A socialdemocracia ao servizo das clases dominantes. A loita do partido comunista.

Raúl Martínez, Responsábel da Área Ideolóxica do CC do PCPE
 Ramón López, membro da Área Ideolóxica do CC do PCPE

O revisionismo, fenómeno histórico hostil ao marxismo.

Dende o nacemento do movemento obreiro ata os nosos días librouse no seu seo unha intensa loita entre dúas tendencias: a revolucionaria e a oportunista. O oportunismo adoptou ao longo da historia distintas e numerosas manifestacións, tanto baixo formas de "esquerda" como de dereita. Neste artigo abórdase o oportunismo de dereita ou revisionismo, fonte inicial da corrente política que hoxe coñecemos como socialdemocracia, cuxa natureza mudou, ao longo do século XX, transformándose de corrente do movemento obreiro en movemento político defensor con decisión e piar esencial do capitalismo monopolista.

O revisionismo xurdiu a finais do século XIX cando, tras a morte de Federico Engels, se desatou unha loita aberta no seo do movemento socialista encabezada polo alemán Eduard Bernstein cuxa máxima <<O obxectivo final, non importa cal sexa, non é nada; o movemento o é todo>>1 converteuse en bandeira dos seguidores da teoría revisionista e da súa práctica política, o reformismo. Lenin afirmaría ao respecto:

<<Esta frase proverbial de Bernstein expresa a esencia do revisionismo mellor que moitas e longas disertacións. Determinar de vez en cando a conduta que se debe seguir, adaptarse aos acontecementos do día, ás viraxes das minucias políticas, esquecer os intereses cardinais do proletariado e os trazos fundamentais de todo o réxime capitalista, de toda a evolución do capitalismo, e sacrificar estes intereses cardinais en prol das vantaxes reais ou supostas do momento: esa é a política revisionista. E da súa esencia mesma se desprende con toda certeza que esta política pode adoptar formas infinitamente diversas e que cada problema un tanto "novo", cada viraxe un tanto inesperado e imprevisto dos acontecementos -aínda que esta viraxe só altere a liña fundamental do desenvolvemento en proporcións mínimas e polo prazo máis curto-, dará lugar sempre, inelutabelmente, a tal ou cal variedade de revisionismo>>.2

O revisionismo, alegando que as condicións socio-económicas cambiaran radicalmente, manifestouse como corrente abertamente hostil ao marxismo, rexeitando os postulados básicos da ciencia marxista:

* No plano filosófico, negou o seu carácter partidista e clasista, indo a remolque da "ciencia" burguesa e arrastrándose tras os neokantianos.3

* No plano económico, negou a teoría do valor, a lei da acumulación capitalista e a lei da depauperización absoluta e relativa do proletariado nas novas condicións do capitalismo. Quixo demostrar que no sector agrícola non se producía un proceso de concentración da propiedade e a substitución dos pequenos propietarios polos grandes. Defendeu a idea de que o proceso de concentración da propiedade transcorrería de forma sumamente lenta no sector industrial e comercial. Formulou a tese de que as grandes empresas capitalistas poñerían termo á anarquía da produción e, por conseguinte, diminuiría automaticamente a contradición entre o proletariado e a burguesía.4

* No campo da política, o revisionismo intentou revisar o que realmente constitúe a base do marxismo: a teoría da loita de clases. A liberdade política, a democracia, o sufraxio universal destrúen a base para a loita de clases -dicían os revisionistas-. Posto que na democracia impera a <<vontade da maioría>>, non debemos ver no Estado, segundo eles, o órgano da dominación de clase, nin negarnos a facer alianzas coa burguesía progresista contra os reaccionarios.5

Para Lenin o revisionismo, ou <<revisión>> do marxismo, é unha das principais manifestacións, se non a principal, da influencia burguesa sobre o proletariado e da corrupción burguesa dos proletarios6, achegando na súa obra A bancarrota da II Internacional, a seguinte definición do oportunismo:

<<O oportunismo é o sacrificio dos intereses vitais das masas en prol dos intereses momentáneos dunha minoría insignificante de obreiros, ou dito noutros termos, a alianza entre unha parte dos obreiros e a burguesía contra a masa proletaria>>.7

E é que a ideoloxía é o reflexo, na conciencia dos seres humanos, das condicións sociais obxectivamente existentes e, principalmente, un reflexo das relacións de produción imperantes. Así, dende o punto de vista leninista destácanse as raíces históricas do fenómeno revisionista e a súa natureza de clase:

<<En todos os países capitalistas existen sempre, ao lado do proletariado, extensas capas de pequena burguesía, de pequenos propietarios. O capitalismo naceu e segue nacendo, constantemente, da pequena produción. O capitalismo crea de novo, infatigabelmente, toda unha serie de "capas medias"… Estes novos pequenos produtores vense novamente botados, tamén, de modo non menos inevitábel, ás filas do proletariado. É perfectamente natural que a mentalidade pequeno-burguesa irrompa de novo, unha e outra vez, nas filas dos grandes partidos obreiros. É perfectamente natural que suceda así, e así sucederá sempre ata chegar ás pericias da revolución proletaria>>.8

En resumo, o marxismo-leninismo destaca tres particularidades esenciais do oportunismo de dereita ou revisionismo:

* O revisionismo é un fenómeno internacional, ao ser produto social dunha época histórica concreta.

