Sobre os chamados suxeitos emerxentes. Vixencia do carácter revolucionario da clase obreira e o seu partido de vangarda.

Diego Torres,
Membro do Buró Político do Partido Comunista de México
Secretario de Relacións Internacionais


O Papel da Clase Obreira. 

Desde a súa xestación, o socialismo científico distinguiuse doutras teorías ao identificar no seo da sociedade actual unha forza social chamada a sepultar o capitalismo e erixir a nova sociedade. Esta forza social era a clase obreira. Desde as primeiras obras do marxismo, xa desde os primeiros escritos (entre eles A Situación da Clase Obreira en InglaterraO Manifesto do Partido Comunista ou Principios do Comunismo), "o principal na doutrina de Marx e Engels é o esclarecemento do papel histórico do proletariado como creador da sociedade socialista".1 

Marx e Engels fundaban estas afirmacións nunha profunda análise da economía capitalista. Que condicións, características e cualidades son as que reúne a clase obreira para estar chamada a cumprir este papel?


En primeiro lugar, en que é a clase máis explotada da sociedade capitalista. As súas condicións de vida están determinadas polo feito de que a súa existencia, as súas ditas e penas, vida e morte dependen exclusivamente da venda da súa capacidade de traballo aos capitalistas e as condicións en que esta venda se dá debido ás flutuacións do mercado. Estas condicións de vida, este interese vital empúrraa constantemente a baterse a morte coa clase dos capitalistas, volve ao proletariado no máis consecuente e firme adversario do sistema capitalista.

Isto non se trata dunha observación puramente empírica, baséase no descubrimento da teoría da plusvalía, que conserva plena vixencia. O actual estourido da crise económica capitalista de sobreprodución e sobreacumulación veu destruír os últimos delirios dos que pensaban que na economía a esfera da circulación se podería desenvolver con independencia da esfera da produción e as leis que rexen a esta.

En segundo lugar, en que a clase obreira se atopa vinculada ao desenvolvemento das forzas produtivas. En tanto obreiros, non teñen vínculos co pasado da produción, cos remanentes de pasados réximes de produción, senón co desenvolvemento e o futuro da produción.

Isto significa, a contracorrente de moitas afirmacións, que o desenvolvemento da base material do capitalismo, a grande industria, non ameaza a existencia do proletariado como clase, non quebranta as súas posicións na sociedade, senón que impulsa o crecemento numérico dos obreiros e acrecenta o seu papel na vida social.

É metodoloxicamente infundado tomar un período de tempo curto para facer afirmacións sobre a desaparición do proletariado. A lei da proletarización da poboación mostra o seu impresionante alcance ao analizar o capitalismo no seu conxunto. Por exemplo, a mediados do século XIX nos Estados Unidos a clase obreira, os obreiros e as súas familias, constituía menos do 6% da poboación, en Alemaña non alcanzaba o 3%, a mediados do século XX esta cifra crecera ata alcanzar a metade da porcentaxe en ambos os dous casos. Hoxe en día, de acordo a datos da OIT, a escala global, a clase dos traballadores desposuídos de medios e que venden a súa forza de traballo a cambio dun salario oscilou dende a década dos 80 arredor do 65%.

Significa tamén que os intereses e aspiracións da clase obreira coinciden coa orientación xeral do desenvolvemento das forzas produtivas. O nivel de desenvolvemento alcanzado polas forzas produtivas require da supresión da propiedade privada sobre os medios de produción. De feito isto anúnciase xa na relativa supresión da propiedade individual sobre os medios concentrados e centralizados nos marcos mesmos do capitalismo dende que xorde a sociedade anónima e os monopolios2. A clase obreira ao carecer de propiedade privada sobre os medios de produción non a pode ter en grande aprecio. Inclusive, a propiedade privada sobre os medios de produción é a base para a explotación do obreiro polo capitalista, por iso a súa supresión e substitución pola propiedade social é o único camiño que a clase obreira ten para emanciparse.

