O Movemento Comunista Internacional hoxe e mañá.


Os días 15 e 16 de decembro de 2012, en Moscova, levouse a cabo un seminario organizado polo Partido Comunista da Federación Rusa baixo o título: “O Movemento Comunista Internacional hoxe e mañá”. Neste seminario tomaron parte: o PC de Vietnam, o PC de Brasil, o PC de Grecia, o PC de India (marxista), o PC de China, o PC de Cuba, o PC Sudafricano, o PC de Ucraína, o PC Portugués, o PC da Federación Rusa, o PC de Bohemia e Moravia.

O KKE foi representado por Elisseos  Vagenas, membro do CC e responsábel da Sección de Relacións Internacionais do CC do KKE, en cuxa intervención destacou o seguinte:



Discurso do Partido Comunista de Grecia no seminario do Partido Comunista da Federación Rusa:

O Movemento Comunista Internacional hoxe e mañá


Moscova, 15-16 de decembro de 2012.


Estimados camaradas.


Agradecemos ao Partido Comunista da Federación Rusa pola invitación a este encontro informal dos partidos comunistas sobre os problemas e a perspectiva do movemento comunista internacional.


O encontro de hoxe lévase a cabo en condicións de profundación da crise capitalista mundial que evidencia as calexas sen saída e os límites do modo de produción capitalista. Con todo, este non será derrocado por si mesmo, non vai caer como unha “froita madura”, se o factor subxectivo e, sobre todo, o partido comunista, o movemento comunista, non conseguen elaborar unha estratexia revolucionaria.


Desgraciadamente, o movemento comunista hoxe está experimentando unha profunda crise ideolóxica, política e organizativa.


O KKE a partir de 1998 levou a cabo unha serie de iniciativas para que os comunistas poidan reunirse, intercambiar opinións, experiencias da súa actividade, coordinarse con respecto a asuntos nos que se poñen de acordo.

Neste sentido en 1998 comezaron os Encontros Internacionais en Atenas, abrazados por decenas de partidos comunistas e hoxe en día establecéronse como un evento anual importante para o movemento comunista internacional. O noso partido insiste en que estes encontros deben seguir sendo os encontros dos partidos comunistas porque van perder a súa esencia e serán levados á disolución se se debilitan coa participación doutras forzas de “esquerda” ou forzas que afirman ser antiimperialistas.


Ao mesmo tempo, como partido, levamos a cabo unha serie de encontros comunistas rexionais e temáticos a nivel de Europa, nos Balcáns, no Mediterráneo Oriental. Participamos activamente nas iniciativas e as invitacións doutros partidos comunistas. Con todo, estimados camaradas, sabemos, estamos convencidos de que o movemento comunista non será capaz de superar a crise en que se atopa só a través destas actividades.


O asunto crucial é a adquisición dunha estratexia revolucionaria e dunha táctica que a sirva, para que se reforcen as posicións revolucionarias no movemento comunista e se retiren, se debiliten as posicións reformistas e oportunistas no conflito duro que se está librando.


A liña da “resistencia e ruptura” co sistema capitalista debe gañar terreo fronte á liña de “adaptación e asimilación” niso.


É obvio que non podemos mencionar aquí en detalle, por limitacións de tempo, todos os asuntos que teñen que ver coa situación no movemento comunista e as perspectivas. Con todo, quixera centrarme brevemente nalgunhas posicións básicas do KKE.


O KKE considera como asunto importante a postura en relación co socialismo que coñecemos así como as avaliacións sobre as causas do seu derrocamento.

O noso partido defendeu o socialismo, ata nas condicións máis difíciles, ante o ataque frenético anticomunista. Defendeu a contribución da URSS á loita dos pobos. Pero non queda niso. Desde o inicio da década dos 90 deuse prioridade á investigación científica das causas da vitoria da contrarrevolución na URSS así como nos demais países socialistas.

