Sobre a Unidade de Clase

As e os comunistas de Galiza temos unha teima permanente na nosa acción política, e é a cuestión da UNIDADE. Non é a unidade coma a entenden os dirixentes pactistas, só interesados en fornecerse dun decorado de mobilizacións conxunturais que lles permita xustificar a súa inacción inocua, cómplice e venal fronte ao poder, e traizoeira e desleal contra a Clase Obreira. Non é tampouco a que conciben outros, confiados en que só coa iniciativa unilateral e diferenciada, por moi loábel que sexa, resulte un reforzo por deserción da competencia política ou sindical.

O proletariado precisa da UNIDADE DE CLASE, desde as fábricas e centros de traballo, vinculando as loitas concretas e particulares de cada empresa ou sector, laborais e económicas, coa loita xeral política de toda a Clase e de todo o pobo traballador. Neste momento histórico cada loita de resistencia que xorde, sector naval, minería, sector público, empresas con EREs, etc., só poderá obter unha vitoria, mesmo parcial, se a LOITA POLÍTICA XERAL do conxunto dos traballadores e traballadoras é quen de pararlle os pés ao capital e os seus gobernos. Isto é hoxe unha verdade máis inapelábel que nunca. E para avanzar e gañar nesta loita, que son tódalas loitas, a arma fundamental é a unidade de clase e popular.

A unidade forxase primeiramente rexeitando a vía do pacto social, por ser esta a que nos conduciu xunto á crise sistémica do capitalismo á situación de precariedade, pauperismo e quebra de dereitos xeral que estamos a sufrir. A unidade constrúese fuxindo do sectarismo e das miras postas en rendibilidades electoralistas, pois as reivindicacións e demandas inmediatas obreiras e populares non agardan por este tipo de cálculos políticos. E artéllase desde abaixo, desde as asembleas aos comités, pulando pola coordinación, ampliación e xeralización, que como no caso dos traballadores das auxiliares do naval, con millóns de horas de traballo nos estaleiros, teñen gañado sobradamente o seu posto de combate  sen subordinarse a tácticas sindicais incapaces de conducir a loita de clase máis aló dos marcos e canles instituídos.

Este é o modelo de unidade que os e as comunistas procuramos, e para iso queremos desenvolver os Comités de Unidade Obreira (C.U.O.), como núcleos de intervención militante unitaria e antipactista con traballadores e traballadoras de toda procedencia sindical de clase, e co obxectivo de contribuír á unidade de acción do movemento sindical e con isto á unidade de clase do movemento obreiro.

A unidade de clase é unha ferramenta imprescindíbel da nosa loita. Mais é tamén unha condición para a vitoria sobre a oligarquía capitalista. A unidade e o medre e desenvolvemento da conciencia revolucionaria de clase son os factores obxectivos fundamentais para transformar a presente loita económica e social do proletariado na decisiva loita polo poder político para a clase obreira e o socialismo.

FORXA! colectivo Marxista-Leninista