia historia dos movementos nacionais, a escala planetaria, non pode corroborar esta afirmación.

Hai quen afirma que sen soberanía nacional non pode haber socialismo, que o principal é resolver primeiro as contradicións nacionais para despois avanzar cara o socialismo. Temos que dicir que todas estas formulacións son rexeitadas polos comunistas como teorías non científicas que non se corresponden coa realidade da loita de clases, nin en Galiza, nin no conxunto de Europa e mesmo hoxe xa nin na maior parte dos países do mundo.

A época das revolucións anticoloniais (das guerras nacional revolucionarias) e das revolucións democrático-burguesas xa rematou. Entre o poder da burguesía e o poder do proletariado non median xa etapas intermedias. A agudización entre capital e traballo domina xa todas as relacións sociais, políticas e económicas. O desenvolvemento do capitalismo xa ten sobrepasado os marcos nacionais para facerse internacional.

Non hai liberación nacional sen Socialismo e non hai soberanía sen a nacionalización dos monopolios.

9. Tivo a autoorganización, no caso da Galiza, algunha consecuencia práctica na loita de clases, política ou sindical?

FORXA!.- Considerámonos dignos herdeiros do glorioso Partido Comunista de España, do Partido de José Díaz. Identificámonos coa súa liña nacional e destacamos o seu papel de vangarda da clase obreira, loxicamente, ata a viraxe revisionista e o triunfo do eurocomunismo e da vitoria das teses oportunistas no seo do partido, o cal tamén conduciu á renuncia dos posicionamentos marxistas en torno á cuestión nacional e adopción dunha liña chovinista que causou serias fracturas no movemento comunista, principalmente nas nacionalidades oprimidas.

O triunfo do revisionismo e a liquidación do Partido Comunista como forza revolucionaria deixou un baleiro que permitiu a aparición de novas forzas políticas que en Galiza cristalizaron no nacemento da UPG como partido comunista e patriótico. Mais estas novas forzas adoeceron, ao noso entender, dos mesmos males que aqueixaban a numerosos partidos comunistas no mundo que a raíz de diversos factores, como o mimetismo e o seguidismo coas posicións do PCUS tras o XX Congreso ou a falta dunha Internacional Comunista, comezaron a adoptar posicionamentos organizativos, políticos e ideolóxicos que se alonxaban das formulacións marxistas clásicas.

As e os comunistas galegos temos feito a nosa avaliación histórica, temos extraído leccións froito da experiencia do movemento comunista en Galiza. Estudamos e analizamos as propostas políticas da esquerda nacionalista e, loxicamente, chegamos a conclusións.

A liña revisionista da UPG introduciu tradicións políticas que  acabaron por deformar a capacidade de análise de numerosas forzas, determinados principios políticos marxistas son substituídos por principios nacionais, por un chovinismo aberto, negador do internacionalismo proletario.

Para nós é inconcibíbel que unha fracción maioritaria do nacionalismo condene o feito de establecer alianzas con forzas de ámbito estatal polo simple feito de vertebrar o seu proxecto político en torno a un marco territorial estatal. Sitúase unha contradición entre nacionalismo e españolismo, e defínese por españolismo, non aquelas posicións reaccionarias e chovinistas, senón que se mete “a todo deus” no mesmo saco, pero despois non se dubida en establecer alianzas con forzas nacionalistas doutros pobos, mesmo aínda que estas forzas sexan forzas reaccionarias ou burguesas, en moitos casos profundamente anticomunistas. Isto é negar, na practica, o internacionalismo, aínda que se defenda no papel.

A situación real, hoxe, do movemento obreiro e do movemento comunista son o reflexo das debilidades acumuladas nas pasadas décadas, da fragmentación do movemento obreiro e da súa penetración polas teorías reformistas e socialdemócratas, e as organizacións galegas teñen tamén a súa responsabilidade en relación á presente orde de cousas. Non podemos avaliar, por exemplo, a existencia dun sindicalismo nacional como algo positivo e quedarnos nunha análise superficial do mesmo, certamente existen aspectos positivos, mais tamén os hai negativos.

Para nós o fundamental agora é a posición que estas forzas desenvolven en relación á crise capitalista, o papel que desenvolven na loita  de clases na actualidade e a súa relación coas necesidades da loita clasista.

10. Nos últimos tempos fálase moito sobre a necesidade ou non de alianzas dentro do campo da esquerda. Para o voso partido, que condicións se teñen de dar para unha actuación unitaria, e en que campo se materializaría?

FORXA!.- Para nós, o primeiro sería definir iso que se denomina “campo da esquerda”, e o segundo sería definir tanto o carácter desa alianza coma os seus obxectivos.

O termo esquerda considerámolo un termo obsoleto e pouco concreto que non nos serve dende unha óptica marxista para definir acertadamente as correntes políticas actuantes nos nosos días, senón que máis ben é unha categoría que se corresponde máis co bipartidismo propio do réxime burgués.

En torno a que se establecen esas alianzas? Pois en base a que fins estratéxicos responden e cales son as avaliacións que as diferentes forzas fan da crise capitalista e de cales deben ser as respostas das forzas revolucionarias.

As e os comunistas consideramos que o momento actual se caracteriza pola necesidade dun agrupamento de forzas proletarias. Esta é unha necesidade inmediata que marcará futuras accións revolucionarias que poderán apuntar á toma do poder pola clase obreira e a construción do Socialismo-Comunismo, pero ademais son imprescindíbeis á hora de artellar unha resposta organizada, en termos de clase, no presente inmediato.

É por iso polo que combatemos a influencia do oportunismo e do reformismo, non xa só porque coas súas practicas ataquen o carácter monolítico do marxismo e as concepcións científicas sobre a revolución, senón porque estas forzas supoñen hoxe un obstáculo para o desenvolvemento dun movemento obreiro clasista.

O que hai que unir é ao conxunto da clase obreira e aos sectores populares, non sumar siglas, pois en moitos casos están lonxe de formar parte da solución, xa que fan parte do problema. Non pode haber avance revolucionario sen unir a toda a clase obreira en organizacións únicas e sen unir a todas e todos os comunistas nun único partido. Esa é hoxe a tarefa.

[Fonte: Contrapoder.info]