Dimitris Koutsoumpas: É necesaria a coordinación e a elaboración dunha estratexia revolucionaria común.

ECE 2013: Discurso introdutorio pronunciado polo Secretario Xeral do CC do KKE, Dimitris Koutsoumpas.
O 30 de setembro de 2013 nunha aula do Parlamento Europeo en Bruxelas, por iniciativa do KKE, celebrouse o Encontro Comunista Europeo de 2013 baixo o tema: “O papel dos Partidos Comunistas e Obreiros de Europa no fortalecemento da loita da clase obreira e dos sectores populares contra a UE e a estratexia do capital, por unha saída da crise favorábel aos pobos, polo derrocamento do capitalismo, polo socialismo”.
Neste encontro os partidos comunistas e obreiros de toda Europa discutiron sobre a súa loita contra a UE e a estratexia do capital, intercambiaron experiencia da súa actividade en cada país, planearon iniciativas para a coordinación da súa actividade. Este encontro ha ter unha importancia adicional dado que este ano se celebrou no período previo ás próximas eleccións europeas.
Neste encontro participaron 32 partidos comunistas e obreiros de toda Europa.
O discurso introdutorio no encontro foi pronunciado polo Secretario Xeral do CC do KKE, Dimitris Koutsoumpas, quen destacou:
Dimitris Koutsoumpas: É necesaria a coordinación e a elaboración dunha estratexia revolucionaria común.
“Estimados camaradas:
Agradecemos aos Partidos Comunistas e Obreiros por aceptar a invitación do KKE. O Encontro Comunista Europeo estableceuse como un espazo para discutir sobre os acontecementos en Europa así como os acontecementos internacionais, e contribuír ao intercambio de experiencia da loita dos comunistas e do movemento obreiro e popular para fortalecer a acción común.
Consideramos que os Partidos Comunistas e Obreiros teñen que reforzar a súa acción ideolóxica, política e de masas independente, insistir na coordinación da súa loita contra o sistema de explotación, a UE, o capital e os partidos que serven aos seus intereses. Ademais, os diversos partidos burgueses e oportunistas utilizan moitas formas para elaborar a súa intervención política, para coordinarse, promovendo unha ou outra forma de xestión a favor do capitalismo.
O KKE fará todo o posíbel para fortalecer o movemento comunista e obreiro europeo, para reforzar a actividade independente dos nosos partidos, no sentido da necesidade de elaborar unha estratexia revolucionaria exitosa.
Este encontro constitúe ao mesmo tempo un chamamento aos pobos de Europa para agruparse e loitar xunto cos Partidos Comunistas e Obreiros en cada país, para a organización máis eficaz da loita, a promoción das loitas sociais e a alianza popular. É un chamamento aos pobos para que dirixan a súa loita á confrontación co inimigo real, é dicir o propio poder dos monopolios, as organizacións imperialistas, a UE e a OTAN.
Estimados camaradas:
A crise capitalista, unha crise de sobreprodución e sobreacumulación de capital que continúa en Grecia e nunha serie de países da UE, está acompañada por duras medidas antiobreiras. Non é unha particularidade ou un fenómeno dun país en particular. O ataque antiobreiro estase intensificando en todos os Estados-membros da UE, así como noutros países do continente europeo co fin de asegurar a competitividade das empresas monopolistas, de garantir forza de traballo barata e de atopar novos campos de rendibilidade para o capital.
En realidade trátase de reestruturacións antipopulares aprobadas e encamiñadas moito antes do estoupido da crise. Despois do estoupido da crise fíxose posíbel acelerar e xeneralizalas. Estas directivas non teñen que ver soamente cos Estados endebedados da UE, senón con todos os países.
En total, en todos os países capitalistas, en condicións de recesión ou de “crecemento”, no “sur pobre” ou no “norte rico”, nas unións interestatais capitalistas vellas, como é a UE, ou nas máis novas, os traballadores enfróntanse e seguirán enfrontándose ás reestruturacións capitalistas que son necesarias para o capital. Por exemplo, en Grecia desenvólvese rapidamente a contracción, a pechadura e a privatización de entidades públicas, como son EAS (Sistemas de Defensa Helénicos), LARCO (empresa mineira e metalúrxica), a radiotelevisión estatal e outros sectores de importancia estratéxica.
