Contra a crise e a ofensiva do capital: unidade obreira, comunista e popular!!


A maior ofensiva da burguesía contra a clase obreira en décadas percorre Europa. Medran os índices de desemprego, aumentan os ataques contra servizos básicos como a sanidade e a educación, retíranse axudas sociais e os Estados dispóñense a adoptar medidas de austeridade consistentes en reducir o gasto público e que imporán a toda a sociedade o pago  de tributos en proveito dos monopolistas. Todos os signos dunha grande recesión van confirmándose a medida que o cataclismo ao que se ve sometido o capital, abocado a unha bancarrota tras outra, arrastra toda a sociedade cara ao caos e a anarquía.

Contra a reforma das pensións, o 27de xaneiro, tod@s á folga xeral!

Os ataques contra a clase obreira do goberno socialfascista do PSOE continúan sen que a contestación popular e o rexeitamento xeneralizado a unhas medidas impostas polo capital lles fixera retroceder nos seus plans, poñendo de manifesto a súa total ruptura con calquera defensa mínima dos intereses populares. A imposición a sangue e lume dunha serie de medidas, que so serven aos intereses dos grandes monopolios e da oligarquía financeira e que prexudican dende calquera punto de vista á clase obreira e ás clases populares, son os máis claros exemplos deste divorcio.

Todas as consecuencias desta crise a está a vivir a clase traballadora co agravamento das condicións laborais, coa conxelación de salarios (ou mesmo diminución dos mesmos), co aumento do paro e cos recortes nas políticas sociais que agravan inda máis a situación económica dun sen fin de persoas e de familias precipitándoas cara e a miseria e a pobreza absolutas. Seguen esixindo sacrificios ao conxunto das clases traballadoras mentres as fortunas dos ricos, dos grandes bancos, das multinacionais aumentaron case un 9% durante o 2010 e acumularon 2.748 millóns máis de patrimonio en bolsa que no 2009.

Agora tócalle ás pensións, aumentando a idade de xubilación dos 65 aos 67 anos seguindo fielmente as ordes e recomendacións do capital financeiro que o único que pretende e ir desmantelando unha a unha as conquistas sociais, as cales non foron regaladas senón conquistadas a través da loita. O factor demográfico e o índice de natalidade esgrimido polo goberno e a maioría das forzas políticas non é o factor determinante desta reforma, senón que esta medida responde ás políticas de aforro do goberno obsesionado coa redución do custo público.

Facemos un chamamento ao conxunto de traballadoras e traballadores, ao movemento popular, ás forzas revolucionarias e democráticas e ao conxunto do pobo galego a secundar a folga xeral convocada pola CIG o próximo 27 de xaneiro. Chamamos a reforzar o sindicalismo de clase como instrumento de loita e de organización imprescindibles nestes intres de ofensiva capitalista.

A unidade de toda a clase obreira é hoxe mais precisa e imprescindible ca nunca se queremos gañar a batalla contra aqueles que nos queren arrebatar os nosos dereitos. Sen unidade, os monopolios, a oligarquía e o capital financeiro, en definitiva a burguesía, seguirán mantendo os seus privilexios e aumentando os seus beneficios e continuarán coas políticas de recortes ate o total sometemento da clase obreira, incluíndo a eliminación de liberdades democráticas mínimas.

Adiante a folga xeral!!
Unid@s venceremos!!

Forxa!!
6 de xaneiro de 2011