A morte de Kim Jong Il e o futuro do socialismo norcoreano

A morte de Kim Jong Il e o futuro do socialismo norcoreano
Gabriel Martínez - Editor do Blog de Solidariedade con Corea Popular

A morte do líder norcoreano expuxo unha serie de discusións sobre o carácter do sistema político existente no norte da península coreana. Para algúns analistas burgueses, o modo en que se dea a transición de liderado trala morte de Kim Jong Il, será a proba concreta de que o réxime político do país é unha ditadura brutal, con formas dinásticas. Pouco logo da morte do "Líder Kim Jong Il" (un dos varios  alcumes cos que os norcoreanos se refiren ao falecido líder), a axencia KCNA emitiu un comunicado instando ao pobo norcoreano a apoiar o novo liderado encabezado por Kim Jong-Un, fillo de Kim Jong Il, quen anteriormente fora vicepresidente da Comisión de Defensa Nacional. É importante sinalar que durante os anos 90, unha época na que Corea do Norte pasou por un período coñecido como a "Ardua Marcha" e a Comisión de Defensa Nacional converteuse no órgano político máis importante do estado norcoreano, a posición de Presidente quedou extinguida.


Discurso da SX do CC do KKE, Aleka Papariga, no 13º EIPCO

Estimados camaradas:


Dámoslles unha benvida calorosa unha vez máis en Atenas. Como xa saben, aquí tivo lugar, por iniciativa do noso partido, o primeiro encontro de partidos comunistas e obreiros en 1998 para a coordinación, a acción conxunta e o reagrupamento do Movemento Comunista Internacional que está experimentando unha crise ideolóxica, política e organizativa.


En 2005 aquí, en Atenas, decidimos de xeito colectivo que este encontro internacional viaxase a outros Estados e continentes, a Europa, América Latina, Oriente Medio, Asia e África. Hoxe en día atopámonos de novo en Atenas para estudar a experiencia, sacar conclusións deste importante percorrido, intensificar os nosos esforzos nas novas condicións da profunda crise capitalista, de antigos e novos focos de guerra polo repartición dos mercados.


Os comunistas votamos comunista

Ausencias son carencias. A non presenza dunha candidatura unitaria do conxunto das forzas políticas e sociais da esquerda de oposición ao réxime nas vindeiras eleccións xerais ao parlamento español, exhibe a actual incapacidade de artellar unha alternativa política sobre a base do factor e a contradición determinante desta época histórica que nos toca vivir: o antagonismo entre o proletariado e as clases traballadoras fronte a oligarquía financeira que dirixe o bloque imperialista europeo.

É a constatación da parálise que atenaza ao movemento obreiro e popular, aparentemente preso da resignación e da desmobilización do reformismo e do social-liberalismo, sexa nas súas expresións políticas ou sindicais. O sopor das manidas fórmulas de máxicas mudanzas dentro do sistema, ou do “isto é o que hai e o que toca” fican inermes fronte á flagrante realidade da brutal crise capitalista, e unha dereita política fachendosa reclamada para a gobernanza de quenda por unha oligarquía impaciente de levar adiante os seus planos. En contraposición, a incredulidade, a desconfianza, a indignación e a ira contida e expresada a cada paso nas fábricas e nas rúas dos barrios obreiros, e nas loitas e mobilizacións aínda sen a continuidade e a conxunción necesarias.

Nos entendemos cómo marxistas-leninistas que a loita electoral nas democracias burguesas é unha forma máis da loita xeral revolucionaria do proletariado, en función da conxuntura e a táctica política determinada por esta. Con mais senso na presente situación de crise estrutural capitalista. O actual proceso electoral puido ser unha oportunidade excelente para unha mobilización xeneralizada dirixida a cuestionar os alicerces do réxime monárquico e transformar a campaña electoral nunha masiva denuncia do mesmo sistema capitalista. Ter aproveitado para a convocatoria dunha folga xeral, como se viña barallando sobre estas datas, como a mellor campaña electoral posible a desenvolver polas forzas obreiras e populares, augándolle a festa á reacción, e impulsar o que demandan as masas traballadoras: a unidade de clase e do pobo traballador. A súa concreción nunha fronte ou plataforma política dependerá da superación do actual estado de ánimo e da división no seo da esquerda con horizontes revolucionarios a prol do socialismo.

