A soberanía para o pobo traballador só pode ser o socialismo!!

Galiza é unha Nación, e como tal con dereito a súa AUTODETERMINACIÓN, malia o emprego instrumental e a distinta vara de medir deste dereito universal polo imperialismo e a súa negación expresa pola Constitución borbónica española. O Pobo Galego é o suxeito único deste dereito inalienábel.

Constituímos tamén unha formación social en si, propia desta fase terminal do modo de produción capitalista, cunha estrutura económica e de clases de seu, sometida no Estado da oligarquía española, e inserida no bloque imperialista europeo. Nas últimas décadas Galiza viviu transformacións económicas e sociais que mudaron o seu aparello produtivo e a composición de clase, desaparecendo virtualmente ás antigas clases labrega e mariñeira da agricultura de subsistencia e da pesca artesanal. Viu irromper as grandes empresas transnacionais no control de sectores básicos da nosa economía, reconversións que desmantelaron boa parte do tecido industrial, fundamentalmente público, e o desenvolvemento e diversificación dun novo, baixo control da fracción galega da oligarquía española, ou ligado á emerxente burguesía media galega, subalterna en moitos casos dos intereses monopolistas e foráneos. Asemade, e a despeito do espazo periférico que ocupa nos campos español e europeo e os lastres históricos arrastrados, Galiza non ficou illada do proceso de desenvolvemento do capitalismo occidental, experimentando tamén o efecto da terciarización, das deslocalizacións e do parasitismo financeiro na súa economía.

Este cadro económico e social conxúgase coa sobrevivencia da farsa xurídico-política do réxime monárquico e do seu artificio institucional e territorial autonómico, negador do feito da opresión nacional, hoxe coa maior virulencia por parte do españolismo reaccionario desde a sucesión postfranquista,  e que só serve para reaxustar a correlación de forzas entre as fraccións oligárquicas e as burguesías nacionais dentro do Estado. Por riba está o conxunto da burguesía financeira europea, dona da entente imperialista que constitúe a Unión Europea. Na conxuntura actual de crise capitalista mundial, constátase a posición unánime de toda a burguesía continental, incluídas a española e a galega, de levar adiante unha ofensiva sen precedentes contra o proletariado e as clases traballadoras de toda Europa. A necesidade apremante dos oligarcas europeos de inverteren a tendencia á queda da súa taxa de ganancia lévaos a pretender impor a calquera custe social ou político un plan de retorno ás condicións económicas e sociais decimonónicas homologábeis ás que padecen as clases traballadoras dos seus competidores emerxentes onde se está a producir a actual reprodución e acumulación mundial do capital. O sr. Feijoo expresouno con suma claridade neste senso no seu día.

Neste período histórico que nos toca vivir, a loita de clase do proletariado e do pobo traballador sitúase en primeira liña de fogo. As ilusións democráticas dos pobos a prol da conquista da súa soberanía e da liberación nacional por darse condicións favorábeis ou por mero contaxio de exemplos mais ou menos recentes, esvaécense e semellan fume. A cuestión da liberación nacional dos pobos vincúlase, como foi sempre, á cuestión primordial da loita de clases, á loita do proletariado e das clases traballadoras en todas as nacións. Hoxe, no marco de previsíbeis crises políticas que poidan derivar en revolucionarias en Europa e no Estado español, a loita contra a opresión nacional é a loita pola revolución proletaria e o socialismo, de non lle querermos facer o caldo gordo á nosa burguesía ou pequena burguesía nacionais e sostelas no canto de derrubarmos a súa dominación de clase. A SOBERANÍA PARA O POBO TRABALLADOR SÓ PODER SER O SOCIALISMO!

Os comunistas de FORXA!! estamos a traballar a prol da UNIDADE como cerne vital da loita da clase obreira e do pobo. Proseguimos a nosa teima da unidade de acción dos comunistas, na procura dunha intervención política unitaria das organizacións de liña marxista-leninista actuantes na Galiza, perseguindo a mais ampla confluencia, primando as coincidencia denantes que as diferenzas. Pretendemos que, froito deste traballo e do de todas as organizacións obreiras, políticas e sindicais, sexamos quen de dotarmos o movemento obreiro cunha ferramenta unitaria que venza a traizón do pactismo e supere a estreiteza do sectarismo paralizante, conformando a FRONTE DE UNIDADE DE CLASE con todas as forzas militantes, que demanda os intereses tácticos e estratéxicos do proletariado ante as loitas inmediatas que se aveciñan, traballando desde xa por unha FOLGA XERAL POLÍTICA na Galiza e no resto do Estado. É preciso dotármonos dun programa unitario, partindo dos obxectivos inmediatos económicos, laborais e sociais, e animarmos a mobilización desde as fábricas e empresas, xunto co concurso dos traballadores e traballadoras desempregados polo medio dun movemento organizado co respaldo do conxunto das centrais, correntes e sectores sindicais de clase. Arredor do movemento obreiro, impulsemos á UNIDADE DO POBO TRABALLADOR, como convención dos partidos, organizacións, plataformas, etc., das clases traballadoras, a prol dun programa político, económico e social antimonopolista, e demandando un proceso constituinte republicano e na perspectiva do socialismo, onde a autodeterminación sexa o pleno exercicio de soberanía da clase obreira e os traballadores e traballadoras de cada nación.               

POLO DEREITO DE AUTODETERMINACIÓN PARA O POBO GALEGO!!
POLA REVOLUCIÓN PROLETARIA E O SOCIALISMO!!

Forxa! Colectivo Marxista-Leninista
Galiza, 17 de xullo de 2011