Logo de 18 anos de estudo chegamos á resolución do 18º Congreso, sobre as causas do derrocamento do socialismo, os erros que se cometeron no plano económico e político, na estratexia do movemento comunista internacional e conduciron á vitoria da contrarrevolución. O noso enfoque céntrase no abandono dos principios da construción socialista onde, por dicilo de xeito sucinto, no ámbito da economía coas reformas da década de 1950 e 1960 reforzáronse as relacións mercantís e a continuación creáronse as forzas sociais que estaban interesadas en derrocar o socialismo. No ámbito da política tiñamos percepcións erróneas sobre o “Estado de todo o pobo” e no plano das relacións internacionais a percepción errónea sobre a “rivalidade pacífica” entre os dous sistemas sociopolíticos. O socialismo foi derrocado desde dentro e de arriba, debido á erosión oportunista gradual dos partidos comunistas.


O KKE nesta e outras elaboracións segue baseándose na cosmovisión do marxismo-leninismo, que considera que segue sendo vixente, poñendo como prioridade o conflito coas teorías burguesas e oportunistas, e as súas organizacións, como foi por exemplo no pasado a corrente do chamado “eurocomunismo” e hoxe o chamado “Partido da Esquerda Europea”.


O noso partido defende o carácter do Partido Comunista, como partido da clase obreira que non loita meramente para que a forza de traballo se venda en mellor prezo senón ademais polo derrocamento do sistema capitalista de explotación, loita diariamente polo socialismo que actualmente é a única solución alternativa para os traballadores.


Consideramos que a necesidade e a vixencia do socialismo non se debilitou polos cambios contrarrevolucionarios na URSS e en Europa no seu conxunto, porque a necesidade non xorde da correlación de forzas, que é adversa, senón da existencia de condicións obxectivas para a construción do socialismo, das calexas sen saída do capitalismo como é a actual crise capitalista mundial.

Unha crise que non se debe simplemente a unha forma de xestión, por exemplo ao neoliberalismo, como sosteñen varios apoloxistas do sistema capitalista, senón á contradición básica entre capital e traballo.


En base ao noso obxectivo estratéxico, que é o socialismo-comunismo, trazamos tamén a nosa política de alianzas. Rexeitamos como perigosa e daniña a formación de coalicións de “esquerda”, de “frontes antifascistas”, a cooperación coa socialdemocracia, que consideramos que é un erro separala en “esquerda” e “dereita”. Ao contrario, nós pretendemos reunir e concentrar ás forzas sociais, a clase obreira e as capas populares pequenoburguesas urbanas e rurais nunha dirección antimonopolista, anticapitalista, loitando por todos os problemas populares, en conflito e ruptura coas unións imperialistas.

Tal alianza popular no período da situación revolucionaria converterase nunha fronte obreira revolucionaria, dará a luz aos novos órganos populares de poder.


Seguimos crendo que é vixente a frase do Manifesto do Partido Comunista que “é lóxico que o proletariado de cada país axuste ante todo as contas coa súa propia burguesía”1, é dicir consideramos que a loita a nivel nacional segue sendo a fronte principal. Con todo, esta loita debe ser coordinada a nivel rexional e internacional porque é unha loita internacional en que é vixente a consigna “Proletarios de todos os países unídevos!”. O noso partido segue sendo fiel ao internacionalismo proletario.


Tratamos o imperialismo en base ás características destacadas por Lenin. Non identificamos o imperialismo cos EE.UU, porque hai tamén outras potencias e unións imperialistas fortes, como é a Unión Europea. Consideramos que cada país en que predominan as relacións de produción capitalistas, os monopolios, ocupa unha posición no sistema imperialista segundo a súa forza económica, política e militar. As posicións que tratan erroneamente o imperialismo como unha política da clase dominante, como política exterior e non como unha fase de desenvolvemento do capitalismo ligado ao dominio do monopolio na produción capitalista, a fusión do capital industrial e bancario, a exportación de capitais e o carácter económico das guerras imperialistas (distribución e redistribución dos mercados) provocan moito dano. Sería un erro grave se o movemento popular basease as súas esperanzas ás chamadas potencias emerxentes ou ata se as elixise como “campo”.