De todo o restrinxido panorama de posibilidades electorais, só podemos destacar a participación dunhas candidaturas que merezan o noso apoio: as presentadas por A Coruña e Pontevedra polos Comunistas de Galiza-PCPE, pese a tódolos obstáculos, impedimentos, silencios e manipulación mediática posibles interpostos polo poder. O seren integrantes dun partido de ámbito estatal non os invalida como comunistas, pois nós pensamos que a contradición principal é a que enfronta ao proletariado fronte á burguesía e nunca ás organizacións de clase independentemente do seu ámbito de acción. A maiores, é o único que defende, dentro dun programa estratéxico e táctico, xunto ao dereito de autodeterminación, non só as reivindicacións inmediatas económicas e sociais do proletariado e clases populares, senón que explica a crise estrutural do capitalismo, denuncia a xestión da socialdemocracia no goberno e a estratexia da oligarquía española e a necesidade de pasar á ofensiva e artellar unha fronte obreira e popular cunha perspectiva revolucionaria e socialista, fronte ao, no noso caso, do reformismo posibilista de EU e BNG. Os comunistas de FORXA!! coincidimos con boa parte das análises e das súas propostas programáticas, e sabemos que compartiremos, xunto a outros, os esforzos no camiño da reconstrución do Partido Comunista en Galiza e do Movemento Comunista Internacional e na tarefa inmediata de xestación da fronte de Unidade de Clase e do Pobo Traballador.

Nas circunscricións de Lugo e Ourense, ante a presenza exclusiva de listas reaccionarias ou reformistas, entendemos que o voto nulo representa a opción mais consecuente e combativa fronte á mediocridade ou natureza antipopular das alternativas de voto.

Agárdanos nos próximos meses unha dura batalla coa máis que probable arribada da dereita mais reaccionaria ao goberno do estado no contexto de depresión, e extrema explotación e pauperización das clases traballadoras. Depende só de nós, da esquerda revolucionaria, saír das trincheiras da defensa paralizante e pasar á ofensiva transformando a crise económica e social nunha crise política xeral, con toda a potencia de combate que fai dispor a unidade da clase obreira e de todos os sectores populares para, pola vía da revolución socialista, pórlle fin a agonía do capitalismo parasitario en extinción.

FÓRA DE LIBIA AS SUCIAS MANS IMPERIALISTAS




Os comunistas de FORXA! queremos expresar a nosa denuncia firme e rotunda ante a presente intensificación da agresión imperialista sobre Libia coa chamada “Operación Serea”, que non é máis que un masacre imperialista  no intento de asalto final á capital do réxime libio por parte da organización terrorista OTAN e das bandas criminais ás ordes do Comité Nacional de Transición, os seus mercenarios de bandeira monárquica. Un masacre que ven acompañado, como non podía ser menos, dunha espectacular campaña de desinformación por parte dos grandes medios da burguesía.

Esta, como todas as guerras do imperialismo, é unha guerra criminal, inxustificada e desproporcionada que só persegue garantir os intereses das grandes multinacionais do petróleo, unha guerra que enfronta as grandes potencias cun pequeno e rico pais que se negaba a ceder a súa independencia e soberanía, un pais que non renunciaba ao control sobre as súas fontes de riqueza, un pais que enfrontou unha insurrección orquestrada polos servizos de intelixencia das potencias imperialistas, a seguiren estas o modelo clásico da guerra colonial, empregando combatentes locais aliados, adestrados e financiados polo imperialismo. Que non haxa ningunha dúbida de que as bombas da OTAN que caen en territorio libio, as bombas que causan milleiros de mortos entre a poboación civil, as bombas que feren e mutilan os fillos e fillas de Libia non traerán a democracia e a liberdade, nin liberaran os pobos, senón que sentan as bases da dominación e do espolio económico por parte das grandes potencias opresoras, escravistas e explotadoras, con Francia, Inglaterra e os EUA á cabeza.

Entrevista a Forxa! realizada por Galiza Livre

1. Como nasce a ideia de criar o coletivo Forxa?

Nace principalmente da necesidade de reorganización do Movemento Comunista, da necesidade de acumularmos forzas no camiño da construción do Partido Comunista da clase obreira galega, mais nace tamén para se converter nun destacamento máis do proletariado, para participar nas súas loitas, para elevar o seu grao de consciencia e espírito revolucionario.


A soberanía para o pobo traballador só pode ser o socialismo!!

Galiza é unha Nación, e como tal con dereito a súa AUTODETERMINACIÓN, malia o emprego instrumental e a distinta vara de medir deste dereito universal polo imperialismo e a súa negación expresa pola Constitución borbónica española. O Pobo Galego é o suxeito único deste dereito inalienábel.

