A realidade montada

Usos e verdades da imaxe editada
A montaxe é unha das fases do proceso de creación audiovisual máis importantes. A través desta conséguese dotar de sentido ó material bruto gravado. É o punto crucial onde se enfían todos os elementos do guión, fase esta tamén dominada polos principios da montaxe pero neste caso tendo como obxecto de edición as ideas.


As imaxes poden nacer a través de mil e unha motivacións, dende a función explicativa até a puramente ornamental e todas elas están relacionadas á súa vez con moitas outras imaxes, a montaxe nace entón para articular de mellor xeito posible a capacidade narrativa das mesmas.


Esta labor é un auténtico reto para a maior parte dos realizadores, realizadores que se empeñan en facer virguerías que deseñen unha plataforma de sentidos que cada filme desenvolve. Pero o debate en realidade non está nin moito menos na capacidade estética dos planos. Dous destes planos poden encaixar perfectamente sen que teñan correspondencia necesaria coa realidade. Ó plano dun rapaz mirando por unha ventá non lle ten porque seguir necesariamente o plano do que está vendo senón que calquera exterior podería ser válido con só que este se adaptara a condicións básicas do entorno no que transcorre a historia. Se isto é posible, e diriamos que cada vez é máis necesario, debemos estar atentos diante do que vemos. Este uso da linguaxe audiovisual é de todo lícito xa que a verdade é que a aparencia do real é tan válida como a realidade en si mesma. Sobre este tema non existiría maior complicación se só o tratásemos en clave de ficción, o problema ven cando a montaxe se aplica ó campo informativo ou obxectivo.


Para entender mellor o que vamos tratar hai que ser conscientes de que a montaxe non consiste única e exclusivamente na correlación de planos, a montaxe tamén relaciona elementos de diferente natureza como o son e a propia imaxe. As imaxes están delimitadas polo valor que as palabras lles outorgan. Unha voz superposta pode modificar por completo o significado dunha toma. Pénsese no vídeo dunha manifestación onde a acción que relate a voz do locutor se centre única e exclusivamente en incidentes illados e resuma todo que vemos en pantalla á queima de contedores ou á rotura de cristais. Neste caso estamos a asistir a unha montaxe totalmente confusa. Pola contra se collemos estas mesmas imaxes e as contextualizamos explicando a demanda sobre a que discorre a manifestación, situando ós protagonistas e ós antagonistas do conflito estaremos na disposición de dicir que se produciron uns ou outros incidentes, incidentes de ambos bandos e en clave descritiva, verdadeira natureza destas imaxes.


Este é un exemplo diario, vivido en todas as canles onde as mensaxes nacen e se modifican baixo unha forma realista pero saltándose totalmente os índices da lóxica. Isto ven a ser unha chamada de alerta para todos, para que sexamos nós mesmos quen nos impoñamos unhas medidas á hora de entender a montaxe e en definitiva a lóxica narrativa dos acontecementos.


Somos conscientes de que cada peza audiovisual non é máis que un pequenísimo extracto dunha idea. Retomando o exemplo anterior para concluír. Unha manifestación en cuestión non é máis que unha das realizacións físicas dunha idea. Detrás desta hai asembleas, debates, conflitos, sentimentos… Así que a vista da militancia na rúa é unha mínima parte de todo o proceso.


Con todo isto queremos retocar o sentido do cinema con respecto á realidade. Un filme será verdade sempre que respecte a esta. Non ten necesidade de ser a súa substituta senón que ten que axudar a comprendela.


Alén de tanto texto vale máis deixar un exemplo práctico de cómo a manipulación na montaxe pode provocar atracos á liberdade de expresión que aquí vemos explicados. O fragmento correspóndese ó filme: “La revolución non será televisada” documental dirixido por Kim Bartley e Donnacha O’Brian onde se narra de primeira man o que sucedeu durante o Golpe de estado acaecido en Venezuela o 11 de abril de 2002. Golpe executado contra o goberno legalmente electo e constituído de Hugo Chavez. Este filme serve para demostrar as múltiples relacións que a cámara pode establecer coa realidade, un filme tremendamente recomendable para entender máis sobre como funcionan a lóxica narrativa actual:


Poñede especial atención ó que pasa despois do MIN.3
O filme enteiro está á vosa disposición en Youtube: