Programa electoral de COMUNISTAS DA GALIZA.


Obreiros e obreiras, traballadores e traballadoras, desempregados e desempregadas, comerciantes, estudantes, mulleres, inmigrantes:

Hai que combater a política criminal e bárbara do capital.

Convócanse as eleccións do 21-O nun escenario de destrución masiva dos dereitos básicos e condicións de vida do Pobo Galego Traballador. Condicións que aínda se verán agravadas pola máis que posíbel intervención da troika a través dun novo rescate que traerá aparellado novos e brutais recortes e que empobrecerán aínda máis ao pobo e privarán de dereitos á Clase Obreira e ás clases traballadoras.

Con preto de 300 mil parados e paradas en Galiza, os sucesivos ataques aos dereitos sociais e laborais e aos servizos básicos, o roubo masivo de vivendas por parte da banca e o encarecemento dos produtos de primeira necesidade, colocan ao borde da indixencia a milleiros de galegos e galegas que aínda onte se chamaban a si mesmos “clase media”, privando á nosa mocidade dun futuro digno de tal nome e entregando aos nosos maiores e dependentes a unha situación de desprotección absoluta e dramática que se “resolve” recruando a dobre explotación da muller traballadora nos ámbitos laboral e doméstico.

Os capitalistas xa non ocultan os seus proxectos de reducir a Clase Obreira  a unhas condicións propias do século pasado e avanzar cara á escravitude pura e dura con xornadas laborais de 13 horas de luns a sábado acompañadas de diminución de salarios e un empeoramento continuado das condicións de vida, paro, miseria, explotación e pobreza. Ese é o futuro que promete o capitalismo.
 
Fronte a esta orde de cousas e ante a grave situación que estamos a padecer, as e os comunistas reafirmamos una vez máis que só mediante a loita e a organización será quen a Clase Obreira de responder á ofensiva desatada polas forzas do capital. Non existen alternativas de tipo electoral capaces de dar solucións inmediatas aos problemas que sofre o pobo traballador. Só a acción organizada, resolta e unitaria da propia Clase Obreira será quen de enfrontar as políticas bárbaras e criminais do capital e cuestionar a propia orde capitalista. O pobo coa Clase Obreira á fronte debe organizar a resistencia  a cumprir os ditados da oligarquía nas fábricas, nos centros de traballo e nas rúas; promover folgas parciais en cada empresa e sector; unificar todas as loitas baixo un programa transformador e revolucionario nunha Fronte única, preparar a Folga Xeral e organizar a presión e a mobilización xeral, continuada e sostida, para derrocar á oligarquía, o seu goberno e o seu poder. Este é o camiño polo que apostamos os comunistas e no cal, a loita electoral, é unha importante batalla pero non é a batalla única, nin a decisiva.

O capitalismo non se pode humanizar.

O pobo, e particularmente a Clase Obreira, deben castigar as opcións da oligarquía tamén no plano electoral pero non deben albergar falsas esperanzas con respecto á natureza política das forzas burguesas e reformistas que concorren a estas eleccións, pois ningunha pode dar resposta ás necesidades inmediatas nin futuras do pobo. Tampouco pode albergar esperanzas con respecto á capacidade do seu voto, de promover por si só cambios profundos “revolucionarios” tal e como sostén a esquerda reformista.

Para a Clase Obreira é de vital importancia comprender a natureza política e de clase das distintas forzas do abano parlamentario, comprender se estas se sitúan do lado da Clase Obreira e do pobo ou do lado da Unión Europea e do seu proxecto político, militar e económico. Ou están coa loita da Clase Obreira ou están ligadas aos intereses das clases dominantes, da oligarquía financeira, dos grandes bancos e dos monopolios.

As políticas regresivas foron e son aplicadas tanto por gobernos liberais como por gobernos socialdemócratas, alén de contar co apoio e a colaboración de forzas políticas periféricas de toda cor política. As súas políticas son as mesmas, submisión aos mercados e ao capital.

Todas estas forzas deben ser castigadas sen excepción por ser favorábeis á integración na imperialista Unión Europea, por seren axentes activos e cómplices na elaboración dos distintos tratados que fan hoxe posíbel unha ofensiva contra a Clase Obreira sen precedentes.