Non escapaba aos mestres do socialismo científico que, ademais disto, a clase obreira conta con cualidades, derivadas da súa posición na produción, que se cifraban indispensábeis para un labor revolucionario.

Por exemplo, falamos xa do seu constante crecemento numérico, o movemento proletario -dicían Marx e Engels en O Manifesto do Partido Comunista- é o movemento independente da inmensa maioría en interese da inmensa maioría.

Pero non se trata só do aspecto cuantitativo; ademais a propia burguesía ao concentrar os medios de produción reúne a miles de obreiros baixo o teito das súas fábricas, situadas de ordinario en polos de concentración de capital, é dicir, nas grandes urbes. Así o proletariado supera a dispersión e o illamento. Conforme se superan os problemas da orde subxectiva e se eleva a conciencia de clase, os obreiros poden unirse e organizarse mellor que calquera outra clase.

Esta concentración da clase obreira é independente de certos desenvolvementos temporais. Pode haber períodos de tempo e países nos cales unha sección dos capitalistas opte por descentralizar ou seccionar o proceso produtivo. Isto obedece xeralmente a condicións baixo as cales pode resultar conveniente captar nova plusvalía por esa vía, ou ben, para dispersar temporalmente á clase obreira e dificultar a súa organización cando estima o sacrificio necesario. Non obstante esta opción revértese despois dun tempo, o proceso xeral demostra que a tendencia do capital é á concentración. Isto testemúñao o crecemento ininterrompido dos monopolios, o feito de que cada vez unha maior porcentaxe da clase obreira traballa directamente para estes, e o seu reflexo no crecemento ininterrompido das concentracións urbanas.

Ademais a clase obreira é a que máis se presta, polas súas condicións mesmas, á organización. O traballo nas grandes empresas habitúa ao obreiro ao espírito de colectivismo, a unha severa disciplina, ás accións conxuntas e á solidariedade. Por exemplo Engels fala desta severa disciplina, co adxectivo de militar, en A Situación da Clase Obreira en Inglaterra; Lenin resalta, nos seus Cadernos sobre o imperialismo, como os capitalistas acostuman á clase obreira a unha extraordinaria precisión en cada movemento. E todo isto era antes da vixilancia e control que permiten as novas tecnoloxías da información e as telecomunicacións!

Entre todas as clases oprimidas, a clase obreira é a máis capaz de desenvolver a súa conciencia e de aceptar unha ideoloxía científica. O avance da industria requiriu de traballadores máis instruídos. O manexo das valiosas e complexas máquinas en que hoxe se sustenta a produción requiren dun alto grao de preparación científica e un nivel cultural moito máis elevado que anteriores estadios das formacións económicas.

En suma, son todas estas condicións históricas e económicas as que volven á clase obreira a clase máis combativa e revolucionaria da sociedade. Condicións históricas e económicas que manteñen plena vixencia ata os nosos días. 

Teorías que cuestionan o papel da clase obreira. 

Vladimir Ilich Lenin escribiu en 1913 que "O principal da doutrina de Marx é ter posto en claro o papel histórico universal do proletariado como creador da sociedade socialista"3, non é estraño que moitas teorías anticomunistas, independentemente de que se arroupen en aspectos parciais do marxismo apunten a súa crítica xusto fronte a esta cuestión.

O marxismo-leninismo como teoría científica da clase obreira ten as súas tres fontes e as súas tres partes; reivindicar só unha delas é incompleto. Así, por exemplo, hai quen di que é vixente a crítica do capital, pero negan o papel da clase obreira, da revolución, da ditadura do proletariado. En xeral, dende hai xa máis dun século, o revisionismo intenta diseccionalo, pero sobre todo están enfocados en negar a importante cuestión da acción política, da práctica transformadora, reducilo a unha "teoría crítica" baixo o fundamento de que a clase obreira, o proletariado, perdeu forza, que non se manifestou como unha forza revolucionaria, que se integrou ao sistema.
 