* O revisionismo aparece regularmente nos partidos obreiros, dado o carácter cíclico do desenvolvemento do capitalismo, e ademais pode adoptar formas diversas.

* O oportunismo de dereita, ao revisar os postulados básicos do marxismo, desnaturaliza o carácter revolucionario do partido obreiro, desviándoo do seu obxectivo principal: a destrución do poder económico e político da burguesía.9

Fronte á práctica política reformista, que emana das formulacións teóricas revisionistas, Lenin argumentou que a burguesía, concedendo cunha man as reformas, as retira coa outra, as reduce á nada ou as utiliza para subxugar aos obreiros, para dividilos en grupos, para eternizar a escravitude asalariada dos traballadores e traballadoras. Por iso, o reformismo, mesmo cando é totalmente sincero, transfórmase de feito nun instrumento da burguesía para corromper os obreiros e reducilos á impotencia. A experiencia de todos os países demostra que o movemento obreiro foi burlado sempre que confiou nos reformistas.10

A bancarrota da II Internacional, a socialdemocracia e a guerra imperialista.

A maioría de partidos da II Internacional consumou a súa bancarrota traizoando as resolucións do Congreso de Basilea (1.912), nas que os partidos socialdemócratas fixaran posición opoñéndose á guerra imperialista en xestación e chamando ao proletariado mundial a combater activamente o seu desencadeamento. Non obstante, o 4 de agosto de 1.914, os socialdemócratas alemáns e franceses votaron nos seus respectivos parlamentos os créditos de guerra, votaron en pro da guerra imperialista e entraron a formar parte dos gobernos dos seus países, como posteriormente fixeron os socialdemócratas ingleses e belgas, confiando neles a burguesía a xestión do capitalismo e transformándose polo tanto de partidos obreiros oportunistas en partidos burgueses.

A maioría de partidos agrupados ata entón na II Internacional sufriu a súa primeira gran mutación histórica, transformándose de partidos obreiros socialistas, nos que convivían en loita tenaz a tendencia oportunista e a revolucionaria, en partidos obreiros nacional-liberais, facendo estalar en mil anacos a Internacional, en cuxo seo cobrara forza o oportunismo durante o período de desenvolvemento relativamente pacífico do capitalismo transcorrido entre 1871 e 1914.

Lenin, en plena guerra mundial, afondou a súa caracterización do oportunismo. Definiu como base económica do chauvinismo e do oportunismo a alianza dunhas poucas capas superiores do proletariado e da pequena burguesía -que aproveitan as fragullas dos privilexios do "seu" capital nacional- contra as masas proletarias, contra as masas traballadoras. Puxo ao descuberto que a vella división dos socialistas en corrente oportunista e corrente revolucionaria, propia da época da II Internacional (1889 - 1914), se correspondía en resumo coa nova división en chauvinistas e internacionalistas. A defensa da colaboración de clases, o abandono da idea da revolución socialista e dos métodos revolucionarios de loita, a adaptación ao nacionalismo burgués, o fetichismo da legalidade burguesa, a renuncia ao punto de vista de clase e á loita de clases por temor a que se aparten <<as amplas masas da poboación>> (léase a pequena burguesía): tales son para Lenin os fundamentos ideolóxicos do oportunismo.11 Partindo de que o oportunismo non é froito do azar, nin un pecado, un descoido ou unha traizón dun grupo de individuos illados, Lenin afirmou que se trataba do produto social de toda unha época histórica, poñendo tamén de manifesto o seu carácter de clase:

<<O período do imperialismo é o período da repartición do mundo entre as "grandes" nacións, entre as nacións privilexiadas que oprimen a todas as demais. As fragullas do botín proporcionado por estes privilexios e por esta opresión van parar, indubidabelmente, ás mans de certas capas da pequena burguesía e da aristocracia -así como tamén da burocracia- da clase obreira. Como minoría insignificante do proletariado e das masas traballadoras, estas capas gravitan en torno ao "struvismo", pois este lles ofrece unha xustificación da súa alianza coa "súa" burguesía nacional, contras as masas oprimidas de todas as nacións>>.12

<<O oportunismo foise incubando durante decenios pola especificidade dunha época de desenvolvemento do capitalismo en que as condicións de existencia relativamente civilizadas e pacíficas dunha capa de obreiros privilexiados os "aburguesaba", proporcionáballes unhas fragullas dos beneficios conseguidos polos seus capitais nacionais e mantíñaos afastados das privacións, dos sufrimentos e do estado de ánimo revolucionario das masas que eran lanzadas á ruína e que vivían na miseria>>.13

Así, poñiase en claro o papel concreto da aristocracia e da burocracia obreira no marco xeral da loita de clases propio da época imperialista, análise que conserva plena actualidade nos nosos días.