O inimigo principal non é nin Rajoy, nin Feijoo, nin o PP, senón a clase á que serven e os organismos imperialistas dos que emanan as reformas que estes aplican, é dicir, a UE, o BCE e o FMI. Estes son os inimigos aos que combater e derrotar e isto non se poderá facer con declaracións vanas con respecto á Europa dos pobos e da democracia, senón cunha posición clara de ruptura coa Unión Europea, cun non rotundo á chantaxe da débeda e do seu pagamento, para unha saída das estruturas imperialistas.

Que solucións barallan uns e outros desde os liberais, os socialdemócratas os reformistas, ou os nacionalistas para saír da crise? Son realistas as súas propostas e é realmente posíbel saír da crise sen rachar coas estruturas imperialistas e superar o sistema capitalista?

As propostas liberais van unicamente dirixidas ao reforzamento do capitalismo como sistema explotador, arrasando con todo o que entorpeza e ameace a súa continuidade. Os  estrategas do capitalismo plantexan as súas reformas, non para resolver os problemas inmediatos de paro e empobrecemento masivo, senón para, abaratando a man de obra, destruíndo forzas produtivas e recruando a taxa de explotación, tentar remontar a súa taxa de ganancia e reiniciar o ciclo de acumulación nunhas condicións moito máis vantaxosas para os capitalistas.

A socialdemocracia segue a ser un dos principais instrumentos do poder da oligarquía. Un dos seus principais resortes para perpetuar o seu poder sobre a Clase Obreira a través das súas políticas oportunistas. Estas forzas enganan a amplas masas da poboación cun discurso aparentemente favorábel aos febles, ás capas da sociedade máis desfavorecidas. Un discurso que culpabiliza ás forzas liberais dunha “mala xestión” económica que se limita a situar o debate político entre control do déficit e inversión económica, tan repetido por Holland en Francia, que agora se encamiña cara as mesmas políticas cas dos seus predecesores.

O nacionalismo amosase, hoxe, incapaz de aportar alternativas que satisfagan as necesidades das clases traballadoras. Lastrado política e ideoloxicamente por unha falla de análise científica das condicións obxectivas, e dunha caracterización correcta da crise estrutural do capitalismo, sitúa a mala xestión a incompetencia e a ineficacia do actual goberno do PP como un elemento relevante -esquecendo que o goberno do PP está a executar cun altísimo grao de eficacia as políticas destinadas a reducirnos á miseria e á escravitude e liquidar todo o público para garantir o máximo beneficio aos monopolios. En virtude da súa propia natureza de proxecto interclasista, relega a un segundo plano  a loita de clases e a contradición principal entre capital e traballo, instálase no  reformismo e no oportunismo institucional e aposta pola soberanía nacional como mera fórmula -ou nalgún caso, como etapa intermedia- para saír da crise estrutural do capitalismo convertendo esta na opción da pequena e mediana burguesía, que ao igual que a burguesía nacional vasca e catalá instrumentalizan a cuestión nacional única e exclusivamente para a defensa dos seus intereses de clase, subordinando os intereses xerais obreiros e populares a una estratexia e a unha táctica alleas ao proxecto  emancipador da clase obreira. Nun hipotético estado galego burgués integrado nas estruturas imperialistas da UE a clase obreira non ten nada que gañar.

Pola contra, a alternativa comunista e proletaria para loitar contra a opresión nacional, pasa por entender que esta forma parte da loita xeral pola emancipación social e o socialismo, na que o dereito democrático de autodeterminación, hoxe, nesta fase histórica do capitalismo terminal na Europa imperialista, ten como suxeito deste dereito ao proletariado, e está determinado pola primacía da Revolución socialista e a cuestión da conquista do poder político pola Clase Obreira. Só o Poder Obreiro pode garantir consecuentemente o exercicio deste dereito, entendido como exercicio de soberanía por parte dos pobos traballadores das nacións oprimidas, e como parte do proceso de construción socialista, sobre a base da efectiva liberación nacional, nun novo marco de igualdade e solidariedade entre os pobos, erguéndose sobre as ruínas do actual estado burgués.  