Por iso, V.Lenin advertía que isto nos levaría erroneamente á avaliación que “resulta que os monopolios na economía son compatíbeis co modo de obrar non monopólico, non violento, non anexionista en política»2. O chamado “mundo multipolar”, da chamada “nova arquitectura das relacións internacionais” non é o mundo da paz e da seguridade para os pobos, senón o mundo das contradicións interimperialistas intensificadas.


Como partido excluímos a posibilidade de participar en gobernos burgueses mesmo se se chaman “de esquerda” ou “patrióticos” porque tras estudar a historia do noso partido e do movemento comunista internacional chegamos á conclusión de que non hai etapas intermedias entre o capitalismo e o socialismo. Non hai poder transicional. O poder estará en mans da clase obreira ou en mans do capital. A participación dun Partido Comunista nun goberno de “esquerda” no marco do capitalismo será daniña para o movemento popular. En esencia, a través de consignas de esquerda” perpetúase a explotación da clase obreira, apóiase a rendibilidade do capital.

Centrámonos na organización da loita da clase obreira nos sindicatos, no movemento obreiro e sindical, que recoñecerá a loita de clases, entrará en conflito coa chamada “paz social” e o “diálogo social” o cal pretende o poder burgués e apoian os oportunistas.


Non buscamos novos suxeitos revolucionarios porque consideramos que non cambiou o papel histórico da clase obreira que é o sepultureiro do capitalismo.


Defendemos as leis da revolución e a construción socialista e rexeitamos a lóxica dos “modelos nacionais” que en esencia refutan estas leis.


Estimados camaradas:


Como partido non nos limitamos soamente a sinalar que existen avaliacións diametralmente opostas entre os nosos partidos, ata entre os que estamos hoxe aquí, sobre os asuntos principais anteriormente mencionados. Buscamos o debate, o intercambio de opinións entre os partidos comunistas.

Pretendemos elaborar conxuntamente asuntos teóricos contemporáneos, sobre todo entre os partidos comunistas cos que hai unha converxencia significativa de opinións. Pero tamén estamos preparados para desenvolver acción común con outros partidos comunistas sobre asuntos da actividade antiimperialista, nos que podemos acordar a nivel bilateral, rexional e multilateral.

Consideramos necesario a fronte ideolóxica contra as teorías burguesas e oportunistas, contra o anticomunismo e o antisovietismo. Ademais, consideramos importante o desenvolvemento de accións contra as potencias imperialistas, como as que decidiu recentemente o 14º Encontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros en Beirut. E sobre todo hoxe contra a intervención imperialista en Siria e a guerra imperialista contra Irán. Nós, como partido, estamos listos a contribuír nesta dirección.



1 Manifesto do Partido Comunista, K.Marx-F.Engels, ed. Sinchroni Epochi, p. 34.

2 O imperialismo, fase superior do capitalismo, V.I.Lenin, Obras Completas, t.27, p. 390.




Segunda Intervención do KKE no Seminario Internacional organizado polo Partido Comunista da Federación Rusa (PCFR) sobre o tema: “O Movemento Comunista Internacional hoxe e mañá”.


Durante o debate suscitáronse cuestións básicas nas que existe un conflito ideolóxico e político nas filas do movemento comunista internacional como son as cuestións que teñen que ver coas causas da crise capitalista, a importancia da loita a nivel nacional e o seu desenvolvemento a nivel rexional e internacional, a postura dos comunistas cara ao chamado mundo multipolar e o dereito internacional actual que se pon máis reaccionario. A postura cara o grupo dos países BRICS e en xeral daqueles gobernos burgueses, que por agora non se involucraron na crise capitalista mundial. As percepcións que en nome das particularidades nacionais negan ou se opoñen ás leis da revolución e a construción socialista. As causas das relacións interestatais desiguais que se desenvolven entre os estados capitalistas. A cuestión de alianzas dos partidos comunistas, de confrontación das organizacións neofascistas, da proposta política dos comunistas, das chamadas “etapas intermedias” cara ao socialismo etc.