Ao mesmo tempo, entre o persoal político e económico da burguesía continúa o conflito sobre a fórmula de xestión. Trátase dun conflito que reflicte o choque de intereses diferentes de sectores das clases burguesas en Europa, mentres que diversas forzas de matiz socialdemócrata e oportunista buscan involucrar a sectores da clase obreira, das capas populares, e colocalos baixo unha “bandeira allea”.
O debate sobre a xestión da débeda, da crise, estase agudizando, sobre todo entre os Estados endebedados, en relación co cambio da fórmula da política fiscal. Este debate lévase a cabo no terreo do cambio da correlación de forzas en Europa. O movemento comunista e obreiro non debe subestimar a desigualdade dentro da zona euro, a UE en xeral e fóra desta, que se está aumentando constantemente. Por exemplo, estase aumentando a diferenza de forza entre Alemaña, Francia, Italia, España, etc. En comparación con 2000 a diferenza está crecendo a favor de Alemaña nunha serie de indicadores básicos da economía. Isto explica en certa medida por que os gobernos de Francia e Italia, co apoio dos EE.UU., están exercendo presión sobre o goberno alemán para que asuma maior carga de diversos xeitos (recorte de préstamos, eurobonos etc.).
No debate falso e espurio sobre a fórmula da xestión toman parte todos: tanto sectores das clases burguesas dos nosos países, como os partidos liberais e neoliberais burgueses e os partidos socialdemócratas –tradicionais e novos- e os da “esquerda” ou da “neo esquerda”, partidos comunistas e obreiros que sufriron unha mutación oportunista. Niso atópanse as súas diferenzas básicas, pero seguen sempre a mesma liña da construción imperialista-capitalista da UE, segundo obrigan as súas opcións, directivas e decisións políticas antipopulares.
Todo iso dicímolo porque en realidade esta confrontación inter-burguesa non ten nada que ver cos verdadeiros intereses dos traballadores, xa que o camiño de desenvolvemento impulsado polo beneficio capitalista, que ten como obxectivo a reprodución ampliada do capital, non pode conducir á prosperidade do pobo. Oponse a iso tanto na fase de crise como na fase de alta taxa de crecemento. Ningunha xestión alternativa do capitalismo pode abolir os factores que contribúen á inflación da débeda, tales como o desenvolvemento desigual na zona euro, na UE e a manifestación periódica da crise no marco da vía capitalista de desenvolvemento.
Estimados camaradas:
Nestas condicións da crise capitalista estanse agudizando ademais as contradicións que se centran en quen, que Estado, que sección do capital, que potencia e alianza imperialista tomará o control dos recursos naturais, as rutas de transporte de enerxía, de petróleo e de gas natural, como serán distribuídas as cotas de mercado. Estas contradicións no medio da crise demostran que a crise capitalista e a guerra imperialista son irmáns xemelgos. No medio da crise os reaxustes na correlación de forzas entre os Estados capitalistas estanse aumentando, novas potencias están emerxendo e pretenden distribuír de novo os mercados no seu beneficio. As vellas potencias tratan de preservar as súas posicións, e se é posíbel gañar novas. É absolutamente válida a posición de que: “a guerra é a continuación da política por outros medios”. Cando o sistema, as clases dominantes non poden servir de xeito diferente os seus intereses depredadores, recorren á guerra aberta. Isto foi historicamente demostrado moitas veces. Así é como funciona o capitalismo; este é o sistema de explotación. E de feito, os “lobos” tratan de aparecer coas intencións máis “inocentes”. Así que os EE.UU., que durante dez anos facían uso a gran escala do “axente laranxa” en Vietnam, asasinando a 400.000 persoas e deixando a medio millón de persoas discapacitadas e con deformidades, hoxendía utiliza o argumento do “uso de armas químicas” para os seus plans contra Siria. É a mesma potencia que fai nove anos fixo uso de bombas químicas de “fósforo branco”. É a mesma potencia que man a man coa UE -dos aeroportos de cuxos países se despegaban os avións da OTAN- lanzaban as bombas de uranio empobrecido en Iugoslavia.