As solucións antineoliberais, as pretendidas vías para saír da crise, o xiro económico, a mudanza de rumbo na política europea, a democratización do capital financeiro así como o resto das formulas defendidas pola esquerda reformista encadrada no Partido da Esquerda Europea e defendidas tamén por outras forzas, non son máis que fume, fantasías que, ademáis de non dar solucións inmediatas aos problemas inmediatos, non fan máis que desorientar ao movemento popular. O apoio dalgún socio do que se deu en definir como a Syriza galega ás políticas de recorte duro do goberno autónomo andaluz son boa proba do carácter destas forzas e do seu compromiso coa estratexia antiobreira da oligarquía.

É ilusorio, e un engano, na actual situación de agudización da loita de clases, diluír en chamamentos vagamente cidadanistas, patrióticos e interclasistas o papel protagónico e dirixente que corresponde á Clase Obreira na necesaria confrontación que se aveciña.

A Clase Obreira non poderá soa facer fronte á guerra de clases desatada contra ela, pero tampouco o fará baixo a dirección da burguesía nin da pequena burguesía. Senón en estreita alianza co resto dos sectores populares e baixo un programa estratéxico de superación dun sistema capitalista, que xa esgotou o seu papel histórico e non reserva máis que violencia e miseria aos traballadores e traballadoras.

Non é posíbel, hoxe, outro capitalismo que o da sobreexplotación sen límites, a violencia contra a Clase Obreira e a guerra imperialista.

A defensa dun programa revolucionario é incompatíbel coa colaboración de clase e coa defensa da Unión Europea e das estruturas imperialistas. A loita precisa obxectivos concretos que só poden ser conquistados pola forza da Clase Obreira en alianza co resto das clases populares nunha fronte de loita común contra a burguesía e o poder dos monopolios.

O único voto útil é o voto comunista.

A democracia burguesa é unha forma concreta de organizarse a Ditadura do Capital da cal a Clase Obreira non pode agardar nada. Non goberna o pobo, senón o capital e a oligarquía. Ese sempre ten sido e é o seu carácter. Non hai ningunha volta atrás, como tampouco existe esa democracia pura e neutral a igual distancia, e por riba do antagonismo entre os explotadores e os explotados. Non hai volta atrás á concorrencia "libre", "pacífica", "honrada" do capitalismo. O neoliberalismo e a subordinación da economía produtiva á especulación financeira parasitaria son as únicas formas posíbeis de existencia do capitalismo nesta actual etapa do seu desenvolvemento, ou da súa descomposición. Non son unha opción senón unha necesidade do capitalismo para sobrevivir aínda algún tempo como modo de produción e como sistema de explotación.

A cada paso que dá a Clase Obreira comproba por si mesma o falsas e hipócritas que son as promesas  que os partidos da oligarquía realizan en cada campaña electoral ou en que se traduce en termos reais. O seu apoio ás chamadas forzas da “esquerda” que non dubidan en participar en gobernos da socialdemocracia liberal compartindo así a súa cota de responsabilidade nunha xestión económica que en nada beneficia aos traballadores e traballadoras.

A alternancia no poder dun grupo limitado de partidos que oscilan entre o centro esquerda e o centro dereita así como partidos bisagra situados no campo da esquerda reformista garanten a gobernabilidade e o consenso social. Crean o clima propicio para administrar e desenvolver os negocios da burguesía.

Baixo a democracia burguesa cambian os gobernos pero non cambia a esencia e a natureza de clase do propio estado. Poden cambiar os gobernantes e os partidos, pero as estruturas e o marco político e económico permanecen, por iso non son válidas as saídas reformistas. Porque hoxe o que precisa a Clase Obreira é rachar ese marco e non reformalo. Precisa rachar o poder da oligarquía, quebralo, debilitalo, facelo anacos. Só así poderá avanzar a Clase Obreira e os sectores populares; e isto non se logrará nos parlamentos mediante frontes electorais amplas senón mediante a loita organizada da Clase Obreira; mediante a disputa do poder coas clases dominantes; mediante a formación dun verdadeiro exército de homes e mulleres correntes dispostos a plantar batalla e baterse pola vitoria.

