“Debemos explicar ao pobo que non é útil esperar agasallos da burguesía e que, se queremos algo, debemos loitar por iso.”

Entrevista a Gyula Thürmer, presidente do Partido Obreiro Húngaro.
Seguindo coa nosa serie de entrevistas aos máximos dirixentes de Partidos Comunistas e Obreiros irmáns, nesta ocasión é Gyula Thürmer, presidente do Partido Obreiro Húngaro, quen responde ás preguntas de Unidade e Loita.



Unidade e Loita: Camarada Gyula, poderías comentarnos a actual situación que viven a clase obreira e os sectores populares do teu país?
Gyula Thürmer: En 1990 cambiou o sistema social de Hungría e case toda a economía está hoxe en mans privadas. O 80% do PIB é producido polo capital privado e o poder político pertence á clase capitalista. A OTAN e a UE serven como garantía internacional do sistema baseado na economía de mercado e na democracia de tipo occidental.
Os últimos 24 anos pasaron sen grandes conflitos sociais, sen grandes manifestacións de masas. As condicións de vida da xente non melloraron pero a xente atopa vías individuais para resolver os seus problemas. A loita das masas traballadoras centrouse en defender as anteriores conquistas do período socialista, salvar os empregos xa existentes e conseguir salarios máis altos e mellores condicións laborais; na práctica non houbo demandas políticas ou ameazas políticas contra o sistema político existente.
Tras a crise de 2008, a vida volveuse máis difícil para a maioría do pobo. Case 500.000 persoas están oficialmente inscritas como desempregadas –por enriba do 11% da forza de traballo– e máis ou menos o mesmo número de mozos están traballando noutros países da UE, principalmente no Reino Unido, Austria e Alemaña, dado que non puideron atopar un emprego no seu país. Aínda así, a taxa de paro xuvenil (por baixo de 25 anos) en Hungría mantense por enriba do 28%.
Hungría ten uns 10 millóns de habitantes e o salario mínimo oficial son 334 euros, pero entre 4 e 5 millóns de persoas viven con menos de 210 euros ao mes. Un millón e medio de persoas non poden pagar as súas débedas e a pobreza converteuse nun problema social fundamental. Desde o cambio do sistema social en 1990, a xente foi utilizando os seus recursos materiais e financeiros. Agora poden comprar un coche ou un piso unicamente se conseguen un crédito dun banco, de forma que actualmente a maioría da poboación está moi endebedada. Como resultado da crise, un gran número de persoas perderon o emprego e agora non poden pagar as débedas, o que crea unha situación moi perigosa.
En Hungría está aumentando a tensión social e moita xente comeza a culpar ao propio capitalismo, cada vez son máis os que recoñecen que o capitalismo é malo. Os políticos poden ser estúpidos e, de feito, compórtanse como tales moi a miúdo, pero a estupidez política non é a única causa do paro masivo e da pobreza. O responsábel do capitalismo da pobreza, das difíciles condicións laborais, do paro, da reacción e das guerras, é o capitalismo. No país non se dá unha situación revolucionaria pero moita xente chegou á conclusión de que o capitalismo debe ser cambiado.
UeL: Hungría, como outros países europeos, elaborou leis de claro carácter anticomunista, como afectou isto ao traballo do voso partido?
GT: A clase capitalista húngara ataca con fereza o pasado socialista húngaro. Por que razón? Porque o socialismo húngaro, malia todos os seus fallos e debilidades, ofreceu máis ao pobo que o novo sistema capitalista. Sobre esta base, eles prohibiron en 1993 o uso público da estrela vermella e da fouce e o martelo, e ata agora ningún goberno derrogou esa prohibición, nin os conservadores nin os socialistas-liberais.
O actual goberno conservador encabezado por Viktor Orbán ha ir máis aló que os seus predecesores en canto á histeria anticomunista se refire. A época socialista e os seus dirixentes son considerados criminais. A cuarta emenda á Lei Fundamental de Hungría, aprobada o pasado mes de marzo, sinala: “O Partido Socialista Obreiro Húngaro, os seus predecesores legais e os órganos políticos creados na ideoloxía comunista para o seu servizo foron todos órganos criminais e os seus dirixentes son responsábeis sen limitacións”. Tal emenda á Constitución pode servir de base para numerosas acusacións e procesamentos.
