Só a loita dá a vitoria.

A negativa da dirección da SEPI á construción do dique flotante para a factoría de Navantia Ferrol era unha sospeita anunciada. Pese a todos os compromisos farsantes, electorais e institucionais, o rebumbio e a burla da comisión de seguimento, as mobilizacións dos traballadores con idas e vidas, plantes e replantes, o argumento do condicionamento da pertenza á Unión Europea e o veto desta a todo o que poida significar axuda ou investimento na actividade dun sector público esencial na nosa estrutura produtiva, como é a construción naval, constituíu un facto case que definitivo. Se a isto lle sumamos a carencia de carga de traballo real a curto e medio prazo, que non a virtual, duns contratos mexicanos que aínda que non amosaron a ninguén nin se coñece o seu paradoiro, as perspectivas non poden resultar máis negras.

O certo é que non se pode descartar ningún escenario. Nin un posíbel ERE, nin privatización. Polo de pronto a dirección da empresa xa está a facer as súas avaliacións e pensando en acometer “reorganizacións”, prescindir de máis subcontratas con máis despedimentos e proceder á mobilidade xeográfica dos traballadores da principal, co quebranto do principal activo da factoría. 

E todo isto porque nin para a unión imperialista europea nin para o goberno da oligarquía española do PP, entra dentro dos seus plans ter un sector público industrial compatíbel coa existencia e competencia dos grandes monopolistas, verdadeiros autores e exclusivos beneficiarios das ofensivas políticas e  económicas antiobreiras desenvolvidas en toda Europa no actual contexto de crise estrutural e sistémica do capitalismo.

A clase obreira do naval non podemos ficar inerme ante os golpes nin continuar a secundar as estratexias sindicais e políticas reformistas que se amosaron insolventes para conducir a loita de clase, frustrando expectativas cunha acción sindical estéril presa do legalismo burgués, e cansando ata a desmoralización aos traballadores mobilizados, para ser, como recoñecía a un semanario galego un dirixente do comité, instrumentados polos politiquiños reaccionarios.

Os traballadores e traballadoras do naval, para vencer nesta loita, temos que facer causa común co resto do proletariado e do pobo traballador, pois a nosa crise é parte da crise global á que temos que facer fronte. É preciso organizármonos desde a base da asemblea obreira como ferramenta de loita e de unidade combativas por riba de divisións secundarias, impulsando como un verdadeiro poder de masas a coordinación entre empresas e sectores con delegados electos e revogábeis. E dirixir a loita, unha loita sen cuartel, a obxectivos que son tamén políticos, que superan un marco restritivamente sindical, como son o derrocamento do goberno do PP levando ao réxime á crise política para impedir o seu reemprazo, e forzando unha saída revolucionaria fóra das cadeas imperialistas da UE, da OTAN e do euro. Só acadados estes, poderán ollarse outros horizontes para a clase obreira do sector naval, sen vetos e sen incompetentes ao mando con intereses alleos ao pobo traballador. 

Ferrol, 12 de Febreiro de 2013 

CUO-Galiza 
cuogaliza@gmail.com