A ideoloxía do “pacto social” e o seu impacto negativo na clase obreira.

Por Ali  Ruckert,
Presidente do Partido Comunista de Luxemburgo (KPL)


As tentativas do capital por ter unha influencia ideolóxica sobre o pobo traballador e as súas organizacións forman parte integral da historia do capitalismo. Estas tentativas teñen o obxectivo de afastar aos traballadores da loita de clases, evitar que se produza un cambio básico nas relacións de poder existentes e na situación da propiedade e impedir a abolición da explotación do home polo home.

Esta estratexia do capital foi levada a cabo con éxito no que se refire a amplos sectores do movemento sindical, cuxos obxectivos inicialmente se limitaron ás melloras sociais no seo do sistema capitalista e, máis tarde, á defensa do logrado.

Do mesmo xeito que cambian os obxectivos, os métodos tamén cambian. En caso de conflito de intereses, os sindicatos comezaron a deixar de mobilizar á clase obreira por medio de accións de masas e folgas, o que tería axudado a reforzar as esixencias dos traballadores e a fortalecer a súa conciencia de clase. En lugar diso, os dirixentes sindicais uníronse aos representantes do capital como “axentes sociais con iguais dereitos”, co obxectivo de alcanzar compromisos con eles “mediante o consenso entre as organizacións de empregadores e de empregados”. Nos países xermano parlantes ata introduciron un novo vocabulario. En lugar de “traballadores” e “capitalistas”, falan de “tomadores de emprego” (jobtakers) e “oferentes de emprego” (jobgivers).

En Luxemburgo, o “pacto social” nunca se limitou aos “axentes sociais”. Ademais, o Estado burgués estableceu as condicións básicas para a institucionalización da vía do “diálogo social”. Esta foi a condición necesaria e a razón do exitoso establecemento do “pacto social”. As condicións legais desenvolvéronse de tal xeito que o sindicato comunista, que actuou sobre a base da loita de clases entre 1945 e 1965, foi permanentemente discriminado, deixado de lado e excluído das negociacións salariais. Ao mesmo tempo, o capital e o goberno fixeron canto fixo falta para apoiar e fortalecer aos movementos sindicais socialdemócrata e cristián, que seguían a liña do “pacto social”, e para incrementar a súa influencia entre a clase obreira do noso país. Pero, dada a existencia de países socialistas e da competencia internacional entre os dous sistemas sociais, o capital viuse forzado a chegar a acordos e a realizar concesións de tipo social, que tamén foron posíbeis debido ao feito de que, durante os 30 anos de crecemento económico tras a II Guerra Mundial, existía a base financeira para levar a cabo tal política.

O “pacto social” acadou un novo nivel de desenvolvemento cando, en 1975, a crise capitalista da industria siderúrxica alcanzou Luxemburgo. Creouse un novo órgano de “pacto social”, denominado “Tripartito”, que incluía ao goberno, ás asociacións de empresarios e, finalmente, aos representantes dos tres sindicatos maioritarios. O Parlamento ata aprobou unha “Lei do Tripartito”, que establecía que este órgano tiña que decidir sobre todas as medidas necesarias para lograr “estimular o crecemento económico e preservar o pleno emprego”.

O comité coordinador do “Tripartito” discutiu e decidiu a porta pechada medidas para solucionar as consecuencias da crise, mentres unha gran maioría dos sindicalistas e os órganos electos dos sindicatos eran excluídos da toma de decisións. Ao mesmo tempo, o Parlamento foi privado do seu dereito de control e foi degradado á tarefa de simple executor das decisións dunha institución que non estaba prevista na Constitución do país.

Foi tarefa do “Tripartito” xestionar as consecuencias da crise estrutural da industria siderúrxica e garantir a expansión mundial e as ganancias do complexo siderúrxico “ARBED” (hoxe ArcelorMittal), que dominaba toda a economía de Luxemburgo. O “Tripartito” tivo que paralizar a gran resistencia obreira e garantir a estabilidade do sistema existente.

En case 10 anos, no período entre 1975 e 1985, destruíronse 15.000 dos 27.000 postos de traballo da industria siderúrxica. Os traballadores foron obrigados a aceptar a pre-xubilación ou pensións de invalidez, e moitos deles organizáronse nunha “división anti-crise”, que foi subvencionada polo estado con fondos públicos e despregábase para tarefas de urxencia pública. Ao mesmo tempo, os traballadores da siderurxia foron obrigados a aceptar reducións salariais e, moi “oportunamente”, suspendeuse a vinculación dos salarios ás subidas dos prezos.

