KKE: Sobre o recente encontro do PCP co Bloco de Esquerdas

Política de alianzas para os intereses do pobo e non para a perpetuación do poder dos monopolios.

Sobre o recente encontro do PC Portugués co “Bloco de Esquerdas”, que está sendo utilizado de distintas formas polas forzas oportunistas do noso país.

por Giorgos Mariños,
membro do PB do CC do KKE


(Artigo publicado en Rizospastis, órgano do CC do KKE, o 17 de abril)
-Traducido por Forxa!-

A evolución do Movemento Comunista Internacional, a estratexia e táctica dos Partidos Comunistas (PPCC), a política de alianzas que levan a cabo, a súa posición en relación aos partidos burgueses, a socialdemocracia e o oportunismo, as organizacións imperialistas e os temas básicos da loita de clases son unha fonte de experiencia e estamos obrigados a examinalos, analizalos, rexeitalos ou utilizalos para reforzar a seguinte dirección básica:
Que os partidos comunistas fortalézanse, son cada vez máis capaces de cumpriren coas súas obrigas revolucionarias como vangarda da clase obreira, algo que teñen que aprender na práctica, a través da confrontación de clase, do esforzo por fortaleceren a unidade de clase da clase obreira, da alianza social cos sectores populares oprimidos e da loita polo derrocamento do capitalismo, polo poder da clase obreira, polo socialismo.

O intercambio de puntos de vista  a respecto das cuestións político-ideolóxicas, entre as que a política de alianzas ocupa un lugar sobranceiro, é unha ferramenta crucial e gustaríanos compartir cos PPCC as nosas preocupacións xurdidas do recente encontro celebrado en Lisboa entre o Partido Comunista Portugués e o “Bloco de Esquerdas”, así como a utilización deste encontro polas forzas oportunistas en Grecia. No encontro entre os dous partidos, segundo a declaración do PCP, deuse “un intercambio de opinións e visións sobre a análise de cada partido sobre a situación económica e social do país (…) Unha análise que permitiu identificar temas en que hai puntos converxentes. Converxencia en análise que non oculta as diferenzas de opinión e até posicións diverxentes en varios asuntos, o que é natural en partidos con diferentes orixes e proxectos”. Na mesma declaración menciónase que “neste marco, en que cada partido participará nas próximas eleccións coas súas propias propostas e proxecto, o PCP, coa firme convicción e confianza na importancia de fortalecer a CDU para conseguir unha ruptura coa política de dereita e abrir a vía para unha política patriótica e de esquerda, continuará e incrementará a súa intervención política e social. Un feito que non impedirá unha converxencia, como ocorreu principalmente no caso do ámbito parlamentar, dando expresión á defensa dos intereses nacionais, ben mediante o rexeitamento das políticas e medidas lesivas ou mediante a aprobación doutras que promovan o crecemento económico, a xustiza social e o mantemento de dereitos”.

Ademais, a páxina web do xornal “Esquerda”, do “Bloco”, menciona que:

“O Bloco e o PC Portugués (PCP) están a converxer nunha saída política pola esquerda. Tras un encontro dunha hora, o PCP e o Bloque anunciaron a converxencia das súas posicións contra a intervención do FMI e por unha política de esquerda contra a bancarrota. O diálogo continuará”.

Estes son os feitos, e sobre esta base, SYN/SYRIZA e o resto de grupos oportunistas de Grecia están intentando explotar esta situación e recuperar a súa posición sobre a “unidade da esquerda”.

Honestamente, podemos dicir que esta é a natureza do oportunismo.

A política sen principios, que intenta mecanicamente transferir a Grecia un feito que tivo lugar en Portugal para apoiar as súas propias decisións.

No entanto, isto non é suficiente. O asunto é máis complexo. Ten que ver co intento de atrapar as forzas populares nunha política de alianzas en bancarrota que ten como base a estratexia socialdemócrata de SYN e do resto de forzas oportunistas, que adoptan e promoven propostas de xestión semellantes ás dos partidos burgueses, sobre a crise e a saída da mesma, a débeda e o déficit.

Por este motivo é positivo que se abra o debate sobre este tema.

O KKE construíu relacións duradeiras e de camaradaría co PCP, aprecia a súa importante contribución ao desenvolvemento da loita de clases en Portugal pola defensa dos intereses obreiros e populares. Aprecia o seu apoio ás organizacións antiimperialistas, a súa contribución a facer fronte ao anticomunismo e as grandes dificultades que se crearon coa contrarrevolución e o derrocamento do socialismo.

