O Partido Comunista e a clase obreira venezolana na disxuntiva da revolución bolivariana.

A actual crise sistémica do capitalismo, coincide co desenvolvemento de procesos progresistas e revolucionarios, fundamentalmente de carácter antiimperialistas e antioligárquicos, particularmente en América Latina, cuxas múltiples contradicións intrínsecas xeran expectativas en diversas direccións.

Un dos trazos comúns en tales procesos políticos, ademais do seu carácter cuestionador da dominación imperialista estadounidense na rexión, a reivindicación da soberanía nacional e unha mellor distribución da riqueza, atributos que de por si os fan merecedores do respaldo das forzas consecuentemente revolucionarias, é que a súa vangarda social foi asumida por sectores radicalizados da pequena burguesía e de capas medias profesionais, mesmo con importante protagonismo da chamada burguesía nacional emerxente, non monopolista, interesada en tomar as rendas da dinámica económica, en contraposición coa estratexia de control hexemónico global dos monopolios transnacionais.

Confrontación interburguesa que ten particular definición en Venezuela, coa súa economía petroleira rendista, onde practicamente toda a dinámica económica e social xira arredor dos recursos que xera a exportación de cru, actividade baixo monopolio estatal, polo que as diversas fraccións burguesas intentan tomar control directa ou indirectamente do aparato estatal e a administración da renda petroleira.

En tal contexto, xurdiu a formulación diversionista do "socialismo do século XXI", con maior forza erguido polo liderado da Revolución Bolivariana en Venezuela, seguido polos gobernos progresistas de Ecuador, Bolivia e Nicaragua, asumido ademais por correntes políticas oportunistas noutros países de América Latina e o Caribe.

Esta circunstancia histórica foi berce do renacer de diversas vellas "teorías" e concepcións, presentadas con aparencia de orixinais e autóctonas, etiquetadas de endóxenas, pero que en definitiva envolven a negación da loita de clases e do papel revolucionario da clase obreira, da desestimación da teoría científica do proletariado e da necesidade do seu instrumento orgánico, o partido político fundamentado nos principios do marxismo-leninismo.

De tal xeito, desde a dirección do proceso venezolano hai sectores que difunden conceptos introducidos por teóricos socialreformistas, "posmodernistas" e revisores do marxismo, elevando á categoría de suxeitos históricos da revolución "ás multitudes" (Antonio Negri e Paolo Virno), "ao Pobo" -desprovisto dun sentido de clase- e ás comunidades territoriais. O problema con estas categorías é que son xenéricas e abstractas, non historicamente concretas, e carecen polo tanto de contido clasista específico. Falar de "as multitudes", por exemplo, é escamotear ou polo menos deformar a loita de clases, que acontece non entre os moitos e os poucos, senón entre os explotados e os explotadores, independentemente das súas respectivas forzas numéricas. Ademais, ao resaltar de xeito superlativo, dende a dirección do proceso revolucionario e do goberno, o papel protagónico das comunidades territoriais, óbviase ou aínda máis se intenta frear o desenvolvemento organizativo e sociopolítico, que necesita alcanzar a clase obreira e demais traballadores e traballadoras, dende os seus centros de traballo e por ramas de actividade laboral, na dinámica da loita de clases, pola supresión das relacións capitalistas de produción.

Á par, dende instancias dirixentes do proceso difúndese a negación do materialismo dialéctico e a descualificación da actuación das leis do desenvolvemento social (Kohan), tratando de darlle sustento teórico ao voluntarismo e ao subxectivismo, en desmedro da concepción materialista da historia. Nesa explosión de diversionismo ideolóxico, ábrese paso con facilidade o anticomunismo no discurso e na práctica política, a nome do socialismo do século XXI, facendo concesións á ideoloxía burguesa e á chantaxe anticomunista da guerra sicolóxica do imperialismo, debilitando a forza política e moral da revolución bolivariana fronte aos plans da contrarrevolución.