Diferentes puntos de vista, ata diametralmente opostos, expresáronse sobre estes asuntos, o que confirma a avaliación das Teses do CC do KKE para o 19º Congreso que: “O movemento comunista segue sendo fragmentado organizativa e ideoloxicamente”.


O representante do KKE, Elisseos Vagenas, membro do CC e responsábel da Sección de Relacións Internacionais do CC do KKE, tomou a palabra e sinalou na súa segunda intervención:


“En primeiro lugar, quixera agradecer ao Partido Comunista da Federación Rusa pola invitación a este encontro informal, que nos deu a posibilidade de intercambiar opinións sobre asuntos do movemento comunista e a súa perspectiva.


Estimados camaradas:


Estamos discutindo temas moi complexos que cada partido trata desde o punto de vista da súa experiencia, da experiencia do desenvolvemento da loita de clases no seu país contra a ofensiva do capital e das forzas políticas que serven aos seus intereses.


Si! Entre os nosos partidos hai diferentes aproximacións en temas moi serios, en cuestións de importancia estratéxica. O movemento comunista enfróntase a grandes dificultades, pero insistimos. A conquista dunha estratexia revolucionaria e de tácticas que correspondan a esta é un asunto difícil e á vez a única vía. É a ferramenta insubstituíbel que creará unha base sólida para a loita ideolóxica, política e de masas e contribuirá á concentración e preparación das forzas obreiras e populares no conflito co capital, os seus partidos e as unións imperialistas para derrocar a barbarie capitalista.


Esta é a causa dos comunistas. É a causa dos partidos comunistas que se opoñen á erosión oportunista e defenden a loita de clases ata o final, que loitan pola perspectiva socialista.


A experiencia que presentou o noso partido, así como outros partidos, leva á conclusión de que a ofensiva do capital é severa e unificada. O obxectivo é reducir aínda máis o prezo da forza de traballo, aumentar a rendibilidade dos monopolios e descargar o peso da crise sobre o pobo. O réxime de explotación do home polo home xera e agudiza os problemas sociais. As necesidades populares non se poden satisfacer no terreo do capitalismo.


Este obxectivo sérvese de xeito consecuente polas forzas que xestionan o capitalismo e a súa crise, calquera que sexa a forma de xestión que se segue. Independentemente de se se aplica unha política restritiva, como ocorre nos países da UE que profunda a recesión da economía capitalista ou unha política expansiva, como ocorre nos EE.UU., que infla o déficit e a débeda.


En ambos casos, os pobos son os que pagan polas consecuencias a través da redución dos soldos e das pensións, as altas taxas de desemprego, a abolición dos dereitos laborais e de seguridade social, a comercialización dos servizos sociais, as privatizacións, as duras medidas fiscais.


A miúdo escoitamos que o deterioro da situación da clase obreira, do campesiñado, das capas medias urbanas e o socavamento do futuro da mocidade débense ao capitalismo “desenfreado”, ao neoliberalismo, ao capitalismo de casino.


Isto require atención. Trátase dun esforzo organizado e deseñado para enganar aos pobos. Estas caracterizacións tratan de ocultar a esencia, é dicir que o desemprego e a pobreza, os problemas populares en xeral, as crises e as guerras imperialistas débense ao modo de produción capitalista e non meramente a unha forma de xestión. O responsábel é o sistema que respira e vive da explotación da clase obreira, a extracción da plusvalía, a procura da ganancia, o antagonismo pola expansión α novos mercados. O responsábel é o sistema que se basea no poder dos monopolios e na propiedade capitalista dos medios de produción.


