Non ha chegar só cunha FOLGA XERAL.



Por fin, tras dunha demora inescusábel, as direccións da centrais sindicais maioritarias convocaron a folga xeral, tan demandada pola clase obreira en todas as mobilizacións desenvolvidas desde hai meses en Galiza e no resto do estado español. A coincidencia cunha xornada de mobilización a nivel europeo e convocatorias de folga xeral en diversos países como Grecia, Italia ou Portugal e a propia e insostíbel situación económica e social no estado español, con despedimentos masivos e o incremento exponencial do desemprego ata cotas nunca habidas por efecto da reforma laboral, xunto a expansión xeneralizada da miseria e o agravamento das condicións de vida da poboación traballadora (rapina contra os salarios e falta de ingresos, escalada inflacionaria polo incremento do IVE, tarifas e prezos, supresión ou repagos de servizos sociais básicos, represión e conculcación de dereitos, desafiuzamentos, etc...), facía absolutamente ineludíbel a convocatoria.

Temos o pleno convencemento con anticipación do éxito asegurado desta folga xeral. Mais tamén entendemos que non ha chegar para vencer a determinación do goberno da dereita reaccionaria, que é a determinación da oligarquía española, o verdadeiro poder tras deste. Non ha chegar mentres a esta folga non lle sucedan outras, xerais e sectoriais, pero todas confluentes e continuadas no tempo. Mentres a folga xeral non teña un alcance político que vaia mais aló de pretender deter medidas antiobreiras e antipopulares, senón que hai que facer imposíbel o seu goberno, mentres non se plantexe o derrocamento polo medio da mobilización na rúa do goberno que leva adiante este programa contra o pobo traballador no nome do gran capital baixo as directrices da Unión Europea.

Porque esta é a cuestión principal. Despois da folga, que? Agardar o rescate? A maiores golpes e agravios contra a clase obreira? Ao desgaste natural deste goberno, ou á chegada dun de concentración, salvación, ou un tecnocrático imposto pola UE e o FMI? Esmorecer de noxo deixándolles esgotar a lexislatura dentro de 3 anos esperando inxenuamente por un cambio electoral que reverta a situación?

De seguro que haberá mais folgas xerais, e o empobrecemento das masas traballadoras levará inevitábelmente á súa mobilización intensificada, agudizándose as contradicións co poder político e económico ata o límite da falsa coexistencia entre clases nesta democracia burguesa, que independentemente do xestor político de quenda, sexa PP, PSOE ou calquera outro que se postule,  non poderá tornar ao presunto paraíso perdido dun lustro atrás, porque nin quere nin pode en forma algunha o capital. A Historia non retrocede, e as perspectivas deste capitalismo senil só pasan, e así o manifestan as súas políticas, por someter a clase obreira á feroz ditadura da miseria por máis que manteña as formalidades legais do constitucionalismo parlamentario. O capitalismo, sábeo, só pode sobrevivir unhas décadas máis se chucha, ata a consunción, o sangue do proletariado, como os vampiros que acumularon o capital primitivo nos seus comezos.

E o gran capital tamén sabe da forza que ten enfronte. É xigantesca, capaz de paralizar un país e un continente enteiro. E tamén de derrubar gobernos e réximes. O proletariado e o pobo traballador temos esa capacidade. Para iso precisamos da UNIDADE DE CLASE e a UNIDADE OBREIRA E POPULAR, que non é só a unidade de acción sindical, aínda cando esta contribúa decisivamente á mobilización, nin o achegamento dun feixe de forzas políticas e sociais en plataformas electorais con programas de reformas inocuas que non baten contra a raíz dos problemas, o poder dos monopolios e das finanzas. A UNIDADE DE CLASE é unha ferramenta a construír desde a base das asembleas obreiras nas fábricas e nos centros de traballo, onde se debata e se tomen as decisións, co activo e directo concurso dos traballadores e traballadoras. E a clase obreira ha de estender esta práctica asemblearia aos barrios populares das cidades e das vilas, para facer real aquilo do sufraxio universal, e erguer a verdadeira UNIDADE OBREIRA E POPULAR, coa conxunción dos intereses obreiros cos dos traballadores autónomos, pequenos comerciantes, empregados e profesionais, pequenos agricultores, que integran o pobo traballador.

A UNIDADE DE CLASE e a UNIDADE OBREIRA E POPULAR han ser primeiro unha ferramenta de loita, pero haberán de mudar en contrapoder fronte ao réxime monárquico e capitalista, para abatelo e constituírse en PODER OBREIRO E POPULAR por medios revolucionarios, coa loita nas rúas que imposibilite á oligarquía seguir mantendo o seu. Un PODER OBREIRO E POPULAR que cumpra co seu programa: a expropiación dos expropiadores, a socialización das fábricas e empresas, dos bancos e das inmobiliarias, das eléctricas e das minas, de todos os recursos produtivos hoxe en mans do gran capital. Isto é construír outro mundo posíbel, e chámase SOCIALISMO.
As asembleas obreiras e populares, que debaten e toman decisións por si mesmas, escollen directamente aos seus deputados, revogábeis en todo momento, nos que delegan cun mandato obrigado nos congresos nacionais do Poder Obreiro e Popular, Marx e Lenin chamaríanlles ditadura democrática e revolucionaria do proletariado contra a ditadura enmascarada de democracia do capital.

Este é o programa dos e das Comunistas de Galiza.

FORXA!
6/11/2012