Tal situación ten a súa explicación, en boa medida, na aínda insuficiente forza cuantitativa e cualitativa da clase obreira venezolana, que lle impediu ata agora xogar un papel determinante ou relevante no curso do proceso de cambios polos que transita a República Bolivariana de Venezuela, aínda que hai manifestacións crecentes e indubidábeis dunha cada vez maior conciencia política da clase obreira e do pobo traballador venezolano, o que favorece o desenvolvemento dunha liña política para a defensa, consolidación e afondamento dos cambios revolucionarios. Algunhas destas manifestacións positivas, son as accións de masas pola aprobación dunha nova e revolucionaria Lei Orgánica do Traballo e a loita por avanzar no establecemento dun novo modelo de xestión das empresas, particularmente as de propiedade estatal, baixo o principio de control obreiro, coa constitución dos Consellos Socialistas de Traballadores e Traballadoras, como instrumentos para o exercicio da dirección colectiva das e dos traballadores nos procesos produtivos, en combate por desmantelar as opresivas relacións capitalistas de produción e por destruír o Estado burgués, propiciando a formación dunha conciencia revolucionaria na clase obreira.

Os consellos socialistas de traballadores e traballadoras, tal e como os concibe o PCV, cumprirán cabalmente o seu papel revolucionario de clase, na medida en que as e os traballadores que asumen a súa construción e desenvolvemento, elevan a súa conciencia, de clase en si a clase para si; a diferenza dos "consellos obreiros" xurdidos por iniciativa do socialreformismo nalgúns países europeos.

De acordo á análise que fai o Partido Comunista de Venezuela (PCV), os cambios acontecidos nestes anos no marco da denominada Revolución Bolivariana son, ata o presente momento, o resultado dunha práctica social-reformista de tendencia patriótica e progresista, cun determinante protagonismo de sectores da pequena burguesía. Tal realidade será transcendida só mediante unha nova correlación de forzas populares e revolucionarias liderada pola clase obreira, que permitirá garantir a consolidación da liberación nacional e crear condicións para avanzar efectivamente cara ao obxectivo estratéxico da toma do poder pola clase obreira e avanzar na construción do socialismo.

Aproxímase entón a Revolución Bolivariana a unha encrucillada e disxuntiva histórica, cuxo desenlace estará determinado pola correlación de forzas de clases que opere no seu interior: ou consolida un proceso de reformas progresistas que preserve os alicerces do sistema capitalista ou avanza cara a unha transición de desmontaxe do aparato estatal burgués e substitución do actual carácter dominante das relacións capitalistas de produción.

Causas do insuficiente protagonismo da clase obreira no actual proceso venezolano.

A clase obreira venezolana non tivo, historicamente e en termos xerais, unha alta composición numérica, debido fundamentalmente ao tradicional modelo monoproductor e monoexportador da nosa economía nacional e ás características de atraso industrial do noso país, resultado da condición dependente e ao papel asignado ao noso país, no marco da división internacional do traballo baixo dirección imperialista, como produtor e exportador case exclusivo de materia prima, especificamente de petróleo cru.

Se ben entre os anos 60 e 70 do século XX, xurdiron conglomerados industriais de certa importancia, fundamentalmente de propiedade estatal, como as empresas da Corporación Venezolana de Güiana (CVG), non obstante na década dos 80, como efecto da aplicación das políticas neoliberais, iniciouse unha acelerada desindustrialización do país. Esta tendencia foi detida a partir do ano 1999 cando o goberno do Presidente Chávez rompeu coa política neoliberal, pero diversos factores internos e externos impediron que se active un proceso de sostida reindustrialización do país.

Se ben é certo que a debilidade do tecido produtivo provocou un decrecemento numérico relativo do proletariado industrial (por exemplo, o número de traballadoras e traballadores ocupados na industria manufactureira reduciuse máis de 20% dende 1990), isto non significa un decrecemento absoluto da clase traballadora, posto que houbo un aumento da forza de traballo ocupada noutros sectores, particularmente na construción, o comercio e os servizos públicos, incluíndo as telecomunicacións e a enerxía eléctrica.