Nos anos 60, 70 e 80 do século XX H. Marcuse, A. Gorz e outros aludiron ao envellecemento do marxismo e cantaron un "adeus ao proletariado". Como sociólogos de ideoloxía burguesa e pequenoburguesa agrupaban os seus argumentos contrapoñéndoos, contrastándoos, coas tendencias do momento, é dicir, non abordaban os seus estudos coa concepción materialista da historia, senón con base en aspectos parciais da realidade.

Un primeiro apartado dos seus argumentos consistía en que a clase obreira dos países máis desenvolvidos do capitalismo, dos centros imperialistas, acadaba bos niveis de vida e que, en consecuencia, a súa conciencia se volvía conservadora, defensora do status quo e sen interese nas revolucións, e que o seu rol de vangarda pasaba a ser ocupado polos estudantes, polos movementos de liberación afroasiático.

É conveniente dicir que, ao finalizar a Segunda Guerra Mundial o papel da URSS e dos comunistas -a construción do campo socialista e as posibilidades de avanzar nesa dirección en Francia e Italia- forzou ao capitalismo á medida temporal do Welfare State [NdT: Estado do Benestar] co propósito de frear o ascenso de loitas da clase obreira e os seus partidos comunistas. Non negamos que nos países que se encontran na cúspide da pirámide imperialista, máis tamén dos países intermedios, como resultado dos excedentes da explotación ao proletariado internacional se reforza a chamada aristocracia obreira, á que combatemos. Non obstante, é un tema dunha natureza moi distinta caracterizar ao conxunto da clase obreira como aggiornada ao sistema que se basea na súa explotación.

Tales posicións demostraron o seu carácter temporal, en primeiro lugar, porque o Estado de benestar, na restructuración capitalista, deu paso á destrución das conquistas da clase obreira e, en todos os países, sen excepción ningunha, novamente o epicentro do combate anticapitalista e antiimperialista é a loita da clase obreira.

Outro aspecto foi enfrontar os intereses dos traballadores, coas teorías da súa división en colos brancos, azuis e grises; é dicir, a cuestión das categorías no mundo do traballo, as especialidades ou o que chamamos a división do traballo. O papel na produción, e inclusive as diferenzas salariais no capitalismo non poñen en cuestión o rol da clase obreira como produtora de plusvalía. O que é verdade é que o papel do partido comunista, o axente exterior que introduce a conciencia na clase, acrecenta a súa responsabilidade na fronte ideolóxica para mostrar ao traballador, independentemente do lugar que ocupe no proceso produtivo, as súas responsabilidades fronte á dominación e extracción de plusvalía pola clase dos burgueses. 

Cambios no mundo do traballo. 

Na mesma secuencia, e baseados na revolución científico-técnica, os ideólogos burgueses e pequenoburgueses valoran a automatización e robotización do proceso produtivo como a diminución numérica da clase obreira e inclusive da "fin do traballo”; é sobre todo no marco que segue á contrarrevolución na URSS e o campo socialista que directamente dos centros ideolóxicos do capital se levanta esta teoría, a través de voceiros como J. Rifkin, aludindo, por exemplo, a que o sector dos servizos non forma parte da clase obreira e levando ao extremo utópico da automatización plena da produción e a extinción do proletariado, Sen embargo, como está demostrado en O Capital, as máquinas non producen valor adicional, só o traballo non pagado á clase obreira xera a plusvalía, que é no que se sustentan os burgueses para a existencia do capitalismo. É importante precisar que tal posición foi difundida ao mesmo tempo que os ataques á necesidade do partido.

Argumentouse, para este mesmo cuestionamento, os cambios observados no mundo do traballo. Estes cambios inclúen (pero non se limitan) á chamada tercerización, o outsourcing (subcontratas), o offshoring (subcontratas internacionais), o retorno ao traballo a destallo, etc. Cada cambio na organización do mundo do traballo, cada tendencia nova, espertou sempre argumentos de tal índole, (xa o fordismotaylorismotoyotismojust in time, a maquila, por citar algúns, trouxeron tras de si non só o reforzamento da centralidade da clase obreira no proceso produtivo, senón o ataque ideolóxico por parte do pensamento burgués).

