OS COMUNISTAS COS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DO NAVAL EN LOITA

 
Pálpase indignación, pero indignación de clase, indignación obreira. Ese é o estado de ánimo do proletariado da bisbarra, nomeadamente dos operarios do sector naval, manifestada na crítica, denuncia e rexeitamento da pasividade das direccións sindicais pactistas, fronte á xestión comercial inoperante da SEPI e a negativa do goberno e da maioría parlamentaria do PP á infraestrutura do dique flotante e da súa indiferenza indolente e paternalista ante a sorte dos traballadores das empresas auxiliares, que veñen padecendo a lacra da subcontratación, da precariedade e da temporalidade, froito da política de pacto social e de entreguismo sindical levado a cabo durante as últimas décadas.

Unha indignación que se fai extensiva aos intentos de concertación sindical e de repetición das estratexias de pacto social, pola súa inutilidade e o seu papel desmobilizador fronte aos ataques antiobreiros, liquidadores e privatizadores deste goberno da oligarquía.
Hoxe as traballadoras e traballadores das auxiliares son as primeiras vítimas da falta de carga de traballo, situación que tarde ou cedo acabará por afectar tamén aos traballadores da principal. Por iso cómpre respostar con unidade de clase e non con division e pasividade. Hai que respostar ás politicas antiobreiras do mesmo xeito que o están a facer os mineiros e os traballadores do trasporte en folga indefinida polos seus dereitos. A resposta ten que ser a FOLGA XERAL, a RESISTENCIA CONTINUADA e o CONTRAATAQUE.
A inocente ou máis ben necia intención do reformismo político e tamén sindical de tratar de endereitar a crise do sistema, dentro do corrompido marco político e institucional que padecemos, xa non se sostén. Para o caduco sistema capitalista non hai outra saída que non pase pola superexplotación xeneralizada, pola negación dos dereitos políticos e sociais para as masas traballadoras, incluíndo tamén a represión, a guerra ou o fascismo, chegado o caso.
Porque nin se erguerán vetos sobre a antiga Astano, nin se impulsará a construción naval, nin se creará emprego neste e noutros sectores produtivos, se non se supera o esgotado e senil modo de produción capitalista, se non se derroca este goberno e con el se leva ao réxime monárquico á crise política, se antes non saímos do cárcere dos depredadores imperialistas que é a UE, o sistema monetario e a OTAN. Non se acadarán conquistas, nin das reivindicacións inmediatas, se o proletariado e os traballadores e traballadoras do capitalismo do século XXI en crise non loitamos como os nosos antergos, con combatividade, resolución e conciencia de clase, poñendo a ollada no mundo que temos que gañar, que non é senón o SOCIALISMO, pois do capitalismo pouco máis xa temos que perder.
Para iso a clase obreira ha de pór a punto as súas ferramentas de combate: a participación e a acción sindical e política pola base, coa asemblea como instrumento de debate, decisión e mobilización, ou como no caso concreto do naval mediante unha cordinadora obreira das empresas auxiliares, así como un comité de folga unitario e democrático que dea resposta aos intereses da maioría taballadora. Animamos aos traballadores e traballadoras avanzados, sindicados ou non sindicados, a xestar unha fronte militante unitaria para a intervención no conxunto do movemento obreiro e sindical, sobre a base dos Comités de Unidade Obreira (CUO), co obxectivo de impulsar a efectiva unidade de clase e orientar a loita de clases do proletariado a obxectivos revolucionarios e de quebra do sistema. 
Queremos aproveitar esta folla para manifestar o noso apoio á Xornada de Loita convocada na nosa comarca para o día 28 de xuño e chamamos á clase traballadora da comarca e a todas as centrais, sindicatos e colectivos de traballadores/as a erguer a imprescindíbel UNIDADE DE CLASE que faga posible unha folga xeral unitaria e masiva. 
UNIDADE, RESISTENCIA, CONTRATAQUE!
FORXA! COLECTIVO MARXISTA LENINISTA
PCPE-COMUNISTAS DA GALIZA