Ademais, deste encontro saudamos o importantísimo comunicado conxunto de 77 Partidos Comunistas e Obreiros de todo o mundo contra a hipocrisía imperialista e os plans para unha guerra imperialista contra Siria.
Estimados camaradas:
Hoxendía, os pobos acumularon experiencia amarga dos camiños sen saída da barbarie capitalista. Con todo, as forzas burguesas e oportunistas pretenden crear confusión no pensamento do pobo. Están falando dunha crise que supostamente se debe a un “dogmatismo neoliberal”, absolvendo deste xeito o propio sistema capitalista e están propagando entre os traballadores un desenvolvemento capitalista distinto, “saudábel”.
Algúns pretenden convencer de que o desemprego que en Grecia xurdiu ao 30%, a indixencia, o deterioro da vida soamente se debe aos memorandos”, ocultando que a crise capitalista se manifestou trala implementación de decisións para reestruturacións antipopulares e a continuación seguiron os memorandos, ou que unha política bárbara similar está sendo aplicada en países sen memorándum. En Francia por exemplo que non ten nin memorandos nin Troika, Hollande leva a cabo unha reforma do sistema de seguridade social, con aumentos dramáticos nas contribucións de seguridade dos traballadores e nos límites de idade de xubilación.
Outros, descubriron de súpeto que Grecia “perdeu a súa soberanía” e está “baixo ocupación”, tratando deste xeito ocultar o duro carácter clasista das medidas que se están implementando. Trátase de medidas que están a favor dos intereses dos capitalistas nacionais e estranxeiros e que se toman non debido a unha “postura submisa”, “traizón”, pero co acordo e en beneficio da burguesía grega e dos partidos políticos que a serven no sistema político que gobernan co obxectivo único de salvagardar a rendibilidade do capital e a perpetuación deste sistema. Polas mesmas razóns, a burguesía de cada país, cede dereitos soberanos, no marco de unións imperialistas, como é a UE e a OTAN. Para reforzar, para fortalecer o seu poder, así como para asegurar unha parte do “botín” no conflito cos monopolios doutras potencias.
Así pois, a solución para os traballadores non pode ser a va esperanza supostamente dunha diferente xestión do capitalismo, como sostén o chamado Partido da Esquerda Europea (PEE). Isto demostrou unha va esperanza en moitas ocasións na práctica. Para os traballadores é unha dolorosa perda de tempo valioso. Isto demóstrano as medidas antipopulares e os graves problemas do pobo nos EE.UU. de Obama, o “novo vento” de Hollande en Francia que demostrou ser “velenoso” para os intereses dos traballadores e do pobo.
A solución non se acha nin na chamada “democratización” da UE, é dicir na “humanización do capitalismo”, como predica en Grecia o partido de SYRIZA e en Europa o Partido da Esquerda Europea. A UE non pode converterse de “foso de leóns” para os pobos, nunha UE con igualdade e democracia, o cal foi demostrado por Lenin no seu traballo “Sobre a consigna dos Estados Unidos de Europa” que foi totalmente vindicado.
Os traballadores poden e deben trazar o seu propio “contraataque” contra o curso reaccionario e o militarismo da UE, que non pode ser o regreso ao capitalismo dos séculos XVIII e XIX, como sosteñen algunhas forzas no nome da restauración da “soberanía” dos Estados burgueses. Non só porque a historia non retorna, xa que estamos na fase imperialista, a última fase do capitalismo, en que os monopolios buscan consolidar tales unións interestatais capitalistas antipopulares para satisfacer os seus intereses, mais ademais porque ata se supoñemos que un país se retire desa unión interestatal capitalista, haberá miles, decenas de miles “anzois” que o manterán atrapado nas relacións de interdependencia desigual que se desenvolven no marco da “pirámide” imperialista do sistema capitalista internacional.