Constituímos tamén unha formación social en si, propia desta fase terminal do modo de produción capitalista, cunha estrutura económica e de clases de seu, sometida no Estado da oligarquía española, e inserida no bloque imperialista europeo. Nas últimas décadas Galiza viviu transformacións económicas e sociais que mudaron o seu aparello produtivo e a composición de clase, desaparecendo virtualmente ás antigas clases labrega e mariñeira da agricultura de subsistencia e da pesca artesanal. Viu irromper as grandes empresas transnacionais no control de sectores básicos da nosa economía, reconversións que desmantelaron boa parte do tecido industrial, fundamentalmente público, e o desenvolvemento e diversificación dun novo, baixo control da fracción galega da oligarquía española, ou ligado á emerxente burguesía media galega, subalterna en moitos casos dos intereses monopolistas e foráneos. Asemade, e a despeito do espazo periférico que ocupa nos campos español e europeo e os lastres históricos arrastrados, Galiza non ficou illada do proceso de desenvolvemento do capitalismo occidental, experimentando tamén o efecto da terciarización, das deslocalizacións e do parasitismo financeiro na súa economía.

Por un Movemento Unitario de Traballadoras e Traballadores Desempregados

Estamos a vivir unha crise económica de enormes dimensións, unha crise sistémica do capitalismo, dun capitalismo que está na súa fase terminal. A crise está batendo sen ningún tipo de miramentos na clase obreira e no resto de clases traballadoras en forma fundamentalmente de empobrecemento e  desemprego.

    Neste contexto de crise a resposta do capital, ante a súa necesidade imperiosa de seguir acumulando máis e máis beneficios, é unha auténtica ofensiva contra as clases traballadoras, que se está a traducir en numerosos recortes sociais e en reformas antipopulares como foron a reforma laboral, a das pensións ou a máis recente reforma da negociación colectiva. E todo isto tendo como brazos executores os gobernos e partidos políticos representantes da burguesía.

Diante da captura por parte do Goberno de Venezuela de militantes revolucionarios

Coa captura do comandante Guillermo Enrique Torres Cuéter, membro do Estado Maior das FARC-EP, o xograr fariano coñecido como Julián Conrado, nunha operación conxunta dos gobernos venezolano e colombiano, o executivo presidido por Hugo Chávez volve luxar unhas mans que se estreitan amigabelmente cada vez máis coas da oligarquía colombiana ao tempo que se converten en sombrizas gadoupas cando de militancia revolucionaria se tratar. Ao camarada Julian temos de sumar o caso do xornalista sueco Joaquín Pérez Becerra, director da axencia ANNCOL, ou a rabiosa caza levada a cabo contra Luis Alberto Castaño Estrada e Nafer Miguel Julio, membros da Fronte José Antonio Galán do ELN, como tamén a repatriación doutros militantes das FARC-EP e do ELN ou a extradición de militantes vascos.

Non estamos a falar dun tema de máis ou menos profundidade nas políticas revolucionarias, de maior ou menor intensidades nas medidas de carácter popular, non, estamos falando dunha política de colaboración cun Estado que leva anos practicando o xenocidio, un Estado ao servizo dunha oligarquía criminal que non dubida en empregar todos os medios imaxinábeis para esmagar a resistencia popular, desde o terrorismo narcoparamilitar até os fornos crematorios, pasando polos falsos positivos, as desaparicións ou as fosas comúns. Un Estado en que, segundo os propios datos do gobernamental Instituto de Medicina Legal, nos últimos 3 anos desapareceron 38.000 persoas.

Ignorando a propia lexislación venezolana, inclusive os artigos 44º e 49º da Constitución da República Bolivariana de Venezuela, e tripando todo protocolo de dereito internacional, o Goberno venezolano semella disposto a acatar obedientemente os requirimentos criminais da burguesía colombiana, a se situar do lado desta e fronte as e os combatentes comunistas da Nova Colombia. Mais moito máis grave que este caso omiso ás leis nacionais e internacionais é a vergoñenta traizón, xa non imos dicir ao internacionalismo proletario, senón ao máis mínimo internacionalismo.

A confirmación desta política internacional de colaboración coas políticas xenocidas da oligarquía colombiana obriga a calquera comunista, a calquera revolucionario, non xa a condenar estas vergoñentas accións do Goberno venezolano, senón e se reformular o apoio, por moi crítico que for, ao núcleo dirixente do proceso político que está a vivir Venezuela. É aínda é máis importante condenar o carácter antisocialista do chamado Socialismo do Século XXI. É aquí, no propio cerne ideolóxico maioritario no chamado bolivarianismo, onde temos de buscar as razóns que explican estas políticas de colaboración, xa que logo de participación, no xenocidio que a burguesía leva a cabo contra a militancia revolucionaria.

Porque o Socialismo do Século XXI, como teoría socialdemócrata que é, nega a loita de clases, ignorando que os intereses das clases traballadoras, das masas populares, son antitéticos aos de toda burguesía. É unha expresión ideolóxica pequenoburguesa que non pon en dúbida a propiedade burguesa dos medios de produción e que, como ficou escrito no “Compromiso de Caracas”, condena a violencia das organizacións revolucionarias.

