O capitalismo, o imperialismo e a CIA.

Que é o imperialismo?
O imperialismo non é unha actitude nin un comportamento, tampouco o constitúen as consecuencias dunha guerra. O imperialismo é o capitalismo nunha etapa superior de desenvolvemento. É capitalismo en descomposición.
Lenin, en O Imperialismo, fase superior do capitalismo, afirmaba que cando o capitalismo chegou a unha fase determinada do seu desenvolvemento, algunhas das características que había ter na súa fase premonopolista se trocaron na súa antítese e esta negación se converteu na esencia da fase superior. Negación que só será negada, á súa vez, durante a fase socialista-comunista.
Lenin resumía esta nova situación en cinco características:
"A concentración da produción e do capital chega ata un grado tan elevado de desenvolvemento que crea os monopolios, os cales desempeñan un papel decisivo na vida económica; 2) a fusión do capital bancario co industrial e a creación, no terreo deste capital financeiro, da oligarquía financeira; 3) a exportación de capitais, a diferenza da exportación de mercancías, adquire unha importancia particularmente grande; 4) fórmanse asociacións internacionais monopolistas de capitalistas, as cales repártense o mundo; 5) terminou o reparto territorial do mundo entre as potencias capitalistas máis importantes".
Expansión do imperialismo norteamericano.
A medida que se foi consolidando a potencia norteamericana, moi pronto se deu conta de que o seu futuro como clase dominante hexemónica transcendía a súa orixinal configuración territorial. Así, as 13 Colonias lanzáronse, apenas lograda a independencia, a colonizar o Far West, ao prezo do exterminio dos nativos americanos.
Axiña que como 1823 os EEUU manifestan ao mundo a súa dimensión continental. As novas intencións imperiais se sintetizan na "Doutrina Monroe" (América para os americanos). Esta doutrina é a que lle serve á clase dominante norteamericana como lexitimación ideolóxica para xustificar as súas inxerencias, primeiro, en todo o continente americano (que constitúen o seu patio traseiro), e despois, en todo o mundo.
A clase dominante ianqui ten tan interiorizado este discurso que segue sendo profundamente actual na súa actuación internacional, reflexo de que os seus intereses de clase non variaron desde a afastada data de 1823. En abril deste ano, John Kerry, Secretario de Estado, lembráballe ao mundo que:
“O hemisferio occidental é o noso patio traseiro, é de vital importancia para nós".
A CIA…un instrumento fabuloso.
A Axencia Central de Intelixencia creouse en 1947, substituíndo aos servizos secretos que estiveran funcionando ata ese momento. O eixe central que inspirou a súa creación foi a loita contra a URSS e o Movemento Comunista Internacional.
Ás alturas de 1945, a URSS gozaba dunhas enormes simpatías entre a clase obreira e os sectores populares do mundo enteiro. Non só pola vitoria sobre o nazismo. A URSS era, ademais, o país da clase obreira: un país sen paro, sen xente que durmise nas rúas, sen nenos buscando comida nos basureiros e un país, en definitiva, no que por primeira vez a clase obreira era a protagonista do Estado.
A oligarquía non quería asumir o risco do "efecto contaxio". Sabían moi ben que a “guerra contra o comunismo” non se gañaba só nos campos de batalla, gañábase nas mentes da clase obreira. E para iso, a CIA era o instrumento perfecto.
O mesmo ano do seu nacemento dotábaselle coa directiva NSC-4/A pola que se lle outorgaba poder á CIA para recorrer a propaganda, mediante publicacións anónimas, falsificadas; permitíaselle recorrer a actos de "falsa bandeira" a cargo de mercenarios e traidores, o suborno e o apoio a partidos políticos afíns, a compra de xornalistas e, por suposto, o apoio económico, militar e de "intelixencia" a paramilitares, golpistas e terroristas varios.
Un ano máis tarde aprobábase a directiva NSC-10/2 pola que se lle permite á CIA actuar legalmente noutros países, a través de operacións encubertas, en apoio dos intereses de EEUU ou de "grupos amistosos". Estas medidas ían desde a propaganda, ata a sabotaxe, pasando polo apoio a grupos anticomunistas.
En resumidas contas, a CIA naceu como unha ferramenta da oligarquía capitalista ianqui para garantir unha contorna fiábel e segura para os seus intereses e eliminar de raíz os intentos da clase obreira por encabezar un proxecto socialista-comunista. Vexamos un só exemplo:
Guatemala (1953).
Aínda que na sufrida historia de América Latina hai innumerábeis casos (Guatemala, Guayana, Brasil, República Dominicana, Cuba, Chile, Nicaragua, Granada, Panamá, O Salvador ou Haití), para non estendernos, só imos tomar o caso de Guatemala, absolutamente prototípico (e non só para América Latina).