Moitas destas observacións son unilaterais. Por exemplo, a deslocalización efectivamente parece deixar nun estado de deserto social a certas rexións, máis isto ten o seu contrario nunha maior concentración, un maior desenvolvemento industrial noutra rexión, máis atractiva para o capital, o cal está en arranxo á lei cardinal da máxima ganancia. Para un observador local, a industria desaparece; mais, ao observar o panorama global, sucede todo o contrario: hai un incremento no número de persoas laborando por un salario nalgunha actividade relacionada coa industria. Se ben baixo novas modalidades.

En canto á tercerización e diminución relativa da clase obreira industrial con relación a outros sectores e capas dos traballadores en xeral, conviría en primeiro lugar revisar as estatísticas. A estatística burguesa categoriza non axustándose a criterios científicos, clasistas, mixtifica as cousas. O que máis salta á vista é a insistencia coa cal as oficinas estatísticas burguesas inclúen, por exemplo, ao sector das telecomunicacións, o transporte, o traballo nos almacéns e a enerxía nos servizos.

En segundo lugar, en canto aos servizos, convén recordar a figura do obreiro colectivo conceptuada por Marx en O capital, desde a chegada da manufactura, abonda con participar nunha fracción do traballo requirido para a creación das mercadorías para tomar parte do proceso produtivo. Moitos dos traballos incluídos nos servizos son suministrados a industrias baixo a figura da subcontratación, caso por exemplo da limpeza, reparacións, comedores industriais, etc. Non poden incluírse sen máis baixo o título de "servizos" sumándoos artificialmente ao traballo realizado no comercio, o traballo improdutivo, etc.

Recordando as estatísticas xa citadas da OIT, non parece que o crecemento do sector dos servizos sexa a costa da clase obreira industrial, o crecemento deste sector en xeral obedece á continuación da destrución das clases ligadas ao campo, á destrución dos pequenos propietarios e as capas medias. Isto non supón unha diminución da clase obreira por ser menor en comparación a estes traballadores, supón unha proletarización e un achegamento destes á clase obreira, unha maior capacidade de influencia e mobilización polo tanto.

Estes e outros cambios no mundo do traballo non alteran o papel desempeñado pola clase obreira. Si supoñen, non obstante, problemas e retos especiais para a organización sindical, para o traballo do partido, etc.

A cuestión de fondo é que mentres exista o capital este non pode destruír a forza social da cal depende para multiplicarse. Non se pode xerar nin captar plusvalía sen o traballo produtivo, sen a clase obreira. Unha cousa é facer a correcta afirmación de que a burguesía desenvolve as forzas produtivas para producir máis con menos obreiros e outra falar da súa desaparición ou da perda do papel que xoga na loita de clases. 

Os chamados "suxeitos emerxentes". 

Aínda que é importante confrontar as teorías burguesas e pequenoburguesas, non debemos pasar por alto certas teorías que xurdiron no marco da contrarrevolución, que tiveron o seu auxe na década dos 90, que foron o sustento do altermundismo e expresión no Foro Social Mundial.

Trátase de posicións empurradas, en Europa, por grupos asociados á socialdemocracia e, en Latinoamérica, a unha esquerda postsocialista. Dende unha suposta visión de esquerda búscase saída á crise ideolóxica das forzas revolucionarias, coas seguintes formulacións: asumindo as teses da burguesía sobre a substitución da clase obreira como suxeito histórico, reivindican os chamados suxeitos emerxentes: indíxenas, mulleres, ambientalistas, minorías sexuais. Evidentemente, para axustarse a tales nocións, o partido político da clase obreira, a organización de vangarda, xa non é necesaria e o seu lugar -segundo eles- é ocupado polos movementos sociais, pola horizontalidade, polas ONG. Na súa lóxica xa a loita polo derrocamento do capitalismo, polo poder, non só non é necesaria, senón, ademais, é condenábel. En común con outras teorías abertamente burguesas teñen dous elementos: a negación do papel da clase obreira e o ataque ao partido clasista, o partido comunista, e a outros instrumentos de loita como os sindicatos e outras formas asociativas clasistas.