O noso partido, como sección do movemento comunista internacional, estuda coidadosamente as posicións e decisións dos PPCC e toma posición sobre os asuntos centrais sobre a base de se as diferentes decisións axudan ou non á loita de clases, fortalecen ou debilitan a loita xeral contra o imperialismo e os monopolios, se axudan ou non ás forzas populares a se liberaren das ideoloxías e as políticas burguesas e oportunistas.

Ao mesmo tempo, o KKE informa sistematicamente aos PPCC sobre a súa propia actividade e experiencias.

Desde esta posición é desde onde examinamos o encontro entre o PCP e o “Bloco” e coidamos necesario expresar brevemente a experiencia que o noso partido adquiriu en canto á posición do oportunismo en Grecia, que historicamente empregou tácticas corrosivas e liquidacionistas por medio de formas de cooperación tales como a “Esquerda Democrática Unida” (EDA) nos anos 50 e
60, a “Esquerda Unida” en 1974 e “Synaspismos” (“Alianza” en grego) a finais dos anos 80.

A práctica básica que marca a súa posición é a súa asimilación das políticas e ideoloxía burguesas, a negación dos principios que caracterizan o partido leninista de novo tipo, a abolición da independencia do PC e a súa disolución.

Esta experiencia é moi útil para estudar o papel que o “Bloco de Esquerda” xoga en Portugal.

Trátase dun partido oportunista, que foi fornecido de cadros que se separaron do PCP no pasado. Trátase dun partido cunha estratexia socialdemócrata, con teses que apoian o poder dos monopolios, a propiedade capitalista dos medios de produción, a Unión Europea. Un partido que apoiou durante moito tempo as políticas antipopulares do goberno do socialista Sócrates.

Este partido é activo no seo da coñecida construción da UE, o Partido da Esquerda Europea (PEE), ocupa o posto de vicepresidente da súa presidencia, xunto con SYN, participa na campaña anticomunista, no intento de socialdemocratizar os Partidos Comunistas, apoia as decisións antipopulares para reverter os dereitos obreiros e populares e apoiou recentemente, co seu voto, a decisión do Parlamento Europeo sobre a participación da UE na guerra imperialista contra Libia.

É obvio que o seu carácter non cambia polo feito de ter un debate co PCP e que posibelmente se creou unha base de cooperación entre eles. O seu carácter socialdemócrata mantense, a súa actividade dana o movemento obreiro e popular. E, independentemente das intencións do PCP, o “Bloco” utilizará esta cooperación para fomentar a confusión, para corromper a conciencia, para tratar de parar os partidos comunistas ou forzas antiimperialistas.

SYN saudou o encontro do PCP co “Bloque” desde o primeiro momento. SYN está intentando aproveitar de xeito oportunista os acontecementos que están tendo lugar a nivel europeo ou internacional para promover as súas posicións e botar man dos seus coñecidos xogos de engano.

Fixo o mesmo con Jospin en Francia. Saudou a cooperación do Partido Socialista co Partido Comunista Francés e outras formacións oportunistas. Falou dun “raio de esperanza” e posteriormente, cando a situación provocou intensas protestas populares que conducían á bancarrota política, SYN intentou dar marcha atrás utilizando unha chea de escusas.

Fixo o mesmo en Italia, cando saudou á “coalición da oliveira” de “centro-esquerda” falando dunha “rama de esperanza” en Europa. E cando o pobo traballador condenou as políticas antipopulares da “oliveira”, tratou de xustificar o inxustificábel.

Está claro que a lóxica da “unidade da esquerda”, a lóxica dos denominados “frontes antineoliberais” recibiu un golpe, mais o oportunismo insiste porque a súa misión é manipular as forzas populares, impedir a radicalización da consciencia popular: unha radicalización que ten lugar mediante a utilización do coñecemento e a experiencia da loita de clases.

O KKE, que analiza os acontecementos segundo un criterio de clase do punto de vista dos intereses obreiros e populares e avisa sobre as trampas que as forzas da submisión poñen ao pobo, di claramente á clase obreira, aos sectores populares e á mocidade que:

Non confiedes en absoluto en SYN/SYRIZA e no resto de forzas do oportunismo. A súa estratexia serve á perpetuación do capitalismo, do sistema explotador independentemente das manobras verbais que fagan para confundir. A principal dirección que caracteriza a súa política é o mantemento do poder dos monopolios, a propiedade capitalista dos medios de produción e o desenvolvemento sobre a base dos beneficios.