As e os comunistas temos claro onde se sitúa o combate e en que terreo debe a Clase Obreira librar a batalla principal, pero iso non nos fai sacar a conclusión política de que non se debe participar nos parlamentos da burguesía. Todo o contrario, é agora,  cando se comeza a manifestar a crise política do réxime e a crise estrutural do sistema, cando os que gobernan teñen cada vez máis difícil gobernar, cando as forzas da Clase Obreira, as forzas comunistas, deben acentuar a súa participación nos parlamentos da burguesía para denunciar precisamente a súa dexeneración e o seu servilismo ás forzas do capital.

A existencia dunha representación comunista no parlamento da burguesía sería sen dúbida sumamente útil para a Clase Obreira e as clases populares, para ser  usada dun xeito revolucionario, enfocada de acordo as necesidades da loita de clases.

Para as e os comunistas non existe democracia máis válida que aquela que emana directamente do propio pobo, a democracia que se constrúe dende as fábricas e centros de traballo, nos hospitais, nas escolas, nas propias rúas, nas asembleas de traballadores, nas manifestacións de oposición ás políticas capitalistas… O berro é unánime, “nós producimos, nós decidimos”.

Só as e os comunistas poden representar hoxe os intereses da Clase Obreira.

O voto para Comunistas da Galiza é:

Un voto por e para a Clase Obreira, pola defensa dos seus intereses tanto inmediatos como futuros.
Un voto pola unidade de clase e contra a explotación e o capitalismo.
Un voto de castigo contra os partidos do sistema tanto da dereita como da chamada esquerda que levan a cabo duros recortes dirixidos contra os dereitos e as conquistas dos traballadores e traballadoras; partidos que no seu servilismo aos ditados da oligarquía e a defensa do seu proxecto estratéxico arrasan contra una serie de avances e de conquistas que custaron décadas de loita.
Un voto pola saída da Unión Europea, do euro e da OTAN.
Un voto contra todo tipo de pago por parte do pobo da débeda contraída polos gobernos do capital comprometidos no camiño da construción da Europa do  capital.
Un voto pola fraternal unión da loita de todos os traballadores e traballadoras do Estado, que é a superestrutura xurídica coa que se dota a oligarquía para oprimir ao conxunto de pobos nel integrados; e coa que exerce o monopolio da violencia organizada para garantir a máxima taxa de explotación do conxunto da  clase obreira.
Un voto polo Internacionalismo Proletario e pola fraternal unidade da loita de todos os traballadores e traballadoras do mundo, especialmente no marco da Unión Europea, pois como os feitos testemuñan por si mesmos, hoxe, é o inimigo dos traballadores, traballadoras e dos pobos.
Un voto contra o imperialismo e contra as súas guerras de conquista e rapina.
Un voto pola paz, a liberdade e a soberanía dos pobos.
Un voto contra o multimillonario gasto militar a onde se destinan aqueles mesmos cartos que se lle negan á satisfacción das necesidades básicas do pobo.
Un voto contra o réxime monárquico da oligarquía, pola república socialista e pola autodeterminación dos pobos.

O voto para Comunistas da Galiza é o único voto de futuro.

Saída  da Unión Europea, do euro e da OTAN.

A imperialista e reaccionaria Unión Europea é una estrutura política e económica creada e deseñada para servir aos intereses dos grupos económicos de capital monopolista, mediante os distintos acordos para a formación dun mercado común e dunha moeda, o euro, que lles permitía acadar vantaxes económicas. A súa natureza non é democrática senón reaccionaria. Non é unha unión de pobos senón unha unión de monopolios para desangrar aos pobos.

Dentro da Unión Europea, tanto en Galiza coma no conxunto do Estado Español, reforzouse o carácter dominante do capital monopolístico e do seu proxecto económico e militar. A Clase Obreira non atopará máis que explotación e miseria. O propio marco capitalista está esgotado e é incapaz de atopar saída á súa crise mais que mediante o sometemento e a explotación sen limites das clases traballadoras.

Xa hai décadas que as políticas imperialistas da Unión Europea aplicadas polos gobernos capitalistas (da dereita e da socialdemocracia) veñen conducindo á destrución do tecido produtivo galego, tanto o industrial como o agro-gandeiro, pesqueiro, ao empobrecemento das clases traballadoras e á ruína de milleiros de pequenos e medianos produtores e comerciantes en proveito dos intereses dos grandes grupos monopolistas que medraron e se fortaleceron ao abeiro do mercado común e da integración política e económica no bloque imperialista europeo.