É necesario deterse nunha idea que reforza o eclecticismo ideolóxico e permite que aniñen as posicións anti-clase obreira. Levantada por intelectuais "creativos" que dicíndose marxistas acusan ao marxismo de eurocentrista e poñen o acento nas chamadas especificidades, por enriba das xeralidades.

Eles sinalan que a clase obreira vista como forza crecente por Marx é algo específico da Inglaterra de fins do século XIX e non aplicábel a América Latina, menos no século XXI. Sobredimensionar a pobreza como factor de creación das condicións subxectivas, o pobrismo é a súa bandeira.

Convocan a unha mestura do marxismo con outras ideas políticas e descualifican o partido clasista como un instrumento obsoleto. No fondo atópase a visión en que á xeralidade a subordinan á particularidade, á especificidade, á "orixinalidade”; é o caso do acento que poñen na "especificidade latinoamericana" que dá lugar a unha serie de propostas utópicas, místicas, que fan -por citar un caso- da cuestión indíxena e a loita polos recursos naturais un asunto de "pensamento máxico", de conexión con forzas ancestrais. 

Movementos sociais, as súas derivacións e límites.
A pequena burguesía toma o mando. 

Estas teorías que revisan o papel da clase obreira cobraron grande auxe co triunfo da contrarrevolución na Unión Soviética e o campo socialista. A contrarrevolución, a perda do poder estatal por parte da clase obreira, forzou un repregamento xeral da clase obreira en todo o mundo e en moitos casos á desorganización temporal ou liquidación completa das súas organizacións de vangarda.

Non temendo a revolución socialista como algo inminente, a gran burguesía non estaba xa interesada en promover economicamente o fortalecemento e expansión da pequena burguesía e outras capas medias para inhibir mediante a composición clasista un estoupido revolucionario. Todo o contrario, os monopolios pasaron a ocupar con forza os novos mercados abertos por estas capas, sobretodo o mercado da tecnoloxía informática, da venda por autoservizo, certos sectores da produción agrícola, da preparación de alimentos, etc. Aínda que dende o punto de vista social iniciou un proceso de proletarización, ideoloxicamente mantivo as súas anteriores posicións.

O único que podía resultar de maior mobilización das capas medias e a converxencia deste proceso coa desorganización xeral da clase obreira era o fortalecemento das posicións pequenoburguesas e a hexemonía destas na dirección dos movementos sociais e populares no período inmediato despois da contrarrevolución.

Ao abandonar as posicións científicas, a crítica e o ataque contra o capitalismo abórdanse como unha cuestión voluntarista. Proponse, por exemplo, transformalo mediante cambios na esfera do consumo ou na esfera da circulación. Abandónase a concepción científica da loita de clases por unha suposta loita contra a globalización, etc.

A pequena burguesía, á fronte do movemento popular, non ten obxectivos revolucionarios; ela non ve na situación económica, que actúa como resorte da súa mobilización, posibilidades revolucionarias: máis ben avoga por retroceder a roda da historia a un estado de cousas anterior.

Verdadeiras masas descontentas foron convocadas por estas direccións, que, non obstante, non lograban ligar o aspecto económico e social co aspecto político, coa cuestión da toma do poder.

A pequena burguesía é unha capa da poboación cuxa fortuna, vida e morte, depende en moitos casos dos seus esforzos individuais, dun pequeno aspecto do mundo que non os leva a considerar a realidade social como unha totalidade. No plano organizativo trátase non de conformar potentes organizacións que poidan derrocar ao seu inimigo, senón dun movemento con lazos informais e débiles entre os seus membros. As organizacións grandes son "monstros" que "afogan a personalidade". No plano discursivo non se rexen por orientacións baseadas nas leis do movemento da formación económico-social capitalista, senón en modas como o altermundismo, a globalifobia, o postcapitalismo, "os indignados", etc.

