10 de Marzo: Día da Clase Obreira Galega.

Os Comunistas de Galiza organizados tanto no PCPE como en FORXA! conmemoramos a histórica batalla do proletariado galego chamando a agrupar as forzas da Clase Obreira para resistir e derrocar ao capital.

No 41 cabodano de Amador e Daniel, heroes do proletariado caídos na loita contra as forzas do capital, a oligarquía e o fascismo, emitimos o seguinte comunicado conxunto:

Chegamos a este 10 de Marzo cunhas cifras de paro en constante aumento, nomeadamente entre a nosa mocidade. Millóns de traballadoras e traballadores privados dun posto de traballo e tamén do seu dereito a un teito, mentres a patronal fai táboa rasa de todos os dereitos acadados en anos de loita, en materia salarial, de negociación colectiva, de dereitos xubilatórios, de servizos públicos.

Os dereitos polos que loitaban nos anos 70 do século pasado os mártires do proletariado galego, a quen lembramos nesta data, están a seren liquidados un tras outro pola patronal e os diversos xerentes e axentes políticos da mesma, que representan os seus intereses, tanto desde a dereita máis dura como desde a socialdemocracia liberal ou o reformismo político, que alí onde gobernan aplican idénticas políticas de segar a rente todo dereito e toda conquista histórica da clase obreira.

As distintas variantes de xestión do capitalismo en quebra van dirixidas a abaratar a man de obra e destruír forzas produtivas, todas elas tradúcense en políticas que fan avanzar a miseria e a fame e liquidan as condicións de vida do pobo traballador, baixo o ditado dos monopolios e da Troika capitalista e imperialista.

Nesta guerra declarada pola burguesía corrupta, parasitaria e explotadora contra os traballadores, temos que respostar erguendo unha fronte obreira unificada que entenda, e faga entender ao resto de sectores populares, que a solución non é "rexenerar a democracia" nin xestionar "ben" o capitalismo, que o capitalismo é a crise, que a única saída pasa por recuperarmos o sindicalismo clasista e combativo e o agrupamento das forzas da clase obreira co obxectivo de superar un sistema -o capitalista- podre e caduco que xa chegou aos seus límites históricos e no futuro non reserva máis que escravitude e miseria ás traballadoras e traballadores.

Unidade e loita obreira para parar os brutais ataques e unificar as loitas parciais e sectoriais baixo un programa de ruptura coas alianzas e estruturas imperialistas, coa UE, o € e a OTAN, pola nacionalización e control obreiro dos grandes sectores produtivos estratéxicos e da banca, pola defensa da vivenda e a saúde e educación públicas, pola cancelación da débeda que non é a nosa débeda, pola superación do sistema de explotación.

Fai falta erguer Comités de Unidade Obreira nos centros de traballo e Comités de Unidade Popular nos barrios, nos pobos e nas vilas, que ergan o Programa liberador da nosa clase e o noso pobo na mobilización sostida e unificada contra a minoría parasitaria que nos chucha o sangue e nos escraviza. 

Nós producimos, Nós decidimos.

OU ELES, OU NÓS!

VIVA A LOITA DA CLASE OBREIRA!!!

PCPE - COMUNISTAS DE GALIZA - FORXA!