Adiante a loita dos traballadores e traballadoras de Tragsa e Tragsatec.

Comunistas da Galiza (FORXA! e PCPE) e as CMC apoiamos e chamamos a apoiar ás traballadoras e traballadores do grupo TRAGSA que van á Folga o 7 de novembro.
O despedimento colectivo anunciado pola compañía deixará na rúa a máis de 800 persoas en TRAGSA e outras tantas na súa filial TRAGSATEC, que as empresas xustifican alegando a “previsión de perdas” para este ano, e ocultando os millonarios beneficios acumulados por ditas compañías nos exercicios anteriores.
Millonarios beneficios porén da nefasta xestión realizada polas entidades accionistas como a SEPI, que, como no caso do sector público da produción naval, sen dúbida é  unha “incompetencia” orientada a desmantelar e privatizar o que queda de sector público, convertilo en negocio de compañías privadas a costa dos postos de traballo e as condicións  laborais da clase obreira.
Aquí a única “previsión de perdas” é a perda do pan das familias deses 1600 traballadores e traballadoras no inmediato. E se non loitamos, será o conxunto do cadro de persoal, ata un total de 10000, que sufrirán sucesivas vagas de despedimentos colectivos e a rebaixa salarial que as mercantís queren aplicar, vendéndolles ao conxunto do cadro de persoal a promesa de despedir a menos compañeiros/as , a cambio dunha forte rebaixa salarial. A isto as traballadoras e traballadores dixeron NON: O noso convenio remata a finais de ano e non imos negociar as nosas condicións na mesa do ERE.
A medida antiobreira da compañía vai máis alá do ataque actual e está pensada para o conxunto dos 10000 traballadores e traballadoras do grupo TRAGSA no 100% de centros de traballo existentes en cada provincia.
E ten no punto de mira un servizo estratéxico do que depende a produción forestal, agrícola e mariña, cuxo desmantelamento suporá máis ruína para o pobo traballador e máis beneficios para os monopolios privados que se serven das súas unións imperialistas para asfixiar e desmantelar cos seus vetos, cotas e restricións o pouco que vai quedando de tecido produtivo.
Comunistas da Galiza (FORXA! e PCPE) e os CMC expresamos o noso apoio  e compromiso decidido coa xusta loita das traballadoras e traballadores de TRAGSA.
A única alternativa que temos a clase obreira é a UNIDADE, a unidade das asembleas en todos os centros de traballo, polo que propoñemos a creación de Comités de Unidade Obreira (CUO) que superen a división de siglas sindicais, para acadar o obxectivo inmediato de parar o plan de liquidación de emprego, dereitos e condicións laborais dignas. A UNIDADE e loita organizada da clase obreira son condicións necesarias para derrocar os plans antiobreiros do capital, porque a supervivencia do sector e dos nosos postos de traballo e dereitos só imos garantila de xeito duradeiro nacionalizando baixo control obreiro todos os sectores produtivos e os servizos estratéxicos, planificando a economía para que sirva ás necesidades populares e non aos beneficios dos monopolios capitalistas.
Temos forza se imos unid@s á loita: somos a maioría e somos quen todo o producimos co noso traballo.
Adiante a folga o 7 de novembro!
VIVA A LOITA DA CLASE OBREIRA!