Hoxe, con máis motivos que nunca, debemos apoiar os proxectos comunistas, fortalecendo a ideoloxía marxista-leninista fronte a calquera ideoloxía reformista, para que este proceso revolucionario democrático, cos seus acertos e melloras para a masa popular, se transforme nunha revolución socialista que teña como obxectivo a socialización dos medios de produción e o control obreiro, quere dicir, a substitución do capitalismo actual polo socialismo.

Forxa! Colectivo Marxista-Leninista
Galiza, 10 de xuño de 2011

Faleceu Ludo Martens


Desde o Colectivo Marxista-Leninista Forxa! queremos facer chegar as nosas máis sinceras condolencias aos familiares, amigos e camaradas do comunista Ludo Martens.

O seu falecemento é sen dúbida unha grande perda para o Movemento Comunista Internacional, no que el puxo tanto énfase e empeño a prol da súa Unidade, impulsando os encontros dos partidos e organizacións comunistas de liña marxista-leninista e antirrevisionista, a celebración do Seminario Comunista Internacional de Bruxelas, de suma importancia no proceso de debate e converxencia do MCI. Cómpre destacarmos tamén o seu papel no desenvolvemento do propio PTB.

Fican patentes as súas grandes achegas revolucionarios en traballos como, por poñer un exemplo, “Un outro ollar sobre Stalin”, que pasará á Historia como unha das obras pioneiras dirixida a combater as calumnias fabricadas por revisionistas e burgueses para tentar demonizar a figura do camarada Stalin e o período no que este foi Secretario Xeral do PCUS. Tendo en conta  que no momento no que foi escrito se carecía aínda de moita da información que hoxe está dispoñíbel, aínda ten máis valor ao seu traballo, posto que amosa unha grandiosa demostración de valentía e convición que encetou un profundo e necesario estudo sobre este importantísimo período revolucionario, do que cada vez temos máis evidencias.

"A arrogancia do imperialismo non nos impresiona, ás avesas, estamos certos de que as persoas que manteñen o espírito lúcido, que non padecen o histerismo antisocialista, se verán obrigados a reflexionar seriamente sobre o correcto das nosas posturas, despois de escoitar as nosas probas e os nosos argumentos".

Será lembrado coma un dos primeiros e implacábeis comunistas antirrevisionistas europeos, e a mellor homenaxe que lle podemos facer é continuarmos traballando pola urxente e necesaria Unidade do MCI e a ineludíbel loita polo Socialismo.

Diante das eleccións do 22 de maio


DIANTE DAS ELECCIÓNS DO 22 DE MAIO


Os comunistas non teñen por que gardar encubertas as súas ideas e intencións. Abertamente declaran que os seus obxectivos só poden acadarse derrocando pola violencia toda orde social existente.

Marx e Engels, O Manifesto Comunista


Diante das vindeiras eleccións locais que terán lugar na Galiza vemos con agrado o traballo colectivo que diferentes organizacións do campo popular, así como persoas a título individual, realizaron para lograren artellar candidaturas electorais.

Valoramos positivamente a capacidade destas organización por faceren traballo en común, afastando toda pezoña sectaria, nun momento en que a unidade é máis necesaria, se cabe, que nunca.

Emporiso, entendemos que o eixe de acción das organizacións revolucionarias radica na axitación, formación e organización do proletariado, no camiño dun aumento, cuantitativo e cualitativo, das mobilizacións, da loita contra o inimigo de clase. Nestas tarefas o combate ideolóxico contra o reformismo dentro do movemento obreiro é de vital importancia. Cómpre poñermos todos os nosos esforzos en facer comprender ás masas populares que dentro do sistema capitalista non hai lugar para as melloras nas condicións de vida. Arrincarmos de raíz as vellas ideas reformistas de mellora dentro do sistema que eivan o movemento obreiro é tarefa tan dura como necesaria. Por iso a loita ideolóxica, tan deostada polos oportunistas, ten que ocupar un lugar de cabeceira.

1º DE MAIO: AVANCEMOS CARA ÁS GRANDES LOITAS!! ARMÉMONOS PARA NOVOS COMBATES!!

 
O Primeiro de Maio non é un día calquera como outros dos que poboan o calendario, neste data conmemórase o Día do Internacionalismo Proletario, en que a clase obreira saúda os seus heroes, os seus loitadores, os seus mártires. É o día que debemos lembrar todo o sangue, as loitas e os sacrificios de millóns de obreiros que foron tan necesarios para conquistar unhas condicións dignas de vida para a clase obreira. Condicións que hoxe se ven ameazadas polo embate das políticas neoliberais que traen aparelladas un empeoramento xeneralizado das condicións laborais e da vida da clase obreira, na súa perda de dereitos fundamentais e básicos, moitos dos cales foran conquistados con sangue a través de décadas de loita.

KKE: Sobre o recente encontro do PCP co Bloco de Esquerdas

Política de alianzas para os intereses do pobo e non para a perpetuación do poder dos monopolios.