O éxito desta estratexia foi, en gran medida, un dos “méritos” das direccións sindicais. Seguiron a táctica de presentar todo peche de factorías, toda nova etapa de recortes de emprego, como unha “vitoria” e de declarar publicamente que, no “Tripartito”, eles tiñan evitado medidas mesmo peores, que “salvaran” miles de postos de traballo e evitaran despedimentos masivos.

Ao avaliar estes acontecementos, non se exclúe que todo isto fose unha montaxe. A patronal siderúrxica anunciou máis despedimentos dos que realmente estaban previstos, e os representantes sindicais no “Tripartito” puideron salvar a cara ao declarar que o número de despedimentos real fora menor que o inicialmente declarado. Outro aspecto do éxito foi que o Estado fíxose co 30% das accións, e así bombeou diñeiro fresco ao negocio siderúrxico sen interferir nas decisións estratéxicas dos empresarios do sector.
O Partido Comunista de Luxemburgo (KPL) levou a cabo intentos de mobilizar aos traballadores da industria siderúrxica contra a destrución de postos de traballo, pero non tivo éxito. A razón principal do fracaso foi a negativa do sindicato OGBL, dirixido polos socialdemócratas, ás propostas dos comunistas. Entre xuño e setembro de 1981, militantes comunistas recolleron 12.000 firmas de traballadores siderúrxicos pedindo a nacionalización da industria siderúrxica e obtiveron a aceptación do Sindicato Siderúrxico da OGBL, a maior central sindical do país. Pero a dirección da OGBL opúxose categoricamente a toda nacionalización, non tomou en conta a decisión do Sindicato Siderúrxico e continuou a súa política de “pacto social” coa patronal siderúrxica.

A actividade do sindicato no sector siderúrxico conduciu a consecuencias contraditorias. En particular porque, a partir da iniciativa dos representantes comunistas nos comités de empresa, puidéronse lograr garantías salariais para os traballadores que tiñan que traballar por menores salarios noutros centros de traballo ou na “división anti-crise”. Isto foi, por suposto, un bo resultado, pero por outra banda conduciu a que a maioría dos traballadores non se resistise á destrución de postos de traballo no sector. Moitos traballadores mantiveron a opinión de que o problema se solucionaba en canto se solucionase a súa situación persoal.

Nese mesmo momento, ao contrario do que ocorreu na industria siderúrxica do sur de Luxemburgo, destruíronse case todos os postos de traballo do sector na veciña rexión francesa de Lorena, malia a loita sindical e obreira. Isto axudou á política dos defensores do “pacto social” en Luxemburgo, dado que foron capaces de fabricar a “proba” de que “as conversacións do Tripartito” cos capitalistas e o goberno serían máis proveitosas para os traballadores que a loita de clases e a confrontación co capital.

Desde os sindicatos e os medios de comunicación presentábaselles todos os días aos traballadores a ideoloxía do “pacto social”, o que finalmente conduciu á rápida destrución da conciencia de clase, que fora forxada entre sectores do proletariado siderúrxico nos anos sesenta. Consecuentemente, desvaneceuse a disposición dos traballadores para loitar activa e conxuntamente contra o desmantelamento da industria siderúrxica.

Como consecuencia da derrota na siderurxia, moitos traballadores do sector afastáronse dos comunistas, e o Partido Comunista perdeu a súa influencia nas fábricas e logo tamén se debilitou nos parlamentos nacional e comunais –con resultados negativos após deste acontecemento. É máis, o KPL non recoñeceu a tempo a necesidade de incrementar a súa influencia entre os traballadores dos servizos públicos, nos comerciantes e nas institucións financeiras, quen normalmente non tiñan conciencia de clase -e máis tarde o partido non tivo suficiente forza como para tomar iniciativas nesa dirección.

Despois de que a Unión Soviética, con Gorbachov á cabeza, declarase unilateralmente a fin da “guerra fría” e se rendese ante o capitalismo, en Luxemburgo inicialmente non houbo cambios nas relacións entre o capital e a clase obreira. Os dirixentes sindicais socialdemócratas, quen en parte se atopaban baixo forte influencia anticomunista, consideráronse parte dos “triunfadores da historia”.

Pero tras os cambios do sistema en 1989-1990, o capital non viu necesidade algunha de respectar un sistema social alternativo e comezou, sistematicamente, a cuestionar e retirar as anteriores concesións sociais.