Para Lenin, a primeira guerra mundial supuxo unha viraxe tan importante na historia que fixo imposíbel continuar tendo a mesma actitude ante o oportunismo que caracterizara o período anterior. Era imposíbel negar o feito de que no momento das crises os oportunistas desertaran dos partidos obreiros e se pasaran ao campo da burguesía:

<<Madurou toda unha capa social de parlamentarios, de xornalistas, de funcionarios do movemento obreiro, de empregados privilexiados e de certos estratos do proletariado, capa social que se fundiu coa súa burguesía nacional e á que esta soubo apreciar no seu xusto valor e "adaptala">>.14

Polo tanto, tocaba pasar á acción:

<<Non é posíbel facer xirar cara a atrás ou deter a roda da historia; pero o que si se pode e se debe facer é avanzar sen medo e pasar das organizacións preparatorias e legais da clase obreira, prisioneiras do oportunismo, a unhas organizacións revolucionarias do proletariado que saiban non se limitar á legalidade, que saiban poñerse a cuberto da traizón oportunista, ás organizacións revolucionarias do proletariado que emprendan a "loita polo Poder", polo derrocamento da burguesía>>.15

Quedara demostrado que na época do imperialismo debía descartarse a vella teoría de que o oportunismo é un "matiz lexítimo" dentro dun partido obreiro único, pois se convertera no maior obstáculo para o desenvolvemento revolucionario do movemento obreiro.

A II Internacional morrera, vencida polo oportunismo, a III Internacional tiña ante si a tarefa de organizar as forzas do proletariado para a ofensiva revolucionaria contra os gobernos capitalistas, para a guerra civil contra a burguesía de todos os países polo poder político e a vitoria do socialismo.

A definitiva mutación da socialdemocracia tras a II Guerra Mundial.

Tras o triunfo da Gran Revolución Socialista de Outubro de 1917 a división en tres ás consolídase: a dereita, representada polos revisionistas e convertida en partido burgués; a esquerda, representada polos comunistas, cos bolxeviques á fronte; e a á centrista, formalmente marxista e que se adapta na práctica ao oportunismo, afirmando buscar a unidade e a paz no partido. O sector centrista é encabezado por Kaustky, quen dedicará os seus esforzos teóricos a atacar á Revolución de Outubro, acusando os bolxeviques de saltarse os límites impostos polas forzas produtivas de Rusia e, en definitiva, cualificando a revolución como unha aberración.

No período que media entre a primeira e a segunda guerra mundial, o sector centrista dominará a II Internacional, decretando resolucións formalmente <<revolucionarias>> e <<marxistas>> pero, na práctica, pregándose ás esixencias da á dereitista, que vai, deste modo, fortalecéndose ata o punto de forzar en numerosos casos a participación da socialdemocracia en gabinetes burgueses.

Da devandita participación ministerial en diversos países -Reino Unido, Francia, Alemaña, etc. - xurdirán elementos que xa non fan dubidar do salto operado pola socialdemocracia dende unha posición reformista, pero de clase, cara a unha posición burguesa, situada entre os liberais e o comunismo. Dende o asasinato de Rosa Luxemburgo e Karl Liebneckht, ata as medidas económicas antiobreiras aplicadas con motivo da crise capitalista de 1929, todo revela o auténtico carácter da socialdemocracia como partido burgués encargado de realizar a conciliación de clases para tratar de evitar e conter o estalido revolucionario opoñéndose ao desenvolvemento do movemento comunista.

O papel vergonzoso da socialdemocracia durante o ascenso do fascismo, a súa negativa a chegar a acordos coa III Internacional e a súa vacilación pequenoburguesa en momentos decisivos da loita de clases, foron claves para entender como o fascismo chegou a apoderarse con relativa facilidade do aparato político do Estado en distintos países. A súa confianza nos métodos legais, o seu liberalismo podre, demostrou que a socialdemocracia se convertera en defensora do capitalismo, dificultando o desenvolvemento da política de fronte única da Internacional Comunista.16

Pero é despois da II Guerra Mundial cando ten lugar a máis evidente e definitiva mutación da socialdemocracia. O triunfo sobre o nazi-fascismo; os éxitos na construción do socialismo na URSS; a extensión do bloque socialista mundial a toda unha serie de países; o desenvolvemento das contradicións nos países capitalistas de Europa occidental, como consecuencia da destrución de forzas produtivas operada na guerra; a redución da base material do capitalismo; e o enorme prestixio do movemento comunista internacional entre as masas obreiras de occidente, son factores que van colocando ao imperialismo ante unha quella sen saída. A socialdemocracia, da man dos seus amos burgueses, encontra de novo o seu lugar no intento de neutralizar a loita de clases. Moitos dirixentes socialdemócratas no exilio trabaron estreito contacto cos imperialistas anglo-norteamericanos configurando o que sería a orde subseguinte á derrota do nazi-fascismo para países como Italia, Alemaña, Francia, Suecia, Noruega, etc.17

En 1951 ten lugar o Congreso de Francfurt, no que se crea a Internacional Socialista, e en 1959 no denominado Programa de Bad Godesberg fíxanse por escrito as posicións políticas da socialdemocracia no partido máis grande e máis influente desta tendencia, o SPD, que determinará os programas do resto de partidos e da súa reconstituída Internacional.