Sobre o recente encontro do PC Portugués co “Bloco de Esquerdas”, que está sendo utilizado de distintas formas polas forzas oportunistas do noso país.

por Giorgos Mariños,
membro do PB do CC do KKE


(Artigo publicado en Rizospastis, órgano do CC do KKE, o 17 de abril)
-Traducido por Forxa!-

A evolución do Movemento Comunista Internacional, a estratexia e táctica dos Partidos Comunistas (PPCC), a política de alianzas que levan a cabo, a súa posición en relación aos partidos burgueses, a socialdemocracia e o oportunismo, as organizacións imperialistas e os temas básicos da loita de clases son unha fonte de experiencia e estamos obrigados a examinalos, analizalos, rexeitalos ou utilizalos para reforzar a seguinte dirección básica:

Contra a guerra, Revolución!

Guerra, e máis guerra imperialista. O capitalismo en crise sistémica ten que botar man doutro episodio mais de destrución e crime xenocida para garantir a espoliación de recursos e a dominación xeopolítica sobre unha rexión do mundo que cobiza.

Alén do Iraq e o Medio Oriente, Afganistan e o Asia Central, tócalle agora a Libia e por extensión ao Magreb, sufrir a agresión invasora coa dobre pretensión de facerse coas súas reservas petroleiras sen intermediarios, e dispor dunha base para controlar e intervir de darse o caso, fronte aos procesos revolucionarios democráticos en curso protagonizados polos pobos árabes.

Os seguintes poderían ser o Irán, Corea do Norte, Venezuela, Cuba… A guerra imperialista é fundamental para o capitalismo declinante desta época, para recuperar os xa escasos folgos, buscar e espremer fontes enerxéticas e de materias primas, arrasar medios de produción como medio de reconquista económica, nunha loita voraz entre as camadas de voitres imperiais dominantes e aspirantes, ao tempo que tentarán dominar a vaga de rebelións e insurxencias que se están a dar, e se estenderán, tarde ou cedo, a todos os recunchos do planeta.

Posición do KKE a respecto da posición de Sam Webb, presidente do CPUSA, e da evolución deste partido

[Tradución de Forxa!]

 POSICIÓN DO KKE A RESPECTO DA PLATAFORMA DE WEBB E DA EVOLUCIÓN DO CPUSA


 Atenas, 13 de abril de 2011


Sam Webb, presidente do CPUSA
Aos militantes e cadros do Partido Comunista dos Estados Unidos de América (CPUSA);

Aos traballadores que loitan nos EUA;

Aos partidos comunistas e obreiros.

Queridos camaradas:

En febreiro de 2011, o presidente do CPUSA, Sam Webb, publicou un artigo en Political Affairs, a publicación electrónica do CPUSA, titulada "Un Partido do Socialismo no século XXI: a que se parece, que di, que fai". Aínda que o artigo concreto é acompañado por unha nota editorial que afirma que «O seguinte artigo representa só as opinións do seu autor. Non reflicte necesariamente a posición oficial de ningunha organización ou colectivo», é obvio para nós que a posición pública do máximo dirixente dun Partido Comunista sobre un tema tan importante require unha atención especial.

O 16 de febreiro recibimos unha carta do equipo editorial do Political Affairs en que se nos convidou a enviar a nosa opinión.

Saúdo da Secretaria Xeral do CC do KKE Aleka Papariga no encontro con representantes do Congreso da Federación Sindical Mundial

Aleka Papariga: "É preciso un movemento obreiro que loite polo cambio da correlación de forzas e o derrocamento do poder dos monopolio."

O día 7 de abril, os máis de 800 delegados do 16º Congreso da Federación Sindical Mundial (FSM), que se leva a cabo estes días en Atenas, visitaron a sede do CC do KKE.

Un gran evento internacionalista celebrouse na aula de congresos do CC do partido que foi sacudida polos sons das cancións obreiras revolucionarias de todo o mundo. A Secretaria Xeral do CC do KKE dirixiuse aos delegados e dixo entre outras cousas que:

“Consideramos que en condicións de crises, tanto o Partido Comunista como o movemento obreiro sindical deben levar a cabo unha loita moi complexa. Por unha banda, deben crear focos e condicións de agrupación en base aos problemas cotiáns agudizados pola crise a fin de atraer á acción a amplas masas obreiras, sobre todo mozos que son relativamente inmaturos e educáronse en condicións de retroceso do movemento obreiro revolucionario mundial, e ao mesmo tempo reunir as frontes segundo centro de traballo e sector nun movemento unificado que loite polo cambio da correlación de forzas, o derrocamento do poder dos monopolios, cara á perspectiva do socialismo.”