Así, segundo a avaliación do noso Partido, a satisfacción das necesidades obreiras e populares, así como a soberanía popular, a liberación das ataduras das unións imperialistas, soamente pódense garantir polo poder obreiro e popular, a socialización dos monopolios, a planificación científica central da economía, o control obreiro e popular.
Por suposto, estimados camaradas, sabemos que as forzas do capital tratarán de utilizar todas as ferramentas que posúen non só para desorientar aos traballadores, senón ademais para intimidarlles. En Grecia, o capital está tratando de utilizar o “Amencer Dourado” nesta dirección. Unha organización criminal nazi de asasinos que se presentou supostamente como antisistémica e que, recentemente, logo de atacar de modo mafioso, golpeando e poñendo en perigo a vida de dirixentes do KKE, ao día seguinte asasinou a un mozo. É a mesma organización que con odio racista asasinou, golpeou, torturou a decenas de inmigrantes no noso país. É a mesma organización que nos últimos anos estivo organizando oficinas “negreiras” para contratar a traballadores, que xoga un papel protagonista nos recortes de soldos e salarios de acordo coas ordes da patronal, pretende eliminar e controlar os sindicatos para subxugalos, convertelos en órganos dos grandes contratistas, dos armadores, dos explotadores do traballo dos obreiros, demostrando unha vez máis que o fascismo nace no seo da podremia do capitalismo.
A actividade efectiva para a erradicación total do fascismo está ligada coa loita e a alianza popular dirixidas ao derrocamento do sistema que alimenta aos nazis. Este debe ser o camiño, esta debe ser a dirección da confrontación e das loitas do movemento obreiro e popular. As chamadas frontes antifascistas con forzas políticas que defenden a explotación capitalista ou encobren a relación do fascismo co sistema son desorientadores.
O sistema capitalista de explotación, coas crises, as guerras imperialistas, o esforzo de rexurdimento do fascismo, os enormes problemas populares que produce, demostran que superou os seus límites históricos. Destaca a necesidade da loita polo seu derrocamento.
Estimados camaradas:
Nestas condicións o papel do Partido Comunista é insubstituíbel en canto á organización da loita dos traballadores, para a confrontación das medidas antiobreiras e antipopulares, así como a través da formación dunha estratexia revolucionaria para crear as condicións previas polo cambio radical da correlación de forzas negativa, que achandará o camiño a través da mobilización e actividade organizada das masas obreiras e populares, para erradicar definitivamente as causas que reproducen a pobreza e a guerra dos traballadores, as ganancias e a riqueza dos capitalistas.
O KKE, que hai uns meses celebrou o seu 19º Congreso, confirmou coa aprobación unánime do novo Programa, dos Estatutos e da Resolución Política, que o noso Partido en ningún caso “dará o bico da vida” ao sistema capitalista podrecido, ao Estado burgués podrecido ao participar nunha ou outra forma de xestión da crise a favor do capital a través de gobernos, calquera forma que teñan, calquera nome que teñan para enganar aos traballadores. En Grecia está en desenvolvemento a reestruturación, a reforma do escenario político. A transformación do partido oportunista SYRIZA en partido socialdemócrata e no novo “alicerce” do sistema político bipartidista burgués está avanzando rapidamente. En condicións de dominación dos monopolios, a través das unións imperialistas da OTAN e da UE, unha tal xestión gobernamental non pode dar solucións en ningún caso; non pode aliviar ao pobo e aos sectores populares no máis mínimo. Ao contrario, fará que o movemento obreiro e popular se axeonlle, se dobre, asimilará forzas e o pobo perderá tempo valioso.
Hoxe, o KKE dá gran importancia á formación da Alianza Popular, que expresará os intereses da clase obreira, dos traballadores autónomos e dos campesiños pobres, dos mozos e das mulleres de familias obreiras e populares e terá unha orientación clara contra os monopolios e o capitalismo. A Alianza Popular será social e terá características de movemento nunha liña de ruptura e derrocamento e non terá nada que ver con políticas “fusións nos cumes” e con “solucións desde arriba” no nome dunha borrosa “esquerda gobernamental”.