Nese programa abandónase formalmente a referencia ao marxismo e sitúase, sen nomealo sequera, ao lado da <<ética cristiá>> e o <<humanismo>>. Xa pasaran os tempos nos que a socialdemocracia necesitaba colocarse a etiqueta marxista para combater ao movemento comunista, a partir dese momento trátase dunha aberta loita contra o marxismo. No terreo da loita de clases englóbase a loita obreira dentro da loita por <<máis democracia>> como obxectivo último do <<socialismo democrático>>, cuxos horizontes son difusos e fan referencia a elementos económicos que non superan o nivel do reformismo liberal, aceptando nos seus termos principais as teorías económicas burguesas, a disciplina orzamentaria, o keynesianismo como freo para a loita de clases, etc.; por dicilo con conceptos que usa o mesmo programa: <<tanta planificación como sexa necesaria e tanta competencia como sexa posíbel>>.18

Por se aínda quedasen dúbidas, aparecen referencias en contra do <<control totalitario da economía>> afirmando a necesidade da existencia da propiedade privada. Como horizonte máximo -nunca aplicado consecuentemente- a referencia á <<democracia económica>> na que a clase obreira debería poder intervir na xestión das empresas privadas e públicas. Agás nalgúns sectores produtivos en Alemaña e outros países europeos, e coa salvidade de que a devandita participación estaba circunscrita a determinados problemas de xestión -tal e como sucede na actualidade coa participación de membros dos comités de empresa (emblema desta política socialdemócrata) en consellos de administración- e exercida pola burocracia sindical reformista, nunca se chegou a aplicar tal cousa en país ningún, malia contar con maiorías parlamentarias suficientes para facelo. En realidade, o Programa de Godesberg, aceptado internacionalmente pola socialdemocracia, unicamente encontrou campo de aplicación para a educación pública e a sanidade, e sempre restrinxido a determinados países de Europa occidental.

As contradicións económicas inherentes ao denominado <<Estado do Benestar>>, -que non foi máis que Estado de explotación para as maiorías obreiras sacrificadas no altar do desenvolvemento capitalista e imperialista- levaron ao desencadeamento da crise capitalista dos anos setenta e a un cambio na percepción da maioría da burguesía, abandonando os principios keynesianos e adoptando un enfoque netamente liberal, retomando as súas vellas concepcións do <<deixar facer>>, separando ao Estado da intervención económica directa e levándoo a exercer a súa influencia unicamente a través do orzamento e da política monetaria, emprendendo a privatización do sector público creado no período precedente.

É necesario, malia todo, engadir que o mesmo Programa de Godesberg renunciaba xa a eses mecanismos <<directos>> e privilexiaba os indirectos, agás naqueles sectores onde fose necesaria a intervención estatal para evitar a conformación de monopolios privados. En realidade, a versión liberal formula exactamente o mesmo, e mesmo fala de <<economía mixta>> para incluír eses métodos de intervención estatal; o que acontece nestes anos, década dos oitenta e dos noventa do século XX, é que se abandona a teoría dos <<monopolios naturais en mans do Estado>> -enerxía, transporte, telecomunicacións e outros sectores considerados estratéxicos- e abrázanse as ideas dun Banco Central cuxa política monetaria ten como obxectivo único o control da inflación sobre outras consideracións, como poida ser permitir certo nivel de inflación para animar o investimento burgués.

A burguesía prioriza nesta época -ata o inicio da crise capitalista actual- a privatización, a mercantilización de sectores produtivos situados nas marxes da acción da lei do valor -cuxa esfera de acción fora modificada pola intervención de poderes estatais-, a internacionalización da man de grandes empresas monopolísticas que acumularan grandes cantidades de capital no período precedente; ao mesmo tempo que empeoran as condicións políticas nas que o movemento obreiro debe realizar o labor de defensa das súas condicións de vida e traballo e incrementa a represión do movemento revolucionario, a militarización da economía e a extensión da guerra imperialista.

Hoxe en día, a socialdemocracia mantén certa ligazón co movemento obreiro a través das centrais sindicais reformistas, onde aínda mantén un discurso de <<defensa dos traballadores>> de tipo puramente económico e que tende, sempre, cara á conciliación coa burguesía. A súa misión é asegurar a paz social, a imposibilidade do desenvolvemento dunha contestación obreira que poida transformarse, como consecuencia do aumento da súa combatividade e da súa organización, en desenvolvemento da conciencia de clase, do paso de conciencia de clase en si a conciencia de clase para si, en alternativa revolucionaria ao capitalismo agonizante.