Hoxe esas forzas son as que afogan o sector naval galego en aras de elevar a taxa de ganancia do capital monopolista que mediante as estruturas unitarias europeas impón taxas e vetos aos distintos estados, e as cales en última estancia son as que delimitan o uso duns medios produtivos que poden ser postos ao servizo das necesidades populares.

Non hai futuro dentro da Unión Europea do capital e dos monopolios. A única saída favorábel ao pobo é a ruptura coas unións imperialistas e a loita polo Poder Obreiro e o Socialismo, pola felicidade e o benestar do pobo, pola garantía das súas necesidades básicas. O camiño da integración e da moeda única conducen á ditadura do capital -nomeadamente a súa fracción  financeira- e á miseria para o pobo.

As e os comunistas, afirmamos que só mediante a loita e a organización da Clase Obreira e as clases populares será posíbel facer reverter as consecuencias da crise, sobre as costas dos capitalistas e non do pobo. Esta loita debería situar como eixos prioritarios da súa acción inmediata:

Facer que a crise a paguen eles. 

• Exencións tributarias e de taxas públicas para traballadores e traballadoras desempregadas. Medidas fiscais de gravación sobre os grandes beneficios, rendas, patrimonios e fortunas, con aplicación de tipos máximos en todos os impostos directos, aplicábeis sobre as SIVs e transaccións e investimentos financeiros. Establecemento dun tipo único reducido do IVE sobre os produtos e servizos esenciais en alimentación, saúde e farmacia, educación, cultura, transporte, etc. Aplicación de tipos máximos de IVE sobre artigos e servizos de luxo. Medidas para o combate da economía somerxida e a fraude fiscal, prohibición de transferencias a paraísos fiscais e investimentos dirixidos a actividades especulativas.
• Eliminación de todas as peaxes nas autopistas.
• Supresión de axudas públicas ás grandes empresas e multinacionais de capital privado (subvencións, rebaixas fiscais, etc).
• Restitución dos depósitos investidos por pequenos aforradores afectados pola fraude na subscrición de accións preferentes. 
• Eliminación das externalizacións por parte das administracións e empresas públicas, supresión de calquera tipo de subcontratación, e contratación laboral directa para calquera tipo de obra ou servizo.
• Supresión dos soldos e vitalicios aos políticos e ex-altos cargos.
• Tarifa progresiva por rendas dos servizos de subministro de electricidade e auga sen regularizacións e recargas impositivas. Política de aplicación de prezos especiais para estes abastecementos ás empresas produtivas estratéxicas a nacionalizar.

Socialización dos medios de produción. 

• Nacionalización de todas as empresas pertencentes a sectores estratéxicos da economía (banca, bens de equipo, transportes, comunicacións, enerxía, minería, etc.) e xestión baixo dominio público dos recursos naturais.
• Nacionalización e retorno ao sector público das empresas privatizadas no pasado.
• Nacionalización de todas as empresas de interese público e social en transo de desaparición.
• Creación e potenciación dun sector mixto público-cooperativista, en empresas de menos de 100 traballadores e traballadoras.
• Dirección e intervención pública na economía. Planificación da actividade e o desenvolvemento económico e ampliación do sector público, priorizando a actividade produtiva e industrial, a creación de emprego estábel e a satisfacción real das necesidades do pobo traballador.
• Plans públicos de investimentos en industrialización, investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

Saúde e benestar do pobo. 

• Por unha sanidade pública, universal, integral, avanzada e garantida.
• Prohibición da actividade privada no sector sanitario. Fornecemento de recursos e ampliación dos servizos da atención primaria e especializada da sanidade pública.
• Servizos sociais de plena gratuidade, destinados ao benestar das persoas da terceira idade, doentes con enfermidades crónicas e raras, dependentes e incapacitadas e incapacitados físicos e psíquicos.
• Gratuidade do sistema sanitario en todos os ámbitos e niveis da atención asistencial.
• Plano de atención médica sexual-reprodutiva. Aborto libre e gratuíto.
• Recoñecemento dos dereitos do paciente con relación a unha morte digna, recoñecemento do dereito á eutanasia.
• Investimento en investigación e desenvolvemento científico-técnico nas áreas médico-sanitaria e farmacéutica. Creación dunha industria farmacéutica pública.