Campaña europea "Un millón de sinaturas pola liberdade dos cinco"

Forxa!! Colectivo Marxista Leninista vénse de sumar á campaña "Un millón de sinaturas pola liberdade dos Cinco". Antonio Guerrero, Fernando González, Gerardo Hernández, Ramón Labañino e René González son 5 cubanos presos desde 1998 en EE UU por terse infiltrado nos grupos terroristas de Miami, grupos que cos seus ataques causaron a morte de 3.478 cidadáns da Illa desde 1959.

A arbitrariedade do arresto foi recoñecida polo Grupo de Traballo sobre Detencións Arbitrarias da Comisión de Dereitos Humanos da ONU en 2005. Numerosas entidades e persoas teñen manifestado o seu interese por este caso. Entre elas, varios premios Nobel (Pérez Esquivel, Rigoberta Menchú, José Saramago, Günter Grass, Darío Fo…), o Senado de México, a Asemblea Nacional de Panamá, Mary Robinson (expresidenta de Irlanda) e un elevado número de parlamentarios de Europa e Latinoamérica.

A campaña pretende recoller un millón de sinaturas para seren entregadas ao presidente norteamericano, Barak Obama.

Solidariedade cos cinco !!!


Colabora na campaña:
Descarga folla de sinaturas
Descarga súmate á campaña
Descarga cartaz campaña

NON AO ATAQUE IMPERIALISTA SOBRE LIBIA

Comunicado do Colectivo Marxista-Leninista Forxa!! 

NON AO ATAQUE IMPERIALISTA SOBRE LIBIA

Denunciamos a agresión imperialista na Libia, que non é máis que unha nova consecuencia da crise estrutural e sistémica do capitalismo, que na súa fase terminal non dubidará en acometer actos tan brutais coma este só para manter o predominio da burguesía e o espolio dos recursos naturais que aínda non lle pertencen.

Denunciamos o Consello de Seguridade da ONU por dar o seu beneplácito a este ataque , deixando ben as claras o seu papel de órgano ao servizo das potencias imperialistas. Tamén denunciamos a abstención da mal chamada China Popular que co seu voto deixa clara, por se había algunha dúbida, a súa alianza co imperialismo e cos gobernos reaccionarios árabes.

Denunciamos o goberno do Estado español polo seu apoio e anuncio de participación nesta intervención, converténdose, de novo, nun desprezábel acólito do imperialismo.

Por último queremos manifestar que avogamos porque o proletariado, o resto de clases traballadoras e en xeral as clases populares libias emprendan libremente e sen inxerencias externas o camiño do Socialismo.

NON Á GUERRA IMPERIALISTA NA LIBIA!!!!

Adiante a rebelión da Clase Obreira!

10 DE MARZO, 8 DE MARZO, 140 ANIVERSARIO DA COMUNA
Nesta primavera de 2011 conmemórase o 140 aniversario da Comuna de París, a Primeira Revolución Proletaria na época daquel capitalismo novo e ascendente na Francia imperial do sobriño de Napoleón. Aquela primeira toma do poder político por parte dos traballadores e traballadoras parisienses foi esmagada a sangue e lume, con milleiros de fusilados, pola reacción burguesa de Versalles coa conivencia do Estado Maior da nova Alemaña de Bismarck. Pese a derrota, Marx tirou como ensinanza que o proletariado non podía limitarse simplemente a tomar posesión do Estado nas súas mans, senón que, fronte á ditadura do capital, o que cumpría facer era derrubalo e erguer un poder de novo tipo, obreiro, revolucionario e autenticamente democrático: a ditadura do proletariado.

Foro de Unidade Comunista Galega

De común acordo entre o colectivo marxista-leninista FORXA!, o Ateneu Proletario Galego, e o PCPG, nace unha nova iniciativa de foro de debate comunista de carácter unitario, aberto aos comunistas galegos e galegas, organizadas ou non, co fin de traballar en común polos intereses do Proletariado e polo Socialismo, tanto en Galiza como a nivel Internacional.

A aspiración e obxectivos fundamentais do FORO DE UNIDADE COMUNISTA GALEGA son contribuír á clarificación científica do proletariado, fronte á confusión e división actual que debilita á nosa clase e ao propio movemento comunista. Pulando tamén pola coordinación dos esforzos das e dos comunistas galegos, cara o fortalecemento dos movementos sociais e organizacións do proletariado no seo das súas loitas, e á construción da súa propia organización revolucionaria.

Combinarase o debate, a crítica e autocrítica colectiva encamiñada á clarificación ideolóxica, coa acción política no seno do movemento obreiro e popular.