Na crise capitalista na que estamos somerxidos, a socialdemocracia ten unha misión ben clara: aplicar as medidas máis contrarias aos intereses obreiros mantendo, dentro dos límites fixados pola oligarquía, o conflito de clases. Así, mentres aproban medidas legais que son contrarias aos máis elementais dereitos adquiridos durante décadas de loita do movemento obreiro (a negociación colectiva, o dereito a indemnización por despedimento, unha contía digna do salario mínimo e da pensión de xubilación, etc.), manteñen o control sobre unha burocracia sindical profundamente enlazada á socialdemocracia e ao aparato do Estado burgués.

As posicións de <<pacto social>> van encamiñadas a encadear ao movemento obreiro a políticas que son manifestamente contrarias aos seus intereses, favorecen aos monopolios e descargan as contradicións que estalaron coa crise capitalista sobre as costas da clase obreira e das capas populares. Trátase de refrotar a tendencia á baixa da taxa de ganancia, de favorecer o ciclo de reprodución ampliada do capital e, para iso, de recruar a taxa de explotación. Nesta misión, a socialdemocracia xoga un papel esencial: o papel do bombeiro que trata de apagar o incendio, mesmo antes de que se produza.

Pequena burguesía e aristocracia obreira.

A socialdemocracia, como organización principal do reformismo pequenoburgués, para preservar o apoio da súa base social pequenoburguesa e tamén das capas medias que comparten co pequenoburgués a autonomía no traballo, a dirección concreta de grupos de traballadores e traballadoras e certo afastamento da máquina, mantén unha política tendente a illar a estes grupos do movemento obreiro e impedir a conformación dunha fronte obreira e popular, hexemonizada polo proletariado a través da súa vangarda política, que poida constituírse en alternativa revolucionaria ao capitalismo.

Dentro deste campo, as políticas socialdemócratas van no sentido de soster a pequena burguesía con fondos públicos como as exencións de pagamento á seguridade social, tratando de aliviar, sen conseguilo, a situación da pequena produción fronte á grande. No terreo sindical favorecen ás capas medias fronte á maioría obreira, promovendo mellores condicións laborais, económicas e sociais para eses grupos. Estes sectores foron a vella base da política reformista burguesa dos anos do <<Estado do Benestar>>, ao verse favorecido fronte a unha masa obreira condenada a condicións de explotación extrema e desprovista de calquera apoio sindical. Todo iso ten como efecto o empeoramento das condicións de vida e de traballo da maioría proletaria, o agravamento da súa explotación e, tamén, o seu illamento cada vez maior do resto de clases e sectores populares.

Aínda así, a crise capitalista golpeou duramente ás capas medias e á pequena burguesía, que ven empeorar as súas condicións de vida e de traballo como consecuencia do desenvolvemento das contradicións capitalistas, demostrándose tamén para estes grupos o fracaso do reformismo. Ao mesmo tempo, a socialdemocracia estende a ideoloxía pequenoburguesa da <<cidadanía>>, todos e todas iguais en dereitos ante a lei, obviando as diferenzas de clase, a posición de cada cal ante a propiedade dos medios de produción e ante o traballo, influíndo nos medios obreiros para desactivar a loita de clases, precisamente, entre os que máis sofren a explotación e máis necesitados están de asumir o seu papel histórico como clase revolucionaria.19

No mesmo sentido, resulta esencial o papel xogado pola aristocracia obreira no sostemento da socialdemocracia e no fortalecemento e difusión do revisionismo no seo do movemento obreiro. A camarada Eleni Mpellou20 ofrece a seguinte análise sobre este fenómeno:

<<Por suposto, o que acontece a nivel de conciencia, neste caso o revisionismo, é un reflexo dos acontecementos socioeconómicos -as seccións da clase obreira nos países capitalistas avanzados gozaron de salarios máis altos e mellores condicións de vida debido á plusvalía extra que o capital obtiña nos seus países, tomando por exemplo o monopolio do comercio exterior (Gran Bretaña ata finais do século XIX) e a capacidade para explotar materias primas e traballo barato en sociedades menos desenvolvidas-. Os fillos destas seccións da clase obreira e da aristocracia obreira no movemento sindical e político absorberon a propaganda burguesa por medio do sistema educativo e foron incorporados aos mecanismos ampliados do Estado -ben nos "servizos" do Estado burgués (educación, saúde, sanidade) ou puramente administrativos (oficinas tributarias, administracións locais, mantemento da propiedade estatal, etc.) ou en empresas públicas ou semipúblicas (bancos, servizos públicos, enerxía, auga, industria de telecomunicacións, turismo, etc.).