Hoxe día, a Alianza Popular deu os seus primeiros pasos, adquiriu una certa forma co marco de acción común no movemento obreiro sindical a través da Fronte Militante de Todos os Traballadores (PAME), no campesiñado pobre nas zonas rurais a través da Fronte Militante de Todos os Campesiños (PASY), nos traballadores autónomos do Fronte Antimonopolista Grego de Autónomos e Pequenos Comerciantes (PASEVE), entre os mozos da Fronte Militante de Estudantes (MAS) e nas mulleres a través das asociacións e grupos da Federación de Mulleres de Grecia (OGE) e…
A Alianza Popular responde á cuestión da organización da loita pola confrontación das bárbaras medidas antiobreiras e antipopulares, concentrando forzas e levando a cabo unha loita de contraataque, para lograr algunhas conquistas no camiño da loita polo derrocamento do poder dos monopolios. A Alianza Popular coa súa orientación antimonopolista anticapitalista promove a ruptura coas unións imperialistas, oponse á guerra e as intervencións imperialistas, a calquera participación nelas. Toma acción para fortalecer a agrupación das forzas sociais antimonopolistas anticapitalistas, pretende que a loita se dirixa cara o poder obreiro popular. A Alianza Popular dirixe a súa loita contra os mecanismos de represión. Cada forza social, separadamente do marco de acción común, ten as súas propias tarefas.
Pretendemos que a Alianza Popular agrupe forzas en cada cidade en base aos grupos monopolistas, as fábricas, os centros comerciais, os hospitais, os Centros de Saúde, as plantas de electricidade, as telecomunicacións, a infraestrutura, as redes e os medios de transporte. Que asegure a actividade común destas forzas en base ao sector e en xeral cos desempregados, as forzas dos traballadores autónomos, os campesiños pobres e os demais traballadores pobres. Que se desenvolva como un proceso de maduración da conciencia política, da organización e das formas de loita.
Nestas condicións organízase e se coordina para a resistencia, a solidariedade, a supervivencia. Defende os ingresos dos traballadores e do pobo: os salarios e os convenios colectivos, as pensións, os dereitos laborais e populares, os prezos aos que os produtores venden os produtos agrícolas, a protección dos campesiños e os traballadores autónomos, a vivenda popular da especulación dos bancos e dos impostos. Defende o dereito á educación, a saúde e o benestar exclusivamente públicos e gratuítos, a loita por produtos de consumo público baratos e de calidade, a infraestrutura gratuíta para a cultura e os deportes. Loita contra todas as drogas, para a emancipación e a igualdade de xénero, a protección dos desempregados, o transporte, o aloxamento e a alimentación dos alumnos e estudantes, as necesidades inmediatas das parellas novas, contra a adicción ás drogas e o alcoholismo. Esixe medidas de protección contra os terremotos e as inundacións, obras públicas de infraestrutura que melloren as condicións de vida, a intervención humana equilibrada no medio ambiente. Destaca o potencial de desenvolvemento do país en termos de disponibilidade de materias primas, de concentración de medios de produción, de habilidades da forza de traballo, de conquistas científicas-tecnolóxicas.
A Alianza Popular loita contra a represión estatal, contra a violencia patronal, defende as liberdades sindicais e civís, destaca que a democracia burguesa é unha forma de ditadura do capital, dos monopolios. A loita por unha saída da crise favorábel aos pobos está inextricabelmente ligada ao desencadenamento da UE, a cancelación unilateral da débeda pública sen ningún impacto sobre os fondos de seguridade social, os hospitais públicos, en ruptura con todas as unións e as alianzas imperialistas.
