Unidade e loita de clase!

A aguda crise estrutural capitalista estase a ensañar con brutal incidencia na clase obreira dunha bisbarra que como a nosa sofre un esfarelamento crónico no industrial, económico e demográfico dende hai case 40 anos. Aos seus dramáticos efectos de desemprego masivo, aniquilación de dereitos conquistados, desmantelamento de servizos públicos, miseria, desafiuzamentos e un longo etcétera, súmanse as políticas que co engano premeditado e o agravio comparativo baten contra o futuro inmediato do pobo traballador na comarca.

Dous dos exemplos máis significados son o sector naval e o caso da siderúrxica Megasa.

No canto do primeiro, ao despedimento de milleiros de traballadores das auxiliares, fornecido pola queda da carga de traballo e o marco da subcontratación que garante a precariedade, a facilidade e o abaratamento do despido, moito máis despois da derradeira reforma laboral, engádese a nefasta xestión da dirección de Navantia e SEPI dos estaleiros públicos da ría. Incompetencia sospeitosa, quen sabe se de querencias privatizadoras, dun equipo directivo que en seis anos non foi quen de obter nin un só contrato para a continuidade da actividade, rexeitando, en principio, estudala,  para logo facelo, obrigados pola mobilización, e adiando despois ata hoxe a solución á reivindicación dunha infraestrutura como o dique flotante, vinculándoa a un pronunciamento positivo por parte da UE, o que non fai ter confianza, habida conta o historial de limitacións, impedimentos e sancións impostas ás factorías ferrolás. No seu momento, Feijoo presentouse electoralmente como “competente” comercial, captando pretendidos encargos de floteis para Pemex, que un ano despois constitúen nada máis ca fume para o naval da ría. Postulábase a Xunta como promotor dun “pool” empresarial privado que impulsara o sector e fora quen de asumir a construción do dique descartado. De todo aquilo só queda os seus servizos prestados á transnacional mexicana para entrar no accionariado de Barreras en Vigo, no contexto de ameaza de liquidación do naval privado do estado pola resolución do comisario Almunia de devolver as axudas do tax lease, sendo probabelmente o propio estado quen asuma unha vez máis os custes das vantaxes fiscais gozadas por armadores e investidores españois, en beneficio doutros terceiros como grupos holandeses, coreanos ou chineses, e en prexuízo dos máis de 87.000 postos de traballo do sector.

No caso de Megasa, a última siderurxia galega, o asunto vén dado pola modificación á baixa nas tarifas eléctricas á súa competidora catalá inmediata, que lle facilita unha substancial redución de custes de produción, inasumíbel para a factoría naronesa nas condicións de subministro actuais. Trato diferenciado e agravio comparativo para favorecer a determinados grupos empresariais, que serven como arma e excusa para ameazar co peche, deslocalización e liquidación de centos de postos de traballo e a definitiva dun sector que habería de ser estratéxico en calquera economía industrializada. E todo sen que en ningún momento se cuestione o omnímodo poder dos grandes grupos oligopólicos do sector eléctrico, que polo medio dos seus servidores de quenda no poder político desta monarquía de oligarcas, determinan en última instancia os exclusivos beneficiarios dun reparto tarifario desigual, que descargan sobre os incrementos escandalosos na facturación de millóns de familias traballadoras, para mellor beneficio dunha das patronais máis poderosas e vampíricas.

E con este panorama, que facer? Que alternativas temos a clase obreira para defender os nosos intereses? Só temos un medio: UNIDADE e LOITA DE CLASE. Unidade porque é imprescindíbel para resistir os embates do plan trazado polo gran capital para derrotar sen paliativos a nosa clase. Unidade para defender o emprego digno e estábel nunha mesma empresa pública e loitar contra a precariedade laboral do modelo da subcontrata. Unidade para confluír con todos os sectores nunha mesma mobilización unitaria que fortaleza ao movemento obreiro. Unidade para acadar obxectivos inmediatos de paralizar plans, medidas e políticas antiobreiras liquidadoras de máis emprego, dereitos e condicións laborais dignas que satisfagan as necesidades vitais dos traballadores e traballadoras. E loita de clase porque non podemos fiar os éxitos das nosas mobilizacións á subordinación ao marco político e institucional onde enterran as nosas demandas. Loita de clase porque non podemos seguir a velas vir e temos que tomar e ocupar non só as rúas senón as nosas propias fábricas e empresas, os concellos e parlamentos, para impedirlles gobernar ao seu antollo, bloquear a súa acción política e acadar a súa dimisión. Loita de clase porque a alternativa a esta desfeita pasa por industrializar e crear empresas públicas, diques flotantes incluídos, e por nacionalizar sectores estratéxicos como o naval e a siderurxia. Unidade e loita de clase organizada desde a base, desde a asemblea obreira, por riba de siglas e con obxectivos de mudanzas necesarias para a clase obreira. Unidade e loita de clase porque temos forza abondo e somos a esmagadora maioría desta sociedade capitalista.

[Fonte: CUO-Ferrol 4/7/2013]