A compra de seccións da clase obreira e a súa incorporación a sectores dinámicos da industria capitalista logrouse en combinación co suborno amplo de científicos que tiñan raíces obreiras; así podemos ver que a ampliación da base social do oportunismo e o fortalecemento do revisionismo son fenómenos interconectados. A capacidade das forzas políticas burguesas para comprar a amplos sectores da clase obreira serviu ao obxectivo político de corromper ao movemento obreiro, de distraelo do seu obxectivo estratéxico da revolución socialista en Europa e, máis en xeral, no mundo capitalista desenvolvido e mesmo en condicións nas que a correlación de forzas do socialismo  mellorara tras o fin da II Guerra Mundial>>.

A "esquerda socialdemócrata", os revisionistas e o movemento comunista.

A socialdemocracia converteuse, ademais, nun activo participante na loita de clases internacional contra o campo socialista. O papel que debían xogar os partidos socialdemócratas era debilitar os partidos comunistas, organizar e fortalecer un movemento obreiro e sindical non comunista. Ao lado doutros partidos furibundamente anticomunistas -os trotskistas-, a misión asignada polo imperialismo era ben clara: fragmentar o movemento obreiro, consolidar unha tendencia reformista anticomunista e evitar o desenvolvemento da loita de clases nos países capitalistas, así como prestar axuda política, económica e de calquera outro tipo aos movementos contrarrevolucionarios que se ían desenvolvendo nos países que construían activamente o socialismo. A CIA posuía unha rúbrica para os devanditos partidos: <<esquerda non comunista>> que recibía tanto apoio político, coma loxístico e económico.

Ao lado do papel abertamente hostil e contrarrevolucionario respecto aos países socialistas, a socialdemocracia tamén xogou historicamente un papel de penetración política dos partidos comunistas. Xa antes da II Guerra Mundial, a socialdemocracia buscou apoios dentro do movemento comunista para chegar a acordos que ligasen a estes partidos a políticas burguesas. Pero será despois, na inmediata posguerra, cando xorden potentes tendencias reformistas no seo dos partidos comunistas que cristalizaron no denominado <<eurocomunismo>>. Este proceso foi posíbel na medida que o movemento comunista internacional, atrapado na ficción da existencia dunha etapa intermedia, democrática e antimonopolista, situada entre o capitalismo monopolista e o socialismo, supeditou a súa estratexia a unha alianza parlamentaria coa socialdemocracia que, co tempo, traería graves consecuencias para a clase obreira e para o propio movemento comunista internacional, que encontraba inmensas dificultades para definir unha estratexia revolucionaria nas novas condicións xurdidas da postguerra.

As devanditas tendencias revisionistas, plenamente triunfantes na maioría dos partidos de Europa occidental, tiñan a mesma base social que a socialdemocracia de antano e seguiron o mesmo camiño que antes percorreran os partidos socialdemócratas. Representaban, como reflexo, os intereses da pequena burguesía e das capas medias, da aristocracia obreira e de sectores da burocracia sindical. Chegaron á conclusión, descaradamente reformista, de que o socialismo podería construírse, en Europa, a través dun acordo coa socialdemocracia de tipo parlamentario, usando exclusivamente vías legais, constitucionais, reforma a reforma, ata chegar a un punto no que se tivese construído o socialismo. A devandita visión, utópica no sentido de reaccionaria, era unha quella sen saída que encontrou os seus propios límites co cambio de política da burguesía como consecuencia da crise económica do <<Estado do Benestar>>.

A bancarrota do revisionismo eurocomunista sófrena na actualidade numerosos destacamentos obreiros de todo o mundo capitalista, especialmente dos países de Europa, onde as organizacións herdeiras do eurocomunismo, mantendo nuns casos as siglas e a simboloxía comunista ou despois de abandonala noutros, conscientes da mutación dunha socialdemocracia convertida décadas atrás en partido burgués, aspiran a ocupar o flanco esquerdo dos parlamentos burgueses, iso si, sempre nunha alianza supeditada dun ou outro xeito aos partidos socialdemócratas e sempre baixo as bandeiras do reformismo que ondean dentro das marxes do sistema.

Ademais coincidían e coinciden, e non por casualidade, nunha visión xenericamente favorábel á Unión Europea, proxecto imperialista da oligarquía dos países que a conforman. Desexan converterse no partido da <<esquerda>> homologábel para as devanditas institucións, aceptando o fundamental da construción europea, as regras antidemocráticas e antiobreiras do seu funcionamento e as súas políticas monetarias e económicas de sentido único, a chantaxe á que someten os pobos de Europa na crise capitalista, e, en definitiva, ás políticas impostas en cada momento pola burguesía.

Hoxe os devanditos partidos oportunistas, organizados no Partido da Esquerda Europea, son un obstáculo ao desenvolvemento da loita de clases, interpóñense como freo ao desenvolvemento das posicións clasistas, da conciencia de clase; son, en definitiva, aliados naturais da socialdemocracia, son a súa actual á esquerda, cumprindo a tarefa de introducir a ideoloxía reformista e pequenoburguesa dentro do campo obreiro, de soster unha falsa paz social que asegure un marco político ás medidas antiobreiras que o capital ten que aplicar para manter a súa taxa de ganancia e salvar a situación.

Algunhas consideracións finais.