Non obstante, os obreiros da industria manufactureira seguen sendo moi importantes dende o punto de vista cualitativo, malia a notábel redución que sufriron as súas filas. O seu número hoxe está por debaixo dos 500 mil, ou un 4 por cento do total da forza laboral activa do país. Entre eles destacan os metalúrxicos, concentrados no complexo industrial güianés.

Efectivamente, experimentouse un proceso de diminución do parque industrial, produto do peche unilateral de empresas por parte dos seus propietarios, ben sexa por motivos políticos ou por razóns económicas ligadas aos efectos residuais das políticas neoliberais que favoreceron as tendencias cara á concentración e centralización do capital. Así, entre 1996 e 2007, o número total de empresas industriais manufactureiras reduciuse en case un 40 por cento, redución que afectou especialmente á pequena e mediana empresa.

En canto ao proletariado petroleiro venezolano, este non rexistrou historicamente un gran número de efectivos, aínda que nas primeiras cinco décadas do século XX, período de establecemento e consolidación da economía petroleira, era o compoñente máis numeroso, organizado e combativo do conxunto da nosa clase obreira. Experimentou logo unha diminución e debilitamento, resultado da irrupción do uso de novas tecnoloxías e da profusión dos mecanismos de tercerización e subcontratación nas relacións de traballo, ademais da influencia perniciosa e divisionista das correntes corrompidas da socialdemocracia pro-imperialista, que dominaron ao sindicalismo petroleiro por moitos anos.

Actualmente, coa intensificación de actividades na Faixa do Orinoco e a recente estatización dos servizos vinculados ás actividades primarias como transporte, perforación, servizos xerais, entre outras, a estatal Petróleos de Venezuela S.A. (PDVSA), incrementou o seu persoal cen mil traballadores e traballadoras, incluíndo a avultada nómina administrativa e de servizos sociais que tamén lle asignou o goberno bolivariano á corporación petroleira nacional.

En canto aos aspectos subxectivos que definen o ata agora insuficiente protagonismo revolucionario da nosa clase obreira, están a tradicional división orgánica do movemento sindical venezolano, a súa débil organización e o predominio na súa dirección de tendencias reformistas e burocráticas, aínda que sempre estiveron moi activas e combativas as tendencias que reivindican o clasismo no seo do noso movemento sindical, con destacada participación das e os militantes comunistas.

A loita contra o reformismo e o oportunismo no movemento obreiro venezolano.

A confrontación en Venezuela entre o sindicalismo clasista e o sindicalismo reformista e os seus agrupamentos orgánicos non están á marxe da loita histórica universal por gañar ás masas traballadoras, ou ben para batallar por romper as cadeas da explotación capitalista e conquistar a plena liberación social, ou para aceptar submisamente a moderna escravitude asalariada e condenar toda a humanidade á opresión que exerce o capital.

Como é sabido, a división orgánica e política do sindicalismo ten as súas orixes na historia mesma do movemento obreiro internacional, dende o momento en que o inimigo de clase logra que as tendencias reformistas e oportunistas se desenvolvan e actúen con forza no seu seo. De tal xeito que, coa división da Segunda Internacional en 1914, naceu a socialdemocracia burguesa contemporánea, portadora do colaboracionismo de clase.

