O cinema como documento social

Sobre o feito de recoller a historia
A primeira achega que faremos sobre este mundo amplo que formula esta sección multimedia sitúase sobre o xénero documental. A partires desta forma alcanzamos o coñecemento da realidade que nos percorre. Consideramos este dispositivo narrativo coma un instrumento capaz de mesturar entretemento e crítica aludindo ó espectador, facéndoo partícipe dunha realidade determinada. Isto non se consegue mediante a obxectividade, quen considere esta como unha condición fundamental do documental está pensando de modo erróneo. A verdadeira esencia do documento é ser interpretado, e o documental analiza o mundo coma un suxeito axitado polos cambios e cada un destes pode chegar a rexistrarse coma un documento concreto.


Así mesmo a súa consideración xenérica pode ser unha frase mal feita, posto que moitas veces diante do que nos atopamos é cine documental e xa que logo somos conscientes de que este toma formas da cinematografía para facerse máis vivo. O que si non é discutible é a súa necesidade por traballar sobre a realidade, non coma un mero reflexo senón coma unha porta aberta á reflexión. Dentro da forma documental cabe destacar o documental social.


O documental social é capaz de reflectir os acontecementos históricos sen que estes queden como unha mera pegada, como unha cifra máis. Loita fronte a subxectividade que de modo sobrenatural prioriza a industria cinematográfica. Esta última non é a característica natural do audiovisual, non é máis que a materialización efectista e consumista de algo tan natural como é este campo. Non debemos esquecer que os inventores do cinematógrafo eran persoas interesadas por documentar algún fenómeno ou acción. Usaban a realidade a modo de experimento pero sempre cinguíndose ó que cámara rexistraba.


O exemplo práctico que hoxe imos deixar é un dos primeiros rexistros cinematográficos que se conservan. Este é a “Saída dos obreiros da fábrica en Lyon Monplaisir”, dirixida polos Irmáns Lumière, que dura 45 segundos e que amosa a preto de cen obreiros saíndo da fábrica de artigos fotográficos de Lyon-Montplaisir. O título explicita o contido desta breve peza onde se amosa á clase obreira da época deixando atrás os seus postos de traballo. Traballos mecanizados e monótonos que fan mella no comportamento destas xentes que deambulan a través do espazo que enmarca a cámara. Obreiros que curiosamente son na súa maior parte mulleres, condición que observamos bastante ben na centena de persoas que pasan diante do obxectivo da cámara. O que podemos ver é un ritual repetido até a extenuación que será unha excelente forma de rexistrar os ritmos da vida diaria daquel tempo. Tamén é un modo de contemplar á clase obreira conformada como grupo perfectamente diferenciado algo que sen dúbida se contemplará nos tempos dos que data o filme: 1895.


A primeira parte é a que se corresponde co fragmento comentado as outras correspóndense a fragmentos da mesma natureza pero rexistrados noutros anos onde vemos a evolución da filmación e porque non dicilo das actitudes da masa proletaria que cada vez procura con máis ansia a saída do traballo. Curiosos son os comentarios da locutora do vídeo sobre todo sobre o último onde valora o tamaño da empresa para dar pan a tanta xente, quizais deberiamos pensar máis nos bolos que estaría comendo o xerente da empresa mentres os obreiros se reparten as faragullas que estes non queren. Fora de xuízos prácticos pasemos ó visionado dos documentos.



E para non pensar que todo o cine primitivo era puro documento atopamos tamén as primeiras mostras de montaxe e humor gravado. Gags coma estes continúan a reproducirse nas filmacións actuais así que non debemos exercer desprezo polo antigo cando sabemos que gran parte do presente se basea neste rico patrimonio:




Toda esta explicación serviranos para ilustrar mellor os exemplos que poremos en sucesivas entradas. Coñecer a vontade do cinema é coñecer a esencia dos documentais e reportaxes actuais onde se preserva o verdadeiro sentido desta arte.