Parte da base social da socialdemocracia, e tamén do revisionismo, constitúena os sectores obreiros de baixa consciencia de clase que se suman á loita pola defensa dos seus intereses inmediatos ante as crecentes agresións do capital. Cando estes sectores, con escasa preparación política e nula conciencia de clase, súmanse ás loitas que debe desencadear a clase para defender os seus intereses fano, necesariamente, dende algún punto de vista ideolóxico.

Efectivamente, o feito de que tales sectores obreiros non posúan consciencia de clase para si non anula o feito de que posúen, como toda persoa, unha visión do mundo, ideolóxica, que lles serve para inserirse a si mesmos dentro da sociedade. A devandita visión do mundo, que non procede por enteiro de posicionamentos clasistas, ten necesariamente que vir do seu antagonista, se estamos de acordo con Marx en que nas sociedades divididas en clases a ideoloxía dominante é a ideoloxía da clase dominante.

A súa visión do mundo, a súa ideoloxía, polo tanto, se non é proletaria terá que ser necesariamente burguesa ou pequenoburguesa. Tratarase de determinadas adaptacións ás condicións de vida da clase obreira das ideoloxías propias da burguesía ou a pequena burguesía, e a máis adecuada historicamente a estas funcións é, precisamente, os a ideoloxía <<economicista>>, reformista, que pregoan os sindicatos e os partidos socialdemócratas e tamén partidos oportunistas do PEE ou similares. A devandita ideoloxía adáptase ás condicións obreiras, pero faino dende a óptica burguesa, ao defender pequenos cambios dentro do capitalismo que poidan mellorar ou aliviar as condicións actuais ás que se ve sometido o proletariado.

Do mesmo modo, e de sentido aparentemente inverso, poderiamos considerar a ideoloxía utópico-revolucionaria que, a pesar do seu pretendido revolucionarismo, se mostra impotente para dirixir a loita revolucionaria e remata por preconizar medidas que, de ser posíbeis, supoñerían unicamente pequenos cambios mantendo o fundamental da explotación capitalista.

A misión da socialdemocracia, e das súas centrais sindicais dentro do campo obreiro, consiste en impedir que a devandita posición, que é unha etapa obxectiva no desenvolvemento da consciencia deses sectores, evolucione cara á asunción dunha posición ideolóxica netamente proletaria, baixo o prisma do marxismo-leninismo, e que tenda á confrontación co capitalismo, cara á súa superación revolucionaria.

Polo tanto, ademais da existencia dos sectores sociais antes aludidos -pequena burguesía e capas medias- dentro do movemento obreiro os sectores pouco conscientes, os máis demorados, tamén poden ser unha base de apoio ao revisionismo en xeral e á socialdemocracia en particular.

Os partidos comunistas vémonos obrigados a lidar con estas posicións e estarémolo, baixo moi diversas condicións políticas, sociais ou económicas, ata a superación mesma do conflito de clases, ata a etapa superior e última do socialismo-comunismo. Nesas diversas condicións, o reformismo tomará distintas posicións políticas pero, en esencia, intentará adaptar o movemento obreiro ás posicións do seu inimigo de clase, facendo que acepte o campo de batalla e as formas de loita que considera válidas o seu inimigo e negando a necesidade de superar o sistema capitalista xerador das contradicións que o manteñen na súa posición subordinada.21

A misión principal dos partidos comunistas neste campo, en xeral na acción sindical, é elevar esa conciencia económica, que non supera o capitalismo, cara a conciencia política revolucionaria, de modo que eses sectores abandonen as teses ideolóxicas da pequena burguesía (ademais das anteriores poderiamos mencionar a idea de que o Estado é neutral na loita de clases, de que a legalidade é sagrada e que todo o estipulado nas leis se cumpre, a idea da independencia do poder xudicial, da separación de poderes e outras inxenuidades pequenoburguesas que frean obxectivamente a loita de clases) e abracen as teses ideolóxicas propias da súa clase. Isto é posíbel, precisamente, porque a ideoloxía proletaria marxista-leninista non é máis que o reflexo, no terreo do subxectivo, das condicións económicas que sofren os explotados, ou dito doutro modo, toda tentativa, a nivel social, de intentar o mesmo con sectores non proletarios está condenada de antemán ao fracaso -á marxe de que individualmente moitos membros da pequena burguesía e das capas intermedias achéguense á clase obreira e mesmo adopten a súa visión do mundo ante o desenvolvemento das contradicións capitalistas-.