A Federación Sindical Mundial (FSM), fundada en 1945, como a central internacional que expresa os xenuínos intereses e obxectivos das e os traballadores do mundo, foi dividida aos poucos anos, resultado dunha conspiración orquestrada polo imperialismo norteamericano. Nos últimos anos, a dereita sindical mundial, respondendo á estratexia global de dominación dos capitais transnacionais, decidiu unificarse nunha soa central, fundando en novembro de 2006 a Confederación Sindical Internacional (CSI), produto da fusión da socialdemócrata CIOLS e da socialcristiana CMT. En América, unificaron á Organización Rexional Interamericana do Traballo (ORIT), filial continental de CIOLS e á Central Latinoamericana de Traballadores (CLAT), filial continental de CMT, na Confederación Sindical de Traballadores e Traballadoras da América (CSA). En Venezuela, as centrais sindicais dereitistas CTV, CGT e CODESA -as dúas últimas case extintas-, afiliáronse á CSA e á CSI.

A FSM, pola súa banda, contou dende os anos 60 coa afiliación da Central Unitaria de Traballadores de Venezuela (CUTV), que aínda con relativa debilidade orgánica, foi por décadas un referente clasista nas loitas das e os traballadores venezolanos, particularmente ao momento de denunciar e combater, nos anos 80 e 90, contra as políticas neoliberais de flexibilización laboral, desmontaxe da seguridade social e privatización de empresas, sendo a contraparte da patronal e pro-imperialista CTV, que dende os anos 60 se converteu en instrumento sindical ao servizo da oligarquía venezolana e os seus gobernos.

O inicio do proceso revolucionario bolivariano, coa elección do Presidente Chávez e a aprobación da Constitución da República Bolivariana de Venezuela, agudizou a loita de clases pero tamén creou condicións para o desprazamento da hexemonía sindical exercida pola CTV e a busca da unidade sindical, a partir do reagrupamento dos moi diversos factores laborais afectos ao proceso revolucionario. Nesa dinámica xorde a Unión Nacional de Traballadores e Traballadoras (UNETE), afecta á FSM, que avala ao proceso revolucionario dende posicións de independencia de clase.

Malia o avance que significa o proceso antineoliberal e antiimperialista en desenvolvemento en Venezuela e malia a existencia da UNETE, o movemento obreiro e sindical venezolano segue enfrontando a histórica tendencia da burguesía e do Estado a sometelo á súa tutela e subordinación. Ademais das correntes sindicais abertamente contrarrevolucionarias, existen correntes que, aínda que pregoando unha posición a favor do proceso revolucionario, teñen unha concepción e unha práctica reformista e oportunista, optando por un sindicalismo patronal e oficialista, que propugnan a división da UNETE e a conformación doutra central sindical, construída burocraticamente dende escenarios do poder estatal. Esta situación complica a loita das e os traballadores fronte á patronal pública e privada, aínda máis cando dende diversas instancias do poder político se tende a asumir unha posición abertamente antisindical ou, en todo caso, contraria á existencia independente das organizacións das e os traballadores.

Para o PCV, a necesidade de defender e fortalecer a autonomía e independencia do movemento obreiro e sindical, así como de todas as organizacións de masas, fronte á patronal, o Estado e os partidos burgueses e pequenoburgueses, colócase na primeira prioridade das e os traballadores con conciencia de clase, tanto dende as organizacións sindicais, como dende o accionar das e os delegados de prevención (representantes das e os traballadores para a defensa da saúde e seguridade no traballo) e dos Consellos Socialistas de Traballadores e Traballadoras, xurdidos como consecuencia da premisa constitucional da democracia participativa e protagónica e como instrumentos que reivindican o exercicio do control obreiro nos procesos de produción, administración e distribución de bens e servizos, dende cada centro de traballo e nas diversas ramas produtivas.

Esta necesidade ponse de relevo ante o feito certo de que está en desenvolvemento unha xeralizada tendencia a colocar baixo a subordinación do goberno nacional e doutras instancias do poder estatal, a todas as organizacións sociais. Pero o caso é particularmente grave no caso das organizacións da clase traballadora, posto que ao exercer a pequena burguesía a hexemonía da dirección do proceso e do goberno nacional, preténdese que as e os traballadores declinen a súa independencia de clase, indispensábel para demandar os seus dereitos particulares e para reivindicar os seus intereses colectivos, económicos, sociais e políticos que, basicamente, son os mesmos intereses das maiorías populares da cidade e o campo, pero que á vez son intereses contrarios aos sectores que, no fundamental, exercen boa parte do poder político. Tal situación está a xerar continuos e crecentes conflitos.