A vida demostrou que é imposíbel seguir unha liña política a favor dos traballadores, mentres o poder, as ferramentas económicas e a riqueza permanezan en mans do capital. Trátase dunha trampa ben montada que temos a obriga de revelar, combater e suscitar de modo aberto e decisivo a verdade ante os pobos.


É certo que hoxe a crise non se manifestou nalgúns países capitalistas e segue o crecemento capitalista. Isto é consecuencia da lei de desenvolvemento desigual do capitalismo. Grecia antes da crise tiña taxas de desenvolvemento capitalista relativamente altas por un período de 20 anos aproximadamente. Naquel período manifestouse a crise dos “tigres asiáticos”, a crise en Rusia e Turquía e en varios outros países. En Grecia agora está en curso unha crise mentres que as estatísticas burguesas mostran que en Rusia e Turquía hai crecemento. Con todo, cando a máquina capitalista se reinicie, o desenvolvemento estará marcado pola explotación máis salvaxe, que se levará a cabo nas ruínas dos dereitos laborais e populares.


Estimados camaradas:


O antagonismo capitalista agudizarase, o sistema volverase máis agresivo, as posibilidades de concesión de parte do capital redúcense e reduciranse aínda máis a continuación. Non debemos esquecer que ata nas condicións do desenvolvemento capitalista, onde queira que exista, se preparan as condicións previas para unha nova crise.


Polo tanto é de gran e decisiva importancia a loita dos comunistas que teñen a tarefa histórica de fortalecer a loita polo derrocamento do sistema podrecido, para que a clase obreira e o pobo tomen nas súas mans o poder pola construción da nova sociedade, o socialismo, que é máis vixente e necesario que antes. Este poder obreiro e popular expresa os intereses da maioría.


Na nosa opinión isto significa que os medios de produción, a riqueza, converteranse en propiedade de quen os producen, de quen os crean, a economía organizarase de acordo á satisfacción das necesidades populares, desenvolverase nunha forma deseñada e será capaz de asegurar o dereito a traballo para todos, así como servizos sociais gratuítos. Este camiño de desenvolvemento cancelará as causas das crises capitalistas. O poder obreiro e popular procederá á retirada das unións imperialistas, da OTAN e da UE.


Por suposto na nosa loita é necesario tomar en conta as particularidades nacionais por exemplo o nivel de desenvolvemento das forzas produtivas do país, a súa posición xeográfica, a tradición cultural, etc. Con todo, isto non significa que podemos invocar ás particularidades nacionais para abandonar as leis da revolución socialista. Esta é unha discusión moi grande que se iniciou logo da Gran Revolución Socialista de Outubro cando algúns partidos, en nome das particularidades nacionais de Rusia, propuxeron o abandono da experiencia desta gran revolución. A continuación, isto levou a unha serie de partidos comunistas en Europa Occidental, baixo a invocación das particularidades nacionais, ao predominio da corrente do “eurocomunismo” que en esencia abandonou as leis da revolución socialista, a ditadura do proletariado e en xeral a loita revolucionaria. Estes partidos consideraban que mediante “cambios estruturais” e a “democracia política” pódese transformar o sistema capitalista en socialista. Consideramos que a vida ten refutado estas formulacións.


Unhas palabras sobre a UE


Na UE hai 30 millóns de desempregados e 127 millóns que viven por baixo do limiar da pobreza; nesta UE que foi construída para servir aos intereses do capital e das multinacionais contra os pobos e que se volve máis reaccionaria.


A Unión Europea non é unha organización supranacional senón unha unión imperialista interestatal, é dicir unha unión de Estados capitalistas en que a burguesía e os seus partidos unen as súas forzas contra os pobos.


A base dos monopolios segue sendo o Estado burgués. O Estado burgués como aparello de opresión da clase obreira pola burguesía non desaparece dentro da unión imperialista senón que axusta as súas funcións. Isto vémolo todos os días. Mantense o conflito de intereses, o antagonismo sobre os novos mercados, por maiores ganancias, agudízanse as contradicións interimperialistas.