En novembro de 2012 o goberno húngaro lanzou un novo e moi importante ataque contra o noso Partido. O parlamento de Budapest adoptou unha nova lei que prohibe o uso público de nomes vinculados aos “réximes autoritarios do século XX”. Por esta razón tivemos que cambiar o nome do noso partido e eliminar a palabra “Comunista”, pero seguimos sendo un partido comunista marxista-leninista que loita contra o capitalismo.
UeL: Fálase cada vez con máis frecuencia do ascenso dos grupos de extrema dereita e fascistas en distintos países europeos. En Hungría está o partido Jobbik e, no seu día, a Magyar Garda, como analiza o Partido Obreiro Húngaro esta situación?
GT: Existe en Hungría un partido de extrema dereita, o Jobbik , que é un produto do capitalismo húngaro e que ten unha tarefa principal: manipular ás masas con consigas pseudo-radicais e pseudo-anticapitalistas, ao mesmo tempo que dificulta o fortalecemento das forzas comunistas. Se no ano 2010 non existise o Jobbik , o Partido Obreiro recibiría o apoio dos insatisfeitos co capitalismo e entrariamos no parlamento.
A política do Jobbik unicamente parece anticapitalista, pero de feito o que fan é protexer ao sistema capitalista. Xunto ao pseudo-anticapitalismo utilizan outras dúas ferramentas, que son o antisemitismo e as consignas contra os xitanos. Porén, actualmente a clase capitalista húngara non pensa que a vía para salvar ao capitalismo sexa permitir que as forzas pro-fascistas cheguen ao poder.
As declaracións sobre a ameaza á poboación xudía e sobre o perigo do fascismo son armas no arsenal das forzas socialistas-liberais. Así tratan de distraer a atención do pobo traballador da loita de clases contra o capitalismo e unilos ás súas filas con consignas de loita antifascista e defensa da democracia.
UeL: O voso partido abandonou o PIE no ano 2006, criticando moi duramente as posicións do mesmo, podes explicarnos como foi o proceso que levou á vosa saída do PIE?
GT: O noso Partido sempre apoiou todas as formas de cooperación dos partidos comunistas. Esperabamos que a Esquerda Europea, que incluía a partidos comunistas con grandes tradicións revolucionarias como franceses e italianos, servise aos intereses das masas traballadoras. Posteriormente démonos conta de que iso non era así. Eu mesmo tiven un serio conflito co anterior presidente do PIE, Bertinotti, cando declarou que non necesitabamos máis loita de clases senón “unha nova cultura política europea”. Nós intentabamos explicar que en Hungría nos enfrentabamos ás peores formas de explotación capitalista e que unicamente hai unha vía para axudar ás masas traballadoras: a loita contra o capitalismo. Chegamos á conclusión de que o PIE non é máis que un instrumento do capitalismo europeo e do Parlamento Europeo para manipular ao movemento comunista.
UeL: Cal é a análise e a posición do voso Partido sobre a Unión Europea?
GT: Consideramos que a UE é un instrumento do capital europeo. Facemos o maior esforzo por convencer á xente de que a UE non se creou para dar unha vida mellor á xente, senón para asegurar un uso máis efectivo do capital. Debemos dicirlle á xente que a UE non é unha organización de caridade, senón que serve aos intereses do gran capital. Debemos convencer á xente de que a “Renda Básica Incondicional” non é posíbel baixo o capitalismo e de que todos os que a pregoan buscan socavar a loita de clases das masas traballadoras. Debemos explicar á xente que non é útil esperar agasallos da burguesía e que, se queremos algo, debemos loitar por iso. O pobo húngaro tiña moitas ilusións antes de entrar na UE. Pensábase que viviriamos como os austríacos ou os alemáns, pero a verdade é que a diferenza entre Hungría e Austria fíxose máis grande. A nosa postura é a saída da Unión Europea.
UeL: O PCPE e o Partido Obreiro Húngaro coinciden en diversos ámbitos de coordinación, como a Iniciativa Europea e a Revista Comunista Internacional. Como valorades estes pasos na liña dunha maior coordinación comunista a nivel europeo e mundial?
GT: O Partido Obreiro Húngaro cre no internacionalismo. Creemos que temos un inimigo común e que debemos loitar xuntos contra este inimigo. Participamos nos Encontros Internacionais de Partidos Comunistas e Obreiros, apoiamos os tradicionais encontros dos comunistas europeos e desexamos contribuír aos mesmos, porque este intercambio anual de opinións é moi útil.