Así as cousas, a loita por avanzar cara á unidade orgánica e programática do movemento das e os traballadores, inscríbese na loita por transformar ao sindicalismo venezolano, rearmándoo dos principios que deben guiar a acción liberadora da nosa clase, esencialmente para derrotar ao reformismo no seu seo e para que este, nas súas diversas loitas e realizacións, sirva á formación da conciencia de clase e ao ascenso do proletariado, en alianza estratéxica con outras clases e capas sociais tamén explotadas e oprimidas, á condición de clase dirixente.

Tal e como o afirmou o XIII Congreso Extraordinario do PCV (marzo, 2007): "...entre as tarefas de maior transcendencia do partido da revolución, encóntrase o deseño dunha política capaz de conquistar o movemento sindical para axeitalo, para erradicar os enormes vicios incubados como consecuencia das tremendas perversións do reformismo, das practicas desenvolvidas polos sindicatos patronais, e dos efectos do clientelismo, para romper definitivamente coa súa atomización, para convertelo nunha forza de primeira liña na construción dunha nova sociedade. "

É necesaria a existencia e o fortalecemento do partido da clase obreira no marco do proceso político venezolano.

Os que desde o proceso bolivariano consideran que a clase obreira non é o suxeito histórico da revolución social, xa por descoñecemento da teoría do socialismo científico, xa por considerar ameazados os seus intereses de clase, chegan á conclusión de que a clase obreira non debe organizarse de xeito independente, como clase. Polo tanto, desdeñan e cuestionan a vixencia do partido revolucionario da clase obreira, tratando de descualificar o Partido Comunista de Venezuela, xogando á súa invisibilidade, premendo pola súa liquidación.

A este respecto a Tese sobre o Partido da Revolución, emanada do XIII Congreso Extraordinario do PCV, efectuado en marzo do 2007, en momentos en que se lle propoñía ao noso partido a súa integración no nacente Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV), de carácter policlasista, o que levaría consigo á súa liquidación, expresa o seguinte:

"Ao referirnos á participación e protagonismo das masas, temos que facer unha énfase especial no esforzo orgánico que nos corresponde cumprir coa clase obreira e demais sectores de traballadores e traballadoras. Se nos formulamos erradicar o capitalismo, debemos converternos na organización política, no interprete xenuíno dos intereses da clase social que, pola súa posición na estrutura socioeconómica, non só resulta a máis directamente afectada pola explotación capitalista e, polo tanto, obxectivamente a máis interesada na supresión da escravitude asalariada, senón ademais a que, coa consecución desta última meta, libera ao resto da sociedade do réxime de explotación, pois, desprovista como está dos medios de produción, non aspira a conquistalos para a explotación doutras clases sociais. "

Agrega de seguidas este documento: "... o partido da revolución deberá ser polo seu contido, pola súa política, pola súa composición, pola súa ideoloxía, polos intereses que encarna, o partido da clase obreira e de todo o pobo traballador. Por suposto, a este partido tamén entrarán membros doutras clases e capas da sociedade, pero a condición de que ao facelo asuman como propios os intereses que encarnará o partido, que deberán ser os da clase obreira, se queremos ser consistentes co obxectivo programático de natureza estratéxica que perseguimos: o socialismo.

A definición precisa do contido clasista do partido da revolución é unha necesidade histórica, e non está disputada co carácter antiimperialista da revolución bolivariana na actualidade. Esta fase da nosa revolución esixe, efectivamente, unha ampla alianza de clases... en torno aos obxectivos da liberación nacional. Aproveitar todas as contradicións e diverxencias que poidan existir entre sectores da burguesía grande e pequena, por un lado, e o imperialismo, polo outro, é unha das tarefas primordiais da alianza antiimperialista; pero esta alianza non debe producirse no seo do partido da revolución, especialmente cando recoñecemos que o rumbo desta revolución apunta ao socialismo.