Na unión interestatal e no sistema imperialista en xeral, maniféstanse relacións desiguais entre os estados capitalistas debido ás diferenzas que existen nos seus puntos de partida históricos, no seu potencial de desenvolvemento, nas vantaxes xeográficas, na forza económica, militar e política.


Este é un elemento básico que reflicte a realidade e responde ás análises equivocadas con respecto á “ocupación”, as “colonias”, “centro”-“periferia” ou “Norte”-“Sur”.


A burguesía é hostil cara aos pobos, independentemente da posición xeográfica, independentemente da posición do Estado capitalista no sistema imperialista. Por exemplo, en Alemaña e en Irlanda, en Francia e en Grecia.


A concesión dos dereitos soberanos feita pola burguesía dentro dunha organización imperialista como é a Unión Europea ou a OTAN faise conscientemente e o seu criterio é o interese clasista unificado contra os pobos, para a perpetuación do sistema capitalista, para o funcionamento máis eficaz das unións imperialistas.


É certo que no marco do sistema de explotación se desenvolven relacións de dependencia ou, máis exactamente, relacións desiguais de interdependencia.

Con todo, este problema, que está conectado coa integración do país na “pirámide” imperialista, se pode eliminar se se eliminan as causas que a provocan, é dicir se se derroca a organización capitalista da economía e da sociedade, se se resolven os problemas do poder e da propiedade sobre os medios de produción.


Pola contra, a loita pola independencia e a soberanía, segundo a frase de V.I.Lenin, levarase a cabo “baixo unha bandeira allea”.


Algunhas cousas sobre a política de alianzas dos partidos comunistas


O noso partido ten a experiencia histórica da formación de unións “de esquerda” e “patrióticas” con outras forzas. Dúas veces, en 1968 e en 1991 cando se converteron en “o cabalo de Troia” da burguesía co fin de disolver o partido comunista.


Logo de estudar esta experiencia, así como a experiencia xeral de alianzas, chegamos á conclusión de que a política de alianzas dos comunistas está determinada polo fin de derrocar o sistema de explotación e non de mantelo.

As forzas políticas non se xulgan por consignas que levan. Mesmo que se chamen de “esquerda” ou “radicais”. Para nós, o criterio é a súa postura en relación coa explotación de traballo polo capital, a súa posición ante as unións imperialistas.


Por isto centramos a nosa atención na alianza social da clase obreira, dos sectores populares e das súas organizacións de masas e sindicais. Neste campo temos resultados concretos, sobre todo coa formación da Fronte Militante de Todos os Traballadores (PAME) que reúne por centos de sindicatos, federacións industriais, centros sindicais rexionais e comités de loita.


É certo que debemos loitar tamén contra as organizacións fascistas. En Grecia, o noso partido xa está loitando contra a organización neofascista do “Amencer Dourado” que ten representación parlamentaria. É obvio que o fortalecemento deste partido é o resultado do seu fortalecemento polo capital doméstico das forzas políticas que constitúen a “punta de lanza” contra o KKE e o movemento obreiro clasista. O fortalecemento do movemento neofascista está estreitamente ligado co chamado “movemento das prazas” e o “movemento dos indignados”. Moitas veces escribimos nos nosos boletíns informativos sobre estes “movementos” e as responsabilidades que teñen os oportunistas no crecemento do partido neofascista.


Consideramos que o movemento obreiro clasista pode confrontar con éxito ao partido neofascista e que non hai ningunha razón para a creación dunha “fronte antifascista” xunto coa socialdemocracia e todos aqueles que son responsables polo fortalecemento deste partido e agora choran “bágoas de cocodrilo”. Na nosa opinión a loita contra o fascismo será eficaz se volve contra as causas que o procrean e pretende eliminalas.