A isto hai que agregar unha sobrevaloración dos aspectos técnicos nos problemas políticos. A tese da revolución 2.0, por exemplo, que toma como decisiva a tecnoloxía usada nos medios de comunicación. Non importa o núcleo organizativo que emite as mensaxes, que decide as consignas, nin a clase na cal se busca influír, o que determina o éxito da acción é o uso en si das mensaxes de celular, o twitter, o facebook, etc. Fetichízase ao instrumento.

Non se realizaba unha avaliación do éxito ou fracaso das devanditas políticas; o movemento érao todo. Formular calquera cousa que cuestionase este consenso recibía como resposta o illamento do movemento xeral.

Non é sorpresa que sexan extraordinariamente escasas e de alcances moi reducidos as loitas dirixidas pola pequena burguesía deste período.

Ademais, aínda as máis serias das loitas deste período non podían triunfar sen o concurso da forza social decisiva, a clase obreira. Polo seu desinterese ou incapacidade para organizar e mobilizar a clase obreira, as loitas máis serias deste período optaron por intentar desestabilizar violentamente a circulación de mercadorías, por impedir a realización do ciclo do capital mediante manobras converxentes. Atacado por varias frontes, o Estado burgués sempre podía contar con arrebatar a iniciativa mentres o seu exército industrial, o proletariado, lle seguise producindo plusvalía. Foi unha imaxe común ver en calquera parte do mundo as policías militarizadas lanzar gases lacrimóxenos para dispersar ás masas populares dos centros neurálxicos das vías de transporte e comunicación.

A pequena burguesía resulta unha capa extremadamente vacilante e volátil. Ao decepcionarse por unha derrota retírase ao campo da fantasía ou a indiferenza. Aos períodos de mobilización seguíaos un refluxo dramático.

Cando as masas acoden aos chamados destes activistas vense presas do espontaneísmo. As masas populares son inmensamente creativas, e esta creatividade non é inhibida senón impulsada ao darlle orientacións claras e precisas, o cal é precisamente o que esta dirección non fai. Unha limitación é presentada no discurso como unha virtude do movemento, a horizontalidade, etc.

A pequena burguesía como dirección das loitas populares do período fracasou, o cal non significa que non persista, impulsada polo descenso do seu nivel de vida, en intentar mobilizar os pobos baixo as súas bandeiras. Os monopolios puideron na absoluta maioría dos casos realizar os seus obxectivos.

Afortunadamente, a escala internacional asistimos ao reagrupamento da clase obreira e dos seus partidos, proceso que non obstante hai que coidar pola súa posíbel reversibilidade. 

Necesidade do Partido Revolucionario da clase obreira, do Partido Comunista. 

Recapitulando poderiamos sinalar que na fronte ideolóxica as teorías sociolóxicas burguesas sobre o fin da clase obreira están asociadas a formular a inviabilidade do partido clasista, é dicir o partido comunista.

Na loita de clases, xa no terreo ideolóxico, político ou económico, o proletariado para constituírse en clase require do seu estado maior, da súa vangarda que coa teoría do marxismo-leninismo dirixa cada paso, cada acción concreta no marco dunha estratexia polo derrocamento do capitalismo e que estea claro no programa do socialismo-comunismo, o que é posíbel unicamente reivindicando e sacando as conclusións da experiencia de construción socialista no século XX.

As obras dos clásicos do marxismo-leninismo mostran que, polo seu rol na produción, os obreiros son a forza revolucionaria capaz de sepultar ao capitalismo, a condición de constituírse en clase, é dicir, adquirir conciencia. Lenin, no Que facer?, explica as formas da consciencia e fundamenta así o partido de novo tipo.

En nome da modernidade, os novos reformistas xurdidos das filas do movemento comunista renuncian totalmente ás características da teoría leninista de organización, e á esencia do programa comunista, que é a ditadura do proletariado.

Sen o centralismo democrático é imposíbel o partido de novo tipo, e contra el enfócanse as críticas.

O substituto formulado é o movemento, sen estrutura, amorfo, sen coherencia estratéxica, sen disciplina, sen programa, ao día, revivindo a tese de Bernstein.