Acordo de Unidade de Acción

 
Os e as comunistas galegos/as militantes das organizacións Partido Comunista do Pobo Galego P.C.P.G, Colectivos Comunistas de Galiza FORXA!! e Ateneu Proletário Galego facemos público o ACORDO DE UNIDADE DE ACCIÓN ao que temos chegado despois de encontros, intercambios e debates, que entendemos haberán de ampliarse para encetar un proceso de achegamento do conxunto dos partidos e organizacións marxistas-leninistas existentes na Galiza na perspectiva da reunificación do Movemento Comunista nos ámbitos nacional e mundial.
As tres organizacións constatamos que a actual crise capitalista, sistémica, xeral e estrutural, sinala a entrada do modo de produción capitalista na súa fase terminal, nunha longa etapa de depresión crónica, na que cos seus estertores agónicos, pretende facer retornar o proletariado e aos pobos do mundo á escravitude e pauperismo que padeceu na mocidade do sistema, ademais de entregar á guerra imperialista, o fascismo e a barbarie exterminadora e xenocida como medios para o mantemento da dominación de clase e a súa supervivencia como réxime social.
Fronte aos plans dos estados maiores do imperialismo, temos que erguer novamente as bandeiras vermellas coa fouce e o martelo do Movemento Comunista Internacional, verdadeiro Estado Maior do proletariado internacional, reconstruílo en todo o seu potencial, para que, armado coa teoría do Marxismo-Leninismo, cumpra a misión histórica pendente de rematar: a Revolución Socialista Proletaria. Hoxe, mais que nunca antes na Historia, o proletariado representa a clase mais numerosa das clases traballadoras explotadas do mundo, desde a China a Brasil, e os seus intereses son indiscutiblemente os do futuro de toda a humanidade oprimida.
Para iso as/os comunistas galegas/os precisamos de unidade, política, ideolóxica e organizativa, que acadaremos mediante o debate colectivo honesto e xeneroso, crítico e autocrítico, clarificador e resolutivo, que nos dote dos recursos teóricos imprescindibles para unha acción política inaprazable nestes tempos que nos toca vivir. Temos un deber para coa a nosa clase, que nos ven dado polo papel dirixente que sempre tivemos no movemento antiimperialista e revolucionario mundial e no noso propio país que non pode nin vai cumprir ninguén mais que nós, pois representan outros intereses de clase con posicións político ideolóxicas sen a determinación estratéxica necesaria para esta misión histórica.
Os/as comunistas Galegos de FORXA!!, Ateneu Proletário Galego e do PCPG decidimos pór en marcha e dar pasos no camiño sinalado, resolvendo coordinar a nosa actividade política militante e aportarmos as nosas análises ao debate aberto, plasmado en documentos como o GUIÓN PARA DEBATE, de FORXA!! e as TESES POLITICO-ORGANIZATIVAS do PCPG, emprazando as outras organizacións e persoas comunistas galegas a se sumaren á esta iniciativa de reorganización dos e das comunistas, para así podermos contribuir mellor desde a nosa sociedade nacional ao fortalecemento e avance da causa do proletariado mundial.
Como liñas xerais da nosa acción política marcámonos a intervención no movemento obreiro galego e nas centrais sindicais do noso país, co obxectivo de elevar o nivel de unidade pola base do proletariado galego fronte á traizón e o sectarismo, pulando pola súa combatividade e consciencia política e ideolóxica, cara a mudar as loitas por obxectivos económicos e sociais inmediatos en loitas globais polo obxectivo político da derrota dos gobernos capitalistas e do propio réxime monárquico, da súa ofensiva anti-obreira e anti-popular da entente imperialista europea, para tomar o poder político mediante a conquista da democracia popular, a independencia nacional e o socialismo.
Defendemos unha táctica de Unidade Popular na sociedade galega, na que o proletariado fragüe unha sólida alianza coas restantes clases traballadoras detrás da súa dirección, que lle permita ampliar os seus apoios en torno a un programa anticapitalista, antimonopolista e anti-imperialista, subtraendo e neutralizando potenciais apoios a alternativas populistas, reaccionarias e/ou abertamente fascistas.
Os e as comunistas galegos/as, que ao longo da nosa historia sempre erguemos as bandeiras da emancipación social e da liberación nacional do noso país, apostamos pola Independencia como solución á cuestión da opresión que sofre o noso pobo, como parte integrante dunha aposta renovada por unha  auténtica  Internacional Comunista, das Clases Obreiras dos Pobos do mundo, agrupadas con un programa para a Revolución Socialista Mundial, entendendo a autodeterminación como exercicio de plena soberanía e capacidade política constituínte por parte exclusiva do proletariado e pobo traballador galego como únicos suxeitos desta. A loita de clases na sociedade galega e a loita de clases mundial son o eixo da loita pola liberación nacional e social, sendo tamén o proxecto da construcción da nosa irrenunciable República Socialista Galega, como parte do Socialismo Mundial. Sobre estas bases e as que resulten do proceso en marcha marcaremos a nosa actuación política no curto prazo. Agardamos compartir este camiño con todos os comunistas que fan da teoría revolucionaria do marxismo-leninismo unha práctica real e consecuente. 