En relación coa cuestión de participar en gobernos


O noso partido ten unha experiencia respectiva, e non só unha vez, nin só na administración local. Nas eleccións recentes suscitouse moi fortemente a posibilidade de formar un goberno de “esquerda” no que chamaban persistentemente ao KKE a participar. O noso partido, desde o principio ata o fin, rexeitou participar en tal goberno porque é moi consciente de que ningún goberno que xestiona o capitalismo, o poder dos monopolios e a propiedade privada sobre os medios de produción, ningún goberno que leva a cabo un programa que se basea nas ganancias dos capitalistas, a competitividade, a produtividade e a rendibilidade dos grandes grupos económicos, non pode seguir unha liña política a favor da clase obreira e dos sectores populares.


Ningún goberno que opera no marco da UE e da OTAN, da propiedade capitalista e do poder burgués, pode controlar as leis do sistema, as súas contradicións e previr o estalido da crise capitalista.


Tarde ou cedo, as promesas de “aliviar” ao pobo desinflaranse, demostrarase que son palabras baleiras, e as esperanzas e as expectativas para algo mellor serán reemprazadas pola desilusión do pobo, o retroceso do movemento obreiro. Hai un exemplo recente sobre o que estou dicindo, é Chipre.


Polo tanto, é de gran importancia a posición de principios do KKE e o rexeitamento da lóxica de participación nun goberno de xestión burguesa nin sequera se este goberno se chama de “esquerda”. O noso partido decidiu continuar a loita clasista, enfrontando as dificultades, sabendo que isto podería levar á perda de votos nas eleccións. Pero o resultado nas eleccións non é máis que un indicador e de feito non é o máis importante. Isto está demostrado moi claramente pola historia dos nosos veciños, dos camaradas italianos.


En canto ás cuestións internacionais cabe sinalar que non se pode suscitar o asunto da democratización do dereito internacional e das organizacións internacionais, segundo di a “Internacional Socialista” e o “Partido da Esquerda Europea” fomentando ilusións de que se poden deter as guerras imperialistas sen tocar o capitalismo e o poder do capital. Nós condenamos as guerras inxustas, imperialistas e loitamos pola retirada do noso país destas.

Con todo, sabemos que as guerras, que son a continuación da política por outros medios violentos, son inevitábeis mentres a sociedade estea dividida en clases, mentres exista a explotación do home polo home, mentres predomine o imperialismo. A substitución da guerra pola paz a favor dos pobos non se pode lograr sen a substitución do capitalismo polo socialismo.

Esta verdade fai que a nosa loita hoxe sexa aínda máis vixente, aínda máis necesaria.


E, para rematar, preguntouse polas razóns de fundación da “Revista Comunista Internacional”. A resposta é simple: a publicación da “Revista Comunista Internacional” expresa a necesidade de cooperación entre as revistas teóricas e políticas de Partidos Comunistas que teñen posicións comúns nunha serie de asuntos fundamentais teóricos e ideolóxicos. Estes asuntos inclúense na Declaración de Estambul; non é necesario lelos aquí xa que están dispoñíbeis na páxina web da Revista Comunista Internacional.


O KKE desde hai oito anos, no seu 17 Congreso, estivo falando da necesidade dun polo comunista entre os Partidos Comunistas que teñen puntos de vista ideolóxicos e políticos próximos, que defenden o marxismo-leninismo e a contribución do socialismo que coñecemos, así como a necesidade da loita polo socialismo. A mellora de cooperación en temas de desenvolvemento da teoría, en asuntos que están no centro de atención do conflito actual, de estudo internacional das causas da vitoria da contrarrevolución, de elaboracións de estratexia común fronte ao imperialismo.


Non compartimos os medos de que un esforzo colectivo como este podería dificultar o esforzo xeral para a coordinación encol de obxectivos antiimperialistas de partidos comunistas e obreiros que teñen diferenzas entre eles".

[Fonte: KKE]
-Traducido por FORXA!-