A Educación e a Cultura non son un negocio.
 

• Unha educación pública, universal, laica, democrática, científica, popular, gratuíta  e de alta calidade para os fillos e fillas dos traballadores e traballadoras.
• Reforma completa do sistema educativo, sobre a base dun tronco único integral do ensino.
• Prohibición da actividade privada e relixiosa no sector educativo, nacionalizando e transferindo ao sector público os centros, infraestruturas e recursos económicos e materiais.
• Pola defensa e plena institucionalización da lingua nacional e da cultura obreira e popular. Impulso polo Poder Obreiro de todas as expresións culturais e artísticas emanadas da iniciativa do pobo traballador.

Por unha vivenda digna.
 

• Suspensión de desafiuzamentos e lanzamentos xudiciais. Condonación dos cretos e débedas hipotecarias das familias traballadoras en situación de desemprego e insolvencia.
• Creación dun Parque Público de Vivenda cos inmobles baleiros intervidos ao sector bancario e inmobiliario, en réxime de aluguer ou usufruto.

Na defensa da Terra e do Mar.


• Coa saída da UE, cesarán as limitacións e cotas impostas que hoxe pesan sobre os sectores produtivos e extractivos do agro e da pesca.
• Constitución de Cooperativas de produtores participadas polo Poder Obreiro, adscritas ao réxime xeral, que organicen e desenvolvan a actividade económica en todos os subsectores, que xunto a un plan sectorial de industrialización, garanta o peche dos ciclos de produción e distribución. Creación dun grupo público lácteo galego e nacionalización das grandes empresas monopolistas pesqueiras, conserveiras e agrogandeiras.

• Recuperación dos caladoiros litorais. Potenciación da acuicultura e da silvicultura desde os recursos autóctonos.
• Plan xeral integral de redución do impacto medioambiental da produción e o consumo. Ampliación dos territorios protexidos e das figuras de protección. Potenciación das fontes de enerxía renovábeis na perspectiva da autosuficiencia e substitución do consumo de combustibles fósiles.

Todo para a Clase Obreira.
 

• Derrogación de todas as reformas lexislativas actuais e precedentes en materia laboral e de seguridade social (emprego, contratación, cotizacións, pensións, prestacións, etc) regresivas das conquistas sociais e contrarias aos intereses e dereitos das clases traballadoras.
• Xornada laboral de 35 horas semanais. Prohibición de realización de horas extraordinarias de carácter habitual ou estrutural. Obrigatoriedade de contratación para a plena cobertura de quendas e cadros de persoal en todas as empresas, administracións e servizos públicos e privados.
• Salario Mínimo Interprofesional equivalente á media UE9 (os nove estados con maior contía, dentro dos que o teñen regulado, aproximadamente 1.100 euros), como referencial retributivo xeral e intersectorial, e sobre a base comparativa do peso do PIB do Estado Español no contexto europeo e a desproporción entre as rendas do capital e as do conxunto dos traballadores e traballadoras.
• Igualdade salarial real e garantida por lei entre home e muller.
• Subsidio por desemprego, universal para todas as persoas desempregadas non perceptoras de prestacións, de duración indefinida, e en contía do SMI, con complementos por cargas familiares.
• Plans públicos de formación interprofesional permanente para todas as traballadoras e  traballadores desempregados.
• Servizo público de emprego, con capacidade efectiva de colocación, inserción, formación e reciclaxe laboral. Desaparición das ETTs e dos servizos privados de contratación, emprego e formación ocupacional.
• Control sindical da contratación, revalidación legal no rexistro dos contratos de traballo, ampliación dos medios e competencias dos servizos públicos de inspección laboral e dos representantes legais dos traballadores e traballadoras.
• Modelo único de contrato laboral indefinido ordinario, con 45 días de indemnización por ano.
• Supresión de calquera exención, bonificación ou redución das cotizacións sociais  e de financiamento dos custes do despedimento con diñeiro público, ás empresas privadas.
• Xubilación aos 60 anos.