Non só os salarios e as conquistas sociais se viron atacados polo capital, senón tamén as melloras legais polas que a clase obreira estivera loitando nas décadas anteriores. A Lei sobre Xornada de Traballo empeorouse en detrimento dos traballadores, as condicións de traballo flexibilizáronse en favor do capital, principalmente por medio da introdución do traballo subcontratado e o emprego temporal, e os salarios mínimos, tal como estaban definidos pola lei, reducíronse. En paralelo a isto, os impostos sobre o capital e os custos non salariais do traballo reducíronse máis e a redistribución dos medios públicos a favor do capital creceu. Con todo, os sindicatos seguiron mantendo firme a política do “pacto social”.

En 2006, o goberno atendeu ás esixencias do capital e decidiu frear sistematicamente o axuste dos salarios á inflación, de modo que, en 2009, todo asalariado perdeu máis ou menos a metade dun salario mensual. Os sindicatos do “Tripartito” deron o seu visto bo a esta medida, e tras iso o “pacto social” sufriu a súa primeira fenda. Case un terzo dos membros do Comité Executivo Nacional do maior sindicato do sector privado rexeitou ratificar a decisión do “Tripartito”. Isto non tivo consecuencias políticas directas, pero foi un signo de que a política de redistribución a favor do capital, que fora consentida repetidamente polos dirixentes sindicais no “Tripartito”, era rexeitada por cada vez máis traballadores.

Coa crise financeira e económica do capitalismo, as contradicións intensificáronse. O goberno rescatou a dous dos grandes bancos de Luxemburgo antes da creba e así continuou a redistribución en favor do capital. Isto conduciu ao crecemento do descontento entre os asalariados.
Este descontento expresouse amplamente na manifestación sindical do 16 de maio de 2009 baixo o lema “Non queremos pagar pola vosa crise!”. No entanto, isto non impediu que as direccións dos grandes sindicatos seguisen xunto ao goberno e o capital no marco do “Tripartito”, en lugar de mobilizar aos traballadores do sector privado e dos servizos públicos e orientalos cara a unha folga xeral que evitase máis austeridade e recortes sociais.

Pero esta vez, a diferenza de anteriores negociacións do “Tripartito”, non foi posíbel acadar un acordo. Baixo o pretexto de mellorar a competitividade das empresas, o déficit orzamentario e o aumento da débeda pública, o goberno anunciou para o 1 de xaneiro de 2011 masivas subidas de impostos e recortes sociais, entre eles o incremento dos custos que o pobo ten que pagar por tratamentos médicos e medicinas. Tamén se tomou en consideración unha redución dos salarios iniciais no sector público.

Adicionalmente, o capital instou ao goberno a suspender ou, polo menos, a restrinxir o mecanismo que axusta os salarios ao incremento de prezos (o Index). Os partidos gobernantes, o Partido Popular Social Cristián (CSV) e o Partido Socialista Obreiro Luxemburgués (LSAP), en principio acordaron tal restrición pero, como resultado da presión dos sindicatos socialdemócratas, o LSAP viuse forzado a retirarlle o seu apoio.

Aínda así, o goberno e as direccións sindicais chegaron a un “compromiso” e o 29 de setembro de 2010 asinaron un acordo de manipulación do Index. Abandonouse o recorte do 50% na axuda por quilometraxe que estaba previsto no programa de austeridade do goberno pero, “a cambio”, acordouse frear o axuste dos salarios á inflación. Independentemente da data do seu vencemento, a subida salarial vinculada á inflación pagaríase o 1 de outubro de 2011, é dicir, unha semana antes da celebración das eleccións municipais en Luxemburgo.

Debido ao crecemento real da inflación, o axuste debía terse pagado o 1 de maio anterior. Isto significa que todo asalariado perdeu cada mes entre maio e outubro de 2011 o 2,5% do seu salario, reducíndose así o seu salario no período nun 12,5%. Isto unido ás subidas de impostos deu como resultado un recorte no poder adquisitivo do pobo.

A isto hai que sumarlle que o goberno volveu sucumbir ante a presión do capital e a UE e anunciou unha “reforma” do sistema público de pensións, a realizarse en 2013, a cal dará lugar, indirectamente, a unha prolongación da vida laboral. Quen no futuro queira ou poida traballar 40 anos, terá que aceptar un recorte do 15% da súa pensión en comparación co sistema de pensións actual. Se alguén quixese recibir a mesma pensión que o sistema de pensións garante hoxe, terá que traballar catro anos máis. Os sindicatos anunciaron a súa oposición a un empeoramento do sistema público de pensións existente e o goberno acordou discutir cos “axentes sociais” tras as eleccións municipais do 9 de outubro de 2011.