A nosa cooperación é boa pero non é aínda o suficientemente efectiva. Que vemos nós? Vemos que falamos demasiado e que, na práctica, facemos moito menos. As nosas accións comúns realmente son só declaracións comúns e o que facemos non afecta á vida interna do noso Partido, non obtemos forzas adicionais a partir da nosa cooperación. Pensamos que se debe cambiar esta situación e por iso nos unimos á Revista Comunista Internacional, que se converteu nun órgano de alto nivel político e teórico. Por iso apoiamos a idea do PC de Grecia de establecer unha nova forma de cooperación, a “Iniciativa de partidos comunistas e obreiros para estudar e elaborar sobre temas europeos e coordinar a súa actividade”. Esta é unha nova forma de cooperación que non resolverá automaticamente os nosos problemas pero que pode abrir novas vías para nós. Podemos utilizar as valiosas experiencias do noso movemento e manter alta a bandeira do internacionalismo.
Non debemos pechar os ollos. Todo o que vemos en Europa -incluíndo ao fascismo, as leis anticomunistas, o rexeitamento incondicional do período socialista dos países de Europa Oriental- é resultado das accións plenamente coordinadas das forzas capitalistas. A nivel xeral da UE o PIE, Syriza en Grecia ou os partidos social-liberais en Hungría son tamén resultado das accións coordinadas das forzas capitalistas contra nós.
As forzas capitalistas saben moi ben que nós, hoxe, non podemos tomar o poder, pero tamén saben que representamos un novo mundo, un mundo humano que substituirá ao seu mundo capitalista inhumano. Que ninguén se faga ilusións! Hoxe non nos enfrontamos a unha discusión placenteira entre cabaleiros sobre o futuro común europeo, trátase dunha loita a vida ou morte. E queremos vivir, por iso necesitamos máis internacionalismo, máis coordinación e máis cooperación.
UeL: Como analiza o Partido Obreiro Húngaro a situación do Movemento Comunista Internacional en xeral?
GT: As forzas capitalistas gañaron a Guerra Fría, foron capaces de destruír os países socialistas europeos e de destruír as conquistas sociais das masas traballadoras dos países da UE. Todo isto levou á crise ideolóxica, política e organizativa do movemento comunista, da que aínda non saímos malia que fagamos moi serios intentos e haxa algúns bos resultados.
O capitalismo está en crise e non é capaz de superar esa crise. Enfróntase a problemas históricos e estruturais e a xente comeza a entendelo, non de forma inmediata pero si paso a paso, polo que debemos utilizar a nova situación para fortalecer ao movemento comunista.
Pero o certo é que hai diferenzas moi importantes. Algúns partidos pensan que deberiamos abrir os nosos encontros anuais a outros partidos de esquerda. Nós opoñémonos a iso, pensamos que os nosos encontros deben seguir sendo encontros de partidos comunistas, aínda que por outra banda haxa que ver como cooperar con algúns partidos de esquerda.
Algúns partidos pensan que deberiamos cooperar coa socialdemocracia e, ata  participar nos seus gobernos. Sobre a base da nosa experiencia, histórica e recente, podemos dicir que a cooperación cos socialdemócratas sempre conduciu ao debilitamento dos comunistas.
Algúns partidos pensan que xa non necesitamos loitar contra o revisionismo e o oportunismo. Nós pensamos que o revisionismo é o maior inimigo da clase obreira. Se atopas a un capitalista de dereitas, entenderás que é un capitalista, pero se atopas a un revisionista, ás veces é difícil entender quen é. Poden utilizar as nosas consignas e poden dicir que serven ao pobo, pero posteriormente verás que, ademais, queren o capitalismo.
Pensamos que necesitamos discutir máis a diferentes niveis. En primeiro lugar deberiamos incluír na nosa cooperación internacional aos verdadeiros loitadores dos nosos partidos, aos propios traballadores, aos dirixentes locais, á xeración nova. Eles son o partido vivo e deberiamos escoitar a súa voz.
UeL: Para rematar, gustaríache engadir algunha outra cousa para coñecemento dos nosos lectores?
GT: Apreciamos enormemente a loita consecuente do PCPE contra o capitalismo e polo socialismo. Aprendemos moito da vosa experiencia e dicímoslles aos nosos mozos: por favor, estudade español para coñecer mellor a loita revolucionaria dos nosos amigos. Estou seguro de que estamos xuntos no camiño correcto, a nosa loita non é fácil pero venceremos.
[Fonte: UyL]
-Traducido por FORXA!-