Polo poder obreiro e o socialismo. 

Os intereses dos obreiros e obreiras, dos traballadores e traballadoras en xeral, autónomos, campesiños e pequenos comerciantes. só poderán ser satisfeitos desde puntos de partida diametralmente opostos á lóxica capitalista. A anarquía na produción debe ser substituída pola planificación económica enfocada cara á satisfacción das necesidades populares e polo desenvolvemento e o progreso do conxunto da sociedade abolindo a propiedade privada capitalista sobre os medios de produción.

Só hai dous camiños, ou a miseria, a pobreza e a explotación á que nos conduce a barbarie capitalista, ou o camiño do Poder Obreiro e Popular.

O camiño do Poder Obreiro e Popular é o único capaz de garantir:

* O pleno emprego, o dereito a vivenda, unha educación e unha sanidade públicas, así como unha vida digna para o conxunto da sociedade.
* As plenas liberdades sociais e políticas para a Clase Obreira e as clases populares.
* O dereito inalienábel á autodeterminación.
* A creación de novas institucións de participación popular verdadeiramente democráticas e representativas dos intereses obreiros e populares.

Loita contra o anticomunismo.

Aínda hoxe, cando a existencia dun bloque socialista xa non é unha realidade, segue presente o odio e a persecución contra as ideas e os logros da construción socialista.
Inmensos recursos son postos en mans dos axentes do capitalismo para fabricar e difundir mentiras, enganos e calumnias, que a froito de ser repetidas en innumerábeis ocasións, e en todas partes, remataron por ser consideradas certas por boa parte da poboación.

Esta loita continúa nos nosos días coa persecución aos militantes comunistas, coa  ilegalización de partidos comunistas e a prohibición da defensa dos logros do socialismo. No conxunto de Europa, con leis que vulgarmente pretenden equiparar ao socialismo co fascismo. Todos estes ataques son froito da estratexia das clases dominantes por borrar a Historia vitoriosa da Clase Obreira e as grandiosas conquistas da súa Revolución.

En ningún país socialista estaba a Clase Obreira na situación de miseria e desprotección como a que hoxe afecta a milleiros de familias traballadoras no conxunto da Unión Europea.

A Clase Obreira non pode caer nos seus enganos. A Historia demostra que ningún sistema como o capitalismo ten resultado tan nefasto para a humanidade ao longo do seu devir. A súa defensa ten provocado millóns e millóns de mortos ao longo da súa existencia sen que existan condenas de ningún tipo.
“Eles” non fan máis que mentir, fano todos os días afirmando e xustificando as súas políticas en nome de sacrificios que nunca nos sacarán da presente situación.
Menten cando afirman que vivíamos por riba das nosas posibilidades. Eran eles quen vivían por riba das nosas posibilidades.
Menten cando aseguran que os recortes son necesarios.
Menten porque a súa política fundaméntase no engano e na manipulación.
Menten cando privatizan servizos públicos alegando a súa modernización e optimización ou a súa falla de rendibilidade: deterioran e destrúen os servizos públicos e os privatizan para  convertelos en  novos espazos de acumulación de capital.

O socialismo configúrase hoxe como a única alternativa posíbel fronte ao sistema de explotación en declive e descomposición, a única alternativa para o futuro da Clase Obreira e dos pobos do mundo. A planificación económica centralizada e baixo control obreiro e a propiedade social dos medios de produción son a única saída viábel da crise.

As forzas comunistas, non só en Galiza a través do P.C.P.E. e FORXA!, senón a nivel Internacional, foron as primeiras que alertaron das consecuencias da crise; definiron acertadamente o carácter desta crise como de sobreprodución e sobreacumulación, e alertaron sobre o carácter e a natureza da ofensiva contra a Clase Obreira que sería desatada polas clases dominantes. Os feitos viñeron dar a razón ás e aos comunistas.
Hoxe, as alternativas son as mesmas que entón foron enunciadas: Unidade Obreira, Unidade Comunista e Unidade Popular. Nese camiño, as e os Comunistas da Galiza xuntamos esforzos e arrincamos enerxías, facemos nosas, hoxe máis ca nunca, as palabras de José Díaz “A bandeira da unidade é a bandeira da vitoria”.