NON Á SEGREGACIÓN DE RENFE E Á PRIVATIZACIÓN DE ADIF.

A aposta clara do Ministerio de Fomento do Goberno do PP e tamén do anterior Goberno do PSOE era e é desmantelar as liñas de proximidade que vertebran o territorio e apostar pola conexión entre grandes cidades a través da alta velocidade. Tamén a privatización do ferrocarril, como do resto de servizos públicos, seguindo as directrices da Unión Europea.
Con esta idea, o pasado 27 de xuño o Consello de Administración de RENFE aprobou o plan de Fomento que supón un recorte nos servizos de media distancia que se implantará en varias fases, definindo tamén o nivel de aproveitamento para ser declarado como servizo público. O obxectivo é eliminar os servizos que segundo “o seu estudo” son máis deficitarios polo seu custo de mantemento e a pouca afluencia de viaxeiros. A aplicación paralizouse a causa do tráxico accidente de Santiago, igual que a folga convocada para final de xullo, pero pasado o verán volveu  aparecer.
Novamente trátase de desmantelar os servizos públicos en beneficio da rendibilidade económica. Neste caso, deixando incomunicadas a moitas poboacións que non teñen outra alternativa que o tren, posto que aos poucos se suprimiron tamén as liñas de autobús. O Goberno só centra os seus investimentos nas infraestruturas do AVE, non na vía convencional. Por onde pasa o AVE, non pasan os proximidades, deixando incomunicados os pobos só para que se comuniquen algunhas cidades.
O ferrocarril no estado español conta co menor número de traballadores por habitante e por quilómetro de Europa, pero cunha alta produtividade, e o futuro non pode basearse na venda ou externalización dos servizos. Sen dúbida o lobby monopolístico do transporte por estrada (ALSA, MONBUS...) será un dos grandes beneficiarios da liquidación do transporte ferroviario de pequena e media distancia.
A intención do Ministerio de Fomento é crear catro sociedades anónimas en RENFE (viaxeiros, mercadorías, fabricación e mantemento e aluguer-venda de material); dividir ADIF en dúas empresas, unha para Alta Velocidade e outra para Vía Convencional, así como privatizar 72 aparcamentos. O obxectivo é ingresar diñeiro a curto prazo deixando ao ferrocarril sometido exclusivamente á rendibilidade económica e non social.
Comunistas da Galiza (FORXA! e PCPE) e os Colectivos da Mocidade Comunista (CMC) apostamos pola comunicación en ferrocarril pola súa alta rendibilidade social, así como pola comunicación entre as poboacións con mellores frecuencias. O custo da remodelación da rede ferroviaria é infinitamente menor que a aposta polas grandes velocidades que só benefician ás empresas construtoras e aos comisionistas.
A nosa proposta é a nacionalización dos transportes públicos como sector estratéxico, a non segregación de RENFE e a non privatización de sectores rendíbeis de ADIF coa única finalidade de facer caixa inmediatamente, renunciando ao financiamento futuro, posto que a privatización do transporte ferroviario pon en mans de monopolios privados este sector e transforma un servizo público necesario nun negocio.
Comunistas da Galiza (FORXA! e PCPE) e os CMC apoiamos e apoiaremos calquera mobilización das e dos traballadores ferroviarios en defensa das súas condicións laborais, contra os despedimentos e agravación da precariedade laboral que serán a consecuencia do proceso privatizador, en defensa do Ferrocarril público e en contra da liberalización e privatización dos servizos, así como en defensa dos usuarios e usuarias, que sufrirán o encarecemento do servizo e o seu deterioro en materia de calidade, puntualidade e seguridade. Por iso apoiamos e chamamos á solidariedade coas folgas convocadas polos sindicatos CGT e SF entre o 28 de outubro e 20 de decembro.
O PÚBLICO DEFÉNDESE COA LOITA, O PÚBLICO NON SE VENDE!
POR UN TRANSPORTE PÚBLICO E AO SERVIZO DA CLASE OBREIRA E O POBO!
COMUNISTAS DA GALIZA 
(FORXA!-PCPE)
COLECTIVOS DA MOCIDADE COMUNISTA 
(CMC)