O partido da revolución socialista non poderá cumprir o seu obxectivo histórico se se conforma baixo unha concepción policlasista que, en definitiva, subordina ao conxunto das clases, capas e sectores sociais de carácter popular, aos intereses do bloque económico dominante no seo da respectiva organización. As limitacións deste tipo de partido son amplamente coñecidas na nosa historia: dilúese o carácter revolucionario do partido, subordínanse os intereses anticapitalistas do pobo traballador aos intereses do capital sobre a base de reacomodos, concesións e dádivas; suplántase a loita de clases como mecanismo de transformación pola conciliación de clases coa finalidade de estabilizar o sistema; substitúese a revolución pola reforma; esvaécese o horizonte histórico socialista e comunista, co cal só a clase obreira está organicamente vinculada."

De tal xeito, o noso partido fixaba posición e facía achegas para o debate, entón aberto, en torno ao carácter do partido que necesita a revolución venezolana. Neste XIII Congreso Extraordinario, o PCV reafirmou a súa condición de partido revolucionario da clase obreira, sustentado na teoría científica do marxismo-leninismo, tal e como o asumiu dende a súa fundación en 1931 e que, utilizando tal ferramenta teórica e metodolóxica, deseña unha liña política baseada na necesidade de resolver a contradición principal do momento histórico, a que existe entre os intereses hexemónicos do imperialismo e os da nación venezolana, e a contradición fundamental e irreconciliábel presente na sociedade capitalista: entre o capital e o traballo. De alí a necesidade de que a clase obreira, co seu partido e a súa ideoloxía revolucionaria, asuma a vangarda na loita pola liberación nacional e o socialismo, na perspectiva comunista.

Unha liña política dialéctica: alianza antiimperialista e necesidade dunha correlación de forzas baixo dirección da clase obreira.

Con base á caracterización que fai o noso Partido acerca do proceso revolucionario venezolano e, particularmente da súa actual fase, propuxemos a necesidade de conformar unha Fronte Ampla Antiimperialista e Patriótica, que integre ao conxunto dos factores políticos e sociais que coinciden na necesidade de enfrontar e derrotar a dominación imperialista e conquistar a nosa plena liberación nacional.

Precisamente por iso, simultáneamente propugnamos a conformación dun Bloque Popular Revolucionario (BPR), necesariamente circunscrito aos que nos propoñemos a completa abolición do sistema de explotación e, polo tanto, non pode incluír absolutamente a ningunha fracción burguesa nin a organizacións  que expresen os seus intereses.

As e os comunistas loitamos para que o Bloque Popular Revolucionario sexa liderado pola clase obreira, para que no contexto da agudización da loita de clases, este poida asumir consecuentemente a batalla social e política contra o dominio do capital, e pola instauración dun Estado democrático-popular revolucionario en que inicie a edificación do verdadeiro socialismo, coa clase obreira en condición de vangarda. Construír un Bloque Popular Revolucionario é de crucial importancia para a clase obreira na súa loita polo poder, como o afirmaba o camarada Antonio Gramsci en 1926, consecuente co pensamento leninista, de non obxectábel actualidade para as e os comunistas venezolanos: "O proletariado pode converterse en clase dirixente e dominante na medida que consiga crear un sistema de alianzas de clase que lle permita mobilizar contra o capitalismo e o Estado burgués a maioría da poboación traballadora".



 Pedro Eusse
Membro do Buró Político do Partido Comunista de Venezuela.
Corrente Clasista de Traballadores "Cruz Villegas"





[Fonte: nº 3 da Revista Comunista Internacional, Setembro 2012, pax. 151-161] 
-Traducido por FORXA!-