O movemento comunista está obrigado a aprender dos seus erros, as condicións en que a crise capitalista sitúa a loita de clases esixe un combate frontal contra as posicións de integración que propugna a socialdemocracia e o revisionismo nas filas obreiras. A independencia ideolóxica, política e organizativa da clase obreira debe ser defendida con firmeza, sen concesións:

<<Agora o pobo, os empregados e obreiros, os pequenos comerciantes e autónomos deben escribir as súas propias páxinas na historia do país e escribilas literalmente en maiúsculas e grosa. A súa ira debe converterse en forza de contraataque ata o final. Non hai outro camiño... a barbarie non se humaniza.>>22


1 "As premisas do socialismo e as tarefas da socialdemocracia", recompilación de artigos Revista Neue Zeit, 1897-1898.
2 V.I. Lenin, Marxismo e Revisionismo. Obras Completas, Tomo 17, páxina 24. Ed. Progreso, Moscú, 1.983.
3 Idem., páxinas 19 e 20.
4 Idem., páxinas 20 e 21.
5 Idem., páxina 22.
6 V.I. Lenin, "Quen se bole, provoca risa". Obras Completas, Tomo 25, páxina 187. Ed. Progreso, Moscú, 1.984.
7 V.I. Lenin. "A bancarrota da II Internacional". Contra o revisionismo, Ed. Progreso, Moscú, 1.980, páxina 259 -260.
8 V.I. Lenin. "Marx, Engels e o marxismo". Edición en Linguas Estranxeiras, Moscú, 1.947, páxinas 237 -238.
9 Enrique Líster López. "Leninismo e oportunismo". Edicións PCOE, Madrid, 1976, páxinas 21 -22.
10 V.I. Lenin. "Marxismo e reformismo". Obras Completas, Tomo 24, páxina 1. Ed. Progreso, Moscú, 1.984.
11 V.I. Lenin. "A situación e as tarefas da Internacional Socialista". Contra o revisionismo, Ed. Progreso, Moscú, 1.980, páxina 209.
12 V.I. Lenin. "A bancarrota da II Internacional". Contra o revisionismo, Ed. Progreso, Moscú, 1.980, páxina 238.
13 Idem., páxina 260.
14 Idem., páxina 268.
15 Idem., páxina 268.
16 Hoxe en día, contando coa necesaria perspectiva e cando xa non existe dúbida ningunha do carácter burgués e imperialista de moitas seccións da socialdemocracia durante o desenvolvemento da Segunda Guerra Mundial, o movemento comunista debe analizar con rigor a política de fronte única do proletariado cos partidos socialdemócratas adoptada polo VII Congreso da I.C., toda vez que levou consigo toda unha serie de consecuencias posteriores de indubidábel importancia para o movemento comunista internacional.
17 Os lazos de destacados cadros socialdemócratas coa oligarquía afondaron dende entón. A xeito de exemplo, abonde sinalar a participación do ex presidente do goberno español, Felipe González -Ex Secretario Xeral do PSOE-, no coñecido como "Encontro Pais e Fillos", unha iniciativa privada que congrega empresarios de toda América Latina e os seus herdeiros para compartir "as receitas do éxito nos negocios" e falar de "os temas sociais que preocupan ao mundo". Entre os oligarcas participantes encóntranse, entre outros, Carlos Slim, o segundo home máis rico do mundo; o magnate colombiano Julio Mario Santo Domingo; o empresario venezolano Gustavo Cisneros; os arxentinos Paolo Rocca, Federico Braun e Alfredo Román; os chilenos Andrónico Lucksia e Álvaro Saieh ou os brasileiros Joao Roberto Marinho, David Feffer e Antonio Moreiras. (Diario Público, Madrid, 08/03/2009, noticia da Axencia EFE).
18 Programa Básico do SPD. Bonn, 1959, páxinas 5-17.
19 Respecto a algúns movementos que como o coñecido 15 -M ou movemento dos indignados en ningún caso transcenden o formulacións socialdemócratas, remitimos á Declaración do Comité Executivo do PCPE sobre as mobilizacións iniciadas o 15 M, de 19 de maio de 2011, e que pode consultarse en http://www.pcpe.es/comunicados/item/268-sobre-las-movilizaciones-iniciadas-el-15-m.html.
20 Membro do Buró Político do Partido Comunista de Grecia. Cita do seu artigo "Ideas sobre unha nova Internacional. O internacionalismo na teoría marxista", escrito a petición do Partido Comunista de Turquía para unha actividade organizada polo Centro de Investigación Marxista. Publicado na revista teórica do KKE (Komunistitiki Epitheorisi, segundo número de 2.010).
21 O Presidente do Congreso español e dirixente do PSOE, José Bono, declarou publicamente que a "loita de clases" no século XXI "é unha milonga" que non coa xa nin en China", que o emprego teñen que crealo na actualidade "basicamente" empresarios con "axuda" das administracións polo que, recalcou, o PSOE non fará campaña "en contra dos que crean riqueza e emprego". Declaracións reflectidas nos medios de comunicación españois o 9 de maio de 2.011, EUROPAPRESS.
22 Discurso da camarada Aleka Papariga, Secretaria Xeral do KKE, ante miles de traballadores e traballadoras, o 11 de maio de 2011. Tradución do inglés realizada pola Área de Internacional do CC do PCPE.



[Fonte: Revista Comunista Internacional, nº3, edición en papel de Setembo do 2012, pp. 27-41]
-Traducido por FORXA!-