A loita polo desencadenamento da UE está ligada á loita contra o poder dos monopolios e a loita da clase obreira e dos seus aliados polo poder obreiro e popular. As posicións de forzas burguesas e outras de saída soamente do euro e da UE sen afectar o poder dos monopolios, sen a súa socialización, sen a planificación central e o poder popular, é dicir sen as ferramentas esenciais para o desenvolvemento do país a favor do pobo, para a distribución da forza de traballo, o traballo estábel para todos, a eliminación da desigualdade das rexións, a cooperación e relación de beneficio mutuo cos demais países do noso continente e do mundo, non constitúen unha perspectiva favorábel ao pobo, senón a perpetuación do sistema capitalista e do poder do capital, de todos os elementos que traen as crises e as guerras.
Ao mesmo tempo, o 19º Congreso do KKE deu prioridade á necesidade de fortalecer os lazos entre as organizacións do partido coas masas obreiras e populares, de construír organizacións partidistas sobre todo nos sectores estratéxicos, en cada centro de traballo. Ao mesmo tempo, tomamos en conta a opción da burguesía, tanto en condicións de crises capitalista como en condicións dunha posíbel guerra imperialista coa participación de Grecia, de golpear ao movemento obreiro, impedir a máis mínima radicalización da clase obreira e dos sectores populares pobres, algo que está inextricabelmente ligado coa restrición da actividade do KKE e a proclamación do anticomunismo como ideoloxía oficial do Estado, a través da utilización da teoría coñecida dos “dous extremos”. Por iso promovemos a necesidade dunha preparación ideolóxica, política e organizativa esencial do movemento obreiro, que establecerá o partido da clase obreira no noso país, o KKE, un partido que traballa en todas as circunstancias, capaz de confrontar calquera reto que poden crear os xiros repentinos no curso da loita de clases, no camiño pola abolición da explotación capitalista, polo desencadenamento das unións imperialistas e a construción da sociedade socialista-comunista.
Estimados camaradas:
O KKE non oculta dos traballadores que o movemento comunista e obreiro, sobre todo despois do derrocamento do socialismo na URSS e nos demais países de Europa Central e Leste, sufriu grandes dificultades. Está experimentando unha situación de crise ideolóxica, política e organizativa profunda e está baixo a presión tanto de forzas burguesas que en varios casos proceden a medidas represivas de prohibición ou limitación da actividade dos comunistas, así como de forzas oportunistas que pretenden “mutilalo” das súas características revolucionarias e asimilalo no sistema capitalista. Esta situación do movemento comunista, sobre todo en Europa, entra en gran contradición coa necesidade de que as forzas obreiras e populares reclamen a riqueza que producen. Sen un movemento comunista forte en todos os países, sen a coordinación da acción e a elaboración dunha estratexia revolucionaria común, o movemento comunista non pode cumprir coa razón da súa existencia. Por suposto, entendemos que non podemos superar dun momento a outro unha situación que se formou ao longo de décadas.
Con todo, non hai outro camiño que rodar as mangas, organizar a nosa loita, estudar conxuntamente os complexos acontecementos europeos e mundiais, trazar e coordinar a nosa acción común contra a UE do capital e da guerra.
En poucos meses están por celebrarse as eleccións no Parlamento Europeo, unha importante loita política en que os partidos comunistas e obreiros deben centrar a súa ofensiva contra a estratexia burguesa e oportunista, contra a UE, promovendo a súa proposta política.
Camaradas:
Hai 165 anos, Marx e Engels publicaron a súa obra magnífica “O Manifesto do Partido Comunista” que iniciaba coa afirmación que “Unha pantasma percorre Europa: a pantasma do comunismo. Todas as forzas da vella Europa uníronse en santa cruzada para acosar a esa pantasma”.
O ataque que sofren hoxe día as ideas comunistas polos burgueses e os oportunistas mostra que esta “pantasma” aínda preocupa á “vella Europa” malia que se debilitou, porque constitúe a única proposta realmente alternativa, que non é outra que a sociedade socialista-comunista. Mentres que o desenvolvemento da cooperación e da acción común dos partidos comunistas e obreiros en Europa toma corpo, pero esencialmente prepararase o camiño para os cambios radicais significativos no continente europeo. Nesta dirección o KKE contribuirá na medida das súas forzas.”

- Traducido por FORXA! -