Contra o pacto social, FOLGA XERAL!


Este 30 de maio a clase obreira vai á folga xeral en Euskadi. Vai contra a política dun goberno da dereita reaccionaria que quere facer pasar por futuro un retorno ás condicións dun pasado de miseria e superexplotación baixo a ditadura da patronal e o capital financeiro. Pero tamén contra dunha práctica sindical e política de pactismo social que en boa medida é corresponsábel xunto á crise sistémica do capitalismo, da situación actual de liquidación das conquistas de dereitos e condicións laborais, económicos e sociais dos traballadores e traballadoras.

Este pactismo pretende reeditarse mediante novos acordos antiobreiros en materias como o desemprego xuvenil, o sistema público de pensións e a negociación colectiva, coas consecuencias de destrución de postos de traballo e substitución polo subemprego, a quita ás pensións actuais e o impedimento e rebaixa na percepción das futuras, e a imposición da “paz social” da desmobilización fronte á chantaxe da “retroactividade” da táboa rasa no contido dos convenios colectivos. É lavarlle a cara á dereita no poder facendo méritos para poder manter o devalado papel de interlocutores dunhas incorrixíbeis direccións sindicais traidoras aos intereses de clase.

Os CUO-GALIZA non só apoiamos a folga senón que por solidariedade de clase facemos desta data unha xornada de loita en Galiza e en todo o estado, coa perspectiva da intensificación da mobilización obreira, da confluencia das loitas sectoriais en curso, e de novas convocatorias de FOLGA XERAL que demanda unha Clase Obreira cansa ata a enchente de contemporizacións.

Avanzaremos nesta liña se somos quen de artellar a UNIDADE DE CLASE, por riba de siglas pero con obxectivos de loita, desde a base dos centros de traballo e as asembleas obreiras para superar tanto os diques da división como o desnorte traizoeiro. Porque a loita por rematar con estas políticas é a loita para derrocar desde as rúas ao goberno autor das mesmas, sen apegos legalistas.

O próximo 12 de xuño temos folga xeral en Ferrolterra. Fagamos dese día unha nova xornada de loita que non se circunscriba ao ámbito das tres comarcas, pois aínda que  pesan as razóns propias, non difiren no fundamental das existentes en Vigo ou A Coruña. Nin en Cádiz, nin en Cartaxena, nin en Euskadi ou Catalunya. Resistimos ás mesmas políticas, padecendo o mesmo goberno ás ordes dos seus amos os oligarcas financeiros desta unión capitalista europea. E son estes aos que hai que derrotar.

CONTRA O PACTO SOCIAL E O CAPITAL!!

COA UNIDADE DE CLASE, FOLGA XERAL!!

Comités para a Unidade Obreira (CUO) - Galiza