Hoxe en día o “pacto social” enfróntase a un serio desafío. O gran capital industrial e financeiro está tratando de facerse cunha parte maior dos beneficios da produtividade, e esixe unha redistribución acelerada das finanzas públicas ao seu favor. O resultado será un maior endebedamento do Estado burgués e unha maior carga sobre os asalariados, polo que, cando estes cheguen ao límite, unha gran parte deles darase conta de que non hai outra opción máis que a loita de clases. Doutra banda, os traballadores perderon as experiencias de loita de clases durante as décadas de “pacto social”, así que será indispensábel un difícil proceso de aprendizaxe.

Como resultado do ocorrido durante a crise, a ideoloxía do “pacto social” e da “solidariedade nacional” gretouse, pero aínda está profundamente asentada nas conciencias non só dos dirixentes sindicais, senón tamén da gran maioría de sindicalistas e traballadores. Isto ten que ver co feito de que non ven unha alternativa ao capitalismo actual, senón que máis ben desexan volver á denominada “economía social de mercado”, onde pensan que o “pacto social” estivo funcionando case sen problemas e tróuxolles melloras sociais. Non se dan conta de que esa porta xa se pechou, xa que non hai outro sistema alternativo ao sistema social do capitalismo. En realidade, foi a existencia do sistema socialista o que forzou ao capital a chegar a acordos coa clase obreira.

Baixo estas condicións, a actividade sindical dos comunistas en Luxemburgo é bastante difícil, dado que están organizados principalmente no sindicato socialdemócrata que está orientado cara ao “pacto social”.

Pero, ante a actual destrución da industria siderúrxica, vense os primeiros signos de resistencia. Xunto cos seus compañeiros de Bélxica, Alemaña e Francia, os obreiros siderúrxicos organizaron unha folga de 24 horas o 7 de decembro de 2011, a que foi a primeira folga en Luxemburgo desde 1982.

Xunto co Partido do Traballo de Bélxica (PTB), o KPL publicou unha declaración sobre os recentes acontecementos na industria siderúrxica, e celebrou unha roda de prensa un día antes da folga, onde o KPL e o PTB reiteraron a súa posición de que a expropiación do millonario indio Lakshmi Mittal e a nacionalización das fábricas siderúrxicas son a única solución posíbel para evitar a completa destrución da industria e salvar os postos de traballo en ambos países.

Necesítase unha gran paciencia revolucionaria para incrementar a conciencia dos sindicalistas e tamén dos traballadores que non teñen afiliación sindical. A clase obreira de Luxemburgo está formada cada vez máis por traballadores de diversas nacionalidades, traballadores transfronteirizos e inmigrantes, que falan diversas linguas e teñen diferentes herdanzas culturais. Os traballadores de orixe luxemburgués son minoría.

Máis importante aínda é a educación marxista dos militantes comunistas, de modo que sexan capaces de explicar aos seus compañeiros nas empresas e nos sindicatos, con apoio de exemplos concretos das súas empresas, como funciona a explotación, cales son os petos que se benefician das melloras de produtividade, por que motivos seguen pensando e actuando no “pacto social” e renuncian á loita de clases para evitar os ataques que veñen desde arriba, que é posíbel obter conquistas sindicais concretas e por que o capitalismo non é capaz de solucionar os problemas que afrontan os traballadores.

Este traballo ideolóxico é a condición previa para o desenvolvemento da conciencia de clase, dado que só por medio da loita de clases será posíbel evitar que todos os logros anteriores sexan destruídos un por un e que os asalariados, que están empuxados a unha posición defensiva polo pensamento do “pacto social”, volvan ser os perdedores no conflito co capital.

O principal inimigo dos asalariados segue sendo o gran capital industrial e financeiro. O seu poder económico e político só pode romperse cando gran parte da clase obreira e do movemento sindical se de conta de que o “pacto social” debilita aos traballadores e os subordina aos intereses económicos do capital e os mecanismos sociais de explotación. Os traballadores deben aprender que o “pacto social” está limitando a posibilidade de facer, no seu propio interese, cambios fundamentais na actual situación da propiedade e crear así as condicións necesarias para os cambios económicos, sociais e políticos en beneficio dos traballadores.


[Fonte: nº 3 da Revista Comunista Internacional -setembro 2012- pp. 89-97 da versión en papel]
-Traducido por FORXA!-