Un elemento importante desta estratexia é o sistemático anticomunismo que proporciona unha coartada ao anticomunismo burgués. Este elemento marcou o seu rumbo desde 1990 até o presente.

As posicións e prácticas de SYN que apoian a UE e a estratexia de reestruturación capitalista, que ataca e acaba cos dereitos obreiros e populares, expresan a súa dirección estratéxica. Esta dirección é evidente no esforzo por fomentar ilusións relativas ao papel do goberno do PASOK: búrlanse do pobo argumentando que o que o problema foi que o PASOK abandonou o seu programa, aínda que é ben coñecido que este programa implicaba un ataque antipopular en todos os terreos.

Esta dirección leva a unha posición hostil cara ao PAME e outras unións militantes, ao apoio aos empresarios e ao sindicalismo dirixido polo goberno, ao maioría de GSEE e ADEDY que sempre buscaron, por todos os medios, a corrosión e o desarmamento do movemento obreiro para que fose asimilado en beneficio do capital.

As manobras oportunistas non terán éxito. Os “pecados” políticos de SYN non se purgan co esforzo por utilizar o debate entre o PCP e o Bloco de Esquerda.

Hoxe, cando a crise capitalista mostra claramente que o sistema explotador excedeu os seus límites históricos; hoxe, cando a efectividade da loita de clases está conectada obviamente coa solución ao problema do poder, SYN/SYRIZA e o resto de formacións están enganando o pobo con demandas que teñen que ver coa renegociación da débeda, o que significa novos impostos, duras condicións para o pobo e novos memorandos do goberno, a UE e o FMI.

Están enganando o pobo coa utopía dunha xusta redistribución da riqueza baixo as condicións do poder dos monopolios e outras demandas semellantes que tamén son amplamente utilizadas polos partidos burgueses, polos economistas burgueses e os propagandistas do sistema.

Os constantes cambios nas súas posicións e esixencias co obxectivo de confundir, demostran a informalidade e a pouca confianza que ofrecen os partidos e grupos oportunistas.

O noso pobo debe ser severo e decatarse de que a política de alianzas de SYN e os seus chamamentos oportunistas á “unidade da esquerda” tenden a dificultar a unión da xente sobre unha base antiimperialista e antimonopolista e nunha dirección anticapitalista.

O seu obxectivo é atopar cómplices para a perpetuación do poder dos monopolios. Ao mesmo tempo, revelan a miseria que caracteriza o intento de SYRIZA, as controversias e os puntos mortos da Babel oportunista.

O KKE trata a política de alianzas cun gran sentido da responsabilidade, como ferramenta de importancia estratéxica que fortalece a loita do movemento obreiro e popular e a concentración de forzas contra a plutocracia, contra as políticas antipopulares e as unións imperialistas.

O noso partido excluíu a cooperación cos partidos e grupos do oportunismo que conscientemente trataban de disolver ao KKE e celebraban o derrocamento do socialismo, fomentando a submisión e contaminando a consciencia popular.

Excluímos a unión ocasional dos nosos dirixentes e insistimos na alianza de forzas sociopolíticas que teñan un interese en loitar contra a estratexia dos monopolios e o imperialismo, tendo en conta que a alianza non constitúe unha cuestión só do KKE, senón que afecta a unha ampla gama de forzas que se manteñen atrapadas en construción ideolóxicas burguesas ou dubidan en dar o gran paso.

O KKE insiste na acción conxunta e coordinada da clase obreira, dos pequenos e medianos campesiños, dos autónomos e as unións militantes con orientacións de clase destas forzas sociais que xogan un papel dirixente na loita polo noso pobo e preocupados por todos os seus problemas.

Estas unións constitúen o núcleo do esforzo para construír a fronte antimonopolista e antiimperialista de loita que pelexa polo poder e a economía popular, concretamente polo socialismo, que é a condición previa para a abolición da explotación, para a garantía do dereito ao traballo para todos e a satisfacción das necesidades actuais do pobo.

Esta é a resposta que os propios acontecementos trouxeron á actualidade. Porque a loita ante os agudos problemas das familias obreiras, a loita contra as consecuencias da crise, a loita contra o memorando do goberno, a UE e o FMI e as crueis medidas antipopulares, polos dereitos soberanos, adquire forza até o punto de se converter nunha loita contra o poder dos monopolios, polo derrocamento da barbarie capitalista.