O partido comunista é o partido da clase obreira, o destacamento de vangarda que no conflito socio-clasista sinala o camiño, que mostra cando é necesario pasar á ofensiva, cando á defensiva, que se adianta dotado da concepción materialista da historia ás viraxes na loita, enarborando as consignas necesarias a cada situación concreta e sen saír do marco estratéxico que é a ruptura das relacións capitalistas, o derrocamento da burguesía, a construción do poder obreiro e do socialismo-comunismo.

O partido comunista é capaz de cumprir os seus obxectivos a condición da unidade ideolóxica, programática e orgánica, loitando pola súa cohesión interna e depurándose de todo o que lle reste unidade. O partido comunista, vangarda da clase obreira, non debe de perder de vista a loita contra o oportunismo e por preservar, independentemente das conxunturas o criterio clasista. 

O Partido e a alianza antimonopolio, antiimperialista, anticapitalista. 

A clase obreira é a única clase revolucionaria ata o fin. Sen embargo, tamén é certo que o imperialismo arrastra a grandes capas e sectores da sociedade á dinámica da contradición que xorde entre capital e traballo. "O aumento dos impostos, a mercantilización dos servizos públicos, o avance da agresión imperialista, a política de subsumir o campo aos monopolios, a defensa política da cota de plusvalía extraordinaria dos monopolios, os tratados interimperialistas e as súas consecuencias, as manifestacións de barbarie capitalista, a acelerada degradación do medio, a cancelación de conquistas sociais e democráticas, etc., son temas que afectan a outras capas do pobo." 4 

Asentamos, desde o principio, que ás outras capas que entran en pugna cos intereses da gran burguesía resúltalles imposíbel derrocala sen o concurso da clase obreira e que o seu liderado sobre a loita xeral debe ser cuestionado. Igualmente, o proletariado dificilmente poderá triunfar ou aínda reter o poder se queda illado do resto dos traballadores e das capas populares, se non logra a súa adhesión ou a neutralidade de varias delas, se non impide que a burguesía as mobilice no seu contra. O que tratamos de establecer é que obxectivamente existe unha base para a alianza entre estas capas e a clase obreira. Unha alianza antimonopolio, antiimperialista, anticapitalista.

Traballar sobre a devandita base adquire maior relevancia en momentos de crise, cando as contradicións se agudizan, os intereses de cada clase son revelados e onde os choques da loita de clases permiten unha rápida comprensión política.

Sen embargo non é posíbel a espontaneidade na formación dunha alianza desta natureza, nin se pode producir sen preparación. Trátase dunha alianza para quebrar o poder da clase dominante e para levar ao poder a outra, á clase obreira. O Partido revolucionario da clase obreira é a única formación política que pode forxar esta alianza ao ter tanto a capacidade de analizar en cada momento as dislocacións e os xiros bruscos do conxunto da loita de clases e traducir esta análise en orientacións axeitadas á clase obreira. Orientacións que a leven a demostrar ante o resto das capas populares a conveniencia e a necesidade da súa dirección, que a mobilicen a efectivamente intervir na loita do pobo en xeral. Sexa a forma organizativa que adopte a alianza contra o capitalismo só pode levarse ata a fin, ata o derrocamento, coa existencia dun forte Partido Comunista.

Quen queira ver pronto o funeral do capitalismo debe recoñecer que necesita con urxencia reagrupar aos sepultureiros, debe saber que loitar por fortalecer ao Partido Comunista é a mellor garantía de ver tal día chegar.

1 V.I. Lenin, Obras, Ed. Progreso, t. XVIII, páx. 544.
2 K. Marx, O Capital, Tomo 3, Sección 5ª, Capítulo 27, Fondo de Cultura Económica.
3 V.I. Lenin; Vicisitudes históricas da doutrina de Carlos Marx; en Obras Escollidas en 12 Tomos, Tomo V; Editorial progreso, Moscú, 1976.
4 Teses do Partido Comunista de México para o IV Congreso, 2.8 F "O imperialismo, a reestruturación capitalista internacional, a chamada globalización, A crise do sistema".