Desde Galiza,
POLA UNIDADE COMUNISTA E POR UNHA NOVA INTERNACIONAL!!
POLA REPÚBLICA SOCIALISTA GALEGA E POLA REVOLUCIÓN SOCIALISTA MUNDIAL!!
PROLETARIOS DE TÓDOLOS PAÍSES, UNÍDEVOS!!

Galiza, 15 de febreiro de 2011.
 
Partido Comunista do Pobo Galego (P.C.P.G.)
FORXA!! Colectivo marxista leninista
Ateneu Proletário Galego

Vencer a traizón coa unidade de clase



“Todo combate entraña a posibilidade abstracta da derrota e non hai outro medio
de diminuír esta posibilidade que preparando organizadamente o combate.”

Lenin. Que facer?

Desde a Transición, e concretamente desde o asinamento dos chamados Pactos da Moncloa, o sindicalismo representado por CCOO e UGT iniciou un camiño de colaboración de clase que dura até hoxe. A relación entre os distintos gobernos, os sindicatos e a patronal foi unha mostra desa colaboración. Na práctica, o capital usou e usa esta colaboración para implantar unha serie de medidas e políticas económicas que na grande maioría dos casos so serven para empeorar as condicións de vida do proletariado.

Contra a crise e a ofensiva do capital: unidade obreira, comunista e popular!!


A maior ofensiva da burguesía contra a clase obreira en décadas percorre Europa. Medran os índices de desemprego, aumentan os ataques contra servizos básicos como a sanidade e a educación, retíranse axudas sociais e os Estados dispóñense a adoptar medidas de austeridade consistentes en reducir o gasto público e que imporán a toda a sociedade o pago  de tributos en proveito dos monopolistas. Todos os signos dunha grande recesión van confirmándose a medida que o cataclismo ao que se ve sometido o capital, abocado a unha bancarrota tras outra, arrastra toda a sociedade cara ao caos e a anarquía.

Contra a reforma das pensións, o 27de xaneiro, tod@s á folga xeral!

Os ataques contra a clase obreira do goberno socialfascista do PSOE continúan sen que a contestación popular e o rexeitamento xeneralizado a unhas medidas impostas polo capital lles fixera retroceder nos seus plans, poñendo de manifesto a súa total ruptura con calquera defensa mínima dos intereses populares. A imposición a sangue e lume dunha serie de medidas, que so serven aos intereses dos grandes monopolios e da oligarquía financeira e que prexudican dende calquera punto de vista á clase obreira e ás clases populares, son os máis claros exemplos deste divorcio.

Todas as consecuencias desta crise a está a vivir a clase traballadora co agravamento das condicións laborais, coa conxelación de salarios (ou mesmo diminución dos mesmos), co aumento do paro e cos recortes nas políticas sociais que agravan inda máis a situación económica dun sen fin de persoas e de familias precipitándoas cara e a miseria e a pobreza absolutas. Seguen esixindo sacrificios ao conxunto das clases traballadoras mentres as fortunas dos ricos, dos grandes bancos, das multinacionais aumentaron case un 9% durante o 2010 e acumularon 2.748 millóns máis de patrimonio en bolsa que no 2009.

Agora tócalle ás pensións, aumentando a idade de xubilación dos 65 aos 67 anos seguindo fielmente as ordes e recomendacións do capital financeiro que o único que pretende e ir desmantelando unha a unha as conquistas sociais, as cales non foron regaladas senón conquistadas a través da loita. O factor demográfico e o índice de natalidade esgrimido polo goberno e a maioría das forzas políticas non é o factor determinante desta reforma, senón que esta medida responde ás políticas de aforro do goberno obsesionado coa redución do custo público.

Facemos un chamamento ao conxunto de traballadoras e traballadores, ao movemento popular, ás forzas revolucionarias e democráticas e ao conxunto do pobo galego a secundar a folga xeral convocada pola CIG o próximo 27 de xaneiro. Chamamos a reforzar o sindicalismo de clase como instrumento de loita e de organización imprescindibles nestes intres de ofensiva capitalista.

A unidade de toda a clase obreira é hoxe mais precisa e imprescindible ca nunca se queremos gañar a batalla contra aqueles que nos queren arrebatar os nosos dereitos. Sen unidade, os monopolios, a oligarquía e o capital financeiro, en definitiva a burguesía, seguirán mantendo os seus privilexios e aumentando os seus beneficios e continuarán coas políticas de recortes ate o total sometemento da clase obreira, incluíndo a eliminación de liberdades democráticas mínimas.

Adiante a folga xeral!!
Unid@s venceremos!!

Forxa!!
6 de xaneiro de 2011