Durante toda a primeira metade do século XX, Guatemala era un país que centraba a súa economía na exportación de produtos agrícolas (en especial, froitas), cunha poboación fundamentalmente campesiña, empobrecida, illada e practicamente analfabeta, que traballaba en condicións de brutal explotación as leiras dos terratenentes locais e os monopolios. Estes, á súa vez, necesitaban a un poderoso intermediario internacional: aí aparece a United Fruit Company (UFC).
A UFC compraba enormes cantidades de terra a baixo prezo, aínda que non para poñelas a producir, senón para: 1) anular a competencia; 2) evitar sobreprodución que fixese baixar os prezos; e 3) obrigar aos campesiños a vender as súas terras e converterse en asalariados, aceptando as súas condicións laborais.
Cunha man, a UFC compraba terras, coa outra, políticos, militares e xornalistas. A Sam Zemurray, presidente da UFC nos anos 30, atribúeselle a frase: "En Honduras é máis barato comprar un deputado que unha mula"; en Guatemala as mulas tamén eran máis caras.
O resultado: na primeira década do século XX a UFC controlaba unha enorme cantidade de hectáreas de terra no país, monopolizaba a rede ferroviaria—creada para satisfacer a exportación—e desde 1908 controlará ata o servizo postal do país, e a golpe de fusil acababa con calquera experiencia sindical e de loita dos campesiños e obreiros.
Así as cousas, en 1951 Jacobo Árbenz convértese en presidente de Guatemala, recibindo o apoio dos obreiros, os campesiños e dunha pequena parte da (escasa) pequena burguesía. O “soldado do pobo” presentaba un programa de reformas dirixidos a culminar a revolución burguesa no país: unha reforma agraria, que acabase cos latifundios; unha modernización industrial con vistas a recuperar a soberanía nacional e, en xeral, unha política destinada a limitar todo o posíbel o dominio dos monopolios ianquis.
Se a terra era o eixo sustentador da oligarquía guatemalteca, unha reforma agraria que recuperase as inxentes hectáreas en mans dos monopolios era o cabalo de batalla fundamental. Árbenz lanza, pois, unha lei que tiña como obxectivo expropiar á UFC todas aquelas terras que estivesen sen cultivar (polo valor que a UFC lle deu) e a súa entrega aos campesiños en réxime de arrendo para que as traballasen.
A United Fruit viu ameazado os seus intereses e o imperialismo ianqui puxo en marcha o seu entramado. Allen Dulles (director da CIA) e o presidente Dwight Eisenhower non tardaron en acusar ao goberno de Árbenz de estar ao servizo do comunismo internacional. Inmediatamente comezaron as presións económicas e diplomáticas. Ao mesmo tempo, a CIA comprou xornalistas, que falaban de terrorismo comunista no país, contactou con militares golpistas e contratou mercenarios para preparar o golpe.
Baixo o mando do coronel golpista Carlos Castelo Armas, a CIA conseguíulle 400 mercenarios que xogarían o papel de “exército rebelde liberador”. Co triunfo golpista, a CIA previra a invención de documentos que “demostrasen” que Árbenz era un títere de Moscú.
A finais de 1953 comezaba a invasión desde as plantacións da UFC en Honduras. Baixo a dirección da CIA, os “rebeldes” debían evitar o enfrontamento directo co exército para non xerar a imaxe de invasión; ademais, os xornalistas comprados pola CIA transmitían por radio falsos informes de inxentes cantidades de campesiños e obreiros que se unían aos rebeldes, buscando dar a imaxe de revolución popular.
En xuño de 1954 terminaba o golpe coa humillación do presidente Árbenz espido ante as cámaras no aeroporto. Pouco despois o coronel Castelo Armas, novo presidente, foi a Washington a cumprimentar ao Imperio e, nun raro xesto de franqueza, recoñeceu a súa subordinación. Nunha entrevista co vicepresidente R. Nixon espetoulle: “Dígame que quere que faga e fareino”.
Lenin, en O imperialismo e a escisión do socialismo, dicía que “o imperialismo é o capitalismo monopolista” e que “a reacción política en toda a liña é propia do imperialismo”. Vivimos, diciámolo ao principio, na época do imperialismo. Nesta fase do seu desenvolvemento a oligarquía capitalista recorre a todos os instrumentos que están na súa man para garantir a súa posición de clase e a CIA é só un arma máis da política imperialista… aínda que unha das mellores.
Armiche Carrillo
[Fonte: UyL]

-Traducido ao galego por FORXA!-