Notas de FORXA! sobre a tradución a galego:

Esta tradución foi realizada da versión en papel da Revista Comunista Internacional, nº 3, editada en Setembro do 2012 (pp. 99-111).

No apartado “Movementos sociais, as súas derivacións e límites. A pequena burguesía toma o mando” detectamos diferenzas entre a versión en papel e a versión online, que adxuntamos a continuación:

- En vez de: 

“Non temendo a revolución socialista como algo inminente… (…) …ideoloxicamente mantivo as súas anteriores posicións”. 

Aparece:

“Hai que dicir que si houbo Partidos Comunistas e seccións da clase obreira organizada que resistiron e loitaron, o que dificultou un maior avance dos plans do gran capital. Por exemplo, a FSM e outras frontes antiimperialistas reagrupáronse grazas ao accionar dos comunistas.

Seguindo a tendencia xeral do capitalismo á concentración e a centralización, os monopolios pasaron a ocupar con forza os novos mercados abertos polas capas pequenoburguesas, sobre todo o mercado da tecnoloxía informática, da venda por autoservizo, certos sectores da produción agrícola, da preparación de alimentos, etc. Naturalmente a pequena burguesía sentiuse ameazada, radicalizouse politicamente e mobilizouse. Aínda que dende o punto de vista social iniciou un proceso de proletarización, ideoloxicamente arroupouse das posicións que mencionamos”.

- En vez de: 

“O único que podía resultar de maior mobilización das capas medias… (…) …no período inmediato despois da contrarrevolución” 

Aparece (na versión online):

“Por un lado observamos o aumento das campañas anticomunistas, a desorganización de grandes seccións de traballadores, a liquidación dos seus partidos de vangarda, todo o cal dificulta as posicións da clase obreira. Polo outro lado encontramos a difusión masiva das elaboracións teóricas que promoven a confusión, un activismo redobrado das capas medias, etc., nunha palabra o fortalecemento das posicións pequenoburguesas. O resultado da confluencia destes factores levou en moitos países á hexemonía da pequena burguesía na dirección dos movementos sociais e populares no período inmediato despois da contrarrevolución”.

- A continuación de: 

“Non é sorpresa que sexan extraordinariamente escasas e de alcances moi reducidos as loitas dirixidas pola pequena burguesía deste período”. 

Engádese:

“Trátase da posta en práctica e fracaso das teorías dos suxeitos emerxentes”.

- Despois do párrafo:

“A pequena burguesía como dirección das loitas populares do período fracasou… (…) Os monopolios puideron na absoluta maioría dos casos realizar os seus obxectivos”.

Engádese:

“O pobo de México ten dolorosos exemplos destes límites e estas derivacións. A permanencia e posta en práctica destas posicións levou a que centos de grupos e numerosas organizacións con reivindicacións revolucionarias rendan un abraiante culto á espontaneidade. Non se trazan como obxectivo levar a teoría ao movemento, non se formulan organizar á clase obreira por centros de traballo e organizar dende aí a contraofensiva, etc. Non poden ofrecer aos movementos populares a alianza coa clase obreira, o cambio de correlación de forzas polo derrocamento, etc., de feito poden ofrecer pouco máis que unha porra. Exemplo de como o Estado Mexicano esmagou o movemento social disociado do movemento obreiro é a APPO (Asemblea Popular dos Pobos de Oaxaca).

Se subsisten estas posicións no noso país é porque a alternativa aínda se mostra de xeito insuficiente. O Partido Comunista asume a súa responsabilidade e redobra a súa insistencia na fronte ideolóxica. Debe haber acompañamento aos movementos que se opoñan ao capital, aos monopolios e o imperialismo, pero non debe de haber concesións ideolóxicas. Só con firmeza na teoría e persistencia no labor para activar o movemento obreiro-sindical en México podemos ofrecer unha alianza benéfica para o pobo e unha saída á crise que apunte ao derrocamento”.