Discurso do representante do KKE no Encontro Internacional


XIIº Encontro Internacional dos Partidos Comunistas e Obreiros
Do 3 ao 5 de decembro de 2010
Xohanesburgo (Suráfrica)


Discurso de G. Marinos, do Comité Central do Partido Comunista de Grecia



Queremos agradecer o Partido Comunista de Suráfrica a celebración do Encontro Internacional e a hospitalidade que nos ofrece.

Estendemos un saúdo militante aos e ás comunistas de África, aos movementos antiimperialistas, aos pobos destes continente que experimentan a barbarie capitalista. Saudamos a celebración do Encontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros que se celebra por vez primeira no continente africano.

Damos a benvida ás delegacións dos partidos obreiros e comunistas e agradecemos a súa solidariedade coa loita do KKE, da PAME e da clase obreira do noso país.

Os acontecementos elevaron o nivel de esixencia e os procedementos do Encontro Internacional de Partidos Comunistas deben estar imbuídos da grande responsabilidade dos comunistas diante da clase obreira, os pobos que experimentan o brutal ataque do capital e dos seus representantes políticos; un ataque que en condicións de crise capitalista se fai aínda máis intensa e perigoso.

Non somos calquera tipo de partido, somos Partidos Comunistas e temos unha misión concreta. Temos de organizar a loita da clase obreira, a loita de clases polo derrocamento do sistema explotador en cada país e a construción da nova sociedade, a sociedade socialista-comunista.

Por tanto, temos a obriga de elaborarmos a experiencia da loita de maneira colectiva e a utilizarmos para dar un paso adiante canto á estratexia e a táctica do movemento comunista, para que corresponda coas necesidades da loita de clases.


A crise capitalista continúa e agrávase. Malia a contribución dos estados burgueses e das organizacións imperialistas ás empresas monopolistas con miles de millóns de dólares, as contradicións do sistema non se conteñen.

Aínda se mantén a recesión de 2009 e seguirá en moitos estados capitalistas durante 2011. As estimacións de que a recuperación será anémica e que se crearán condicións para unha nova crise, esíxennos novas tarefas.

O desemprego superou calquera precedente.

Nos estados membros da Unión Europea, os desempregados superan os 23 millóns, sen incluír os traballadores de emprego temporal ou parcial que son unha forza numerosa.

Xa que logo, é cada vez máis necesario que os comunistas teñan unha percepción común sobre as causas da crise. Sobre este tema crucial que ten a ver coa dirección e a perspectiva da loita de clases desenvólvese un duro conflito ideolóxico.

As forzas burguesas que defenden o capitalismo atribúen a causa da crise a políticas de xestións, á falla de control do sistema financeiro, ao malgasto do estado burgués e á falla de transparencia na execución da política económica.

As forzas da socialdemocracia e do oportunismo móvense nesta liña de xestión limitándose a criticar o neoliberalismo mentres procuran unha saída a través do desenvolvemento do propio sistema, a regularización do mercado, fomentando o mito do capitalismo 'de rostro humano' para enganaren os pobos.

Por desgraza, estas ou semellantes posicións afectan as fileiras do movemento comunista e causan un gran dano.

De feito, desprazan as causas das relacións de produción explotadores, das leis e as contradicións do capitalismo ao terreo da política de xestión burguesa e das diferentes 'mesturas'.

A análise marxista-leninista conduce a unha conclusión firme que sinala que as causas da crise están no cerne do sistema, nas condicións da produción capitalista, na anarquía, no desenvolvemento desigual, na intensificación da contradición fundamental, a contradición entre o carácter social da produción e do traballo por unha parte, e a apropiación capitalista privada por outra parte, xa que os medios de produción son propiedade dos capitalistas.

O curso da crise demostra que se trata dunha crise de sobre-acumulación de capitais por mor da explotación da forza de traballo no período anterior, en condicións de crecemento da economía capitalista.

Tamén é así a situación en Grecia.

A desaceleración económica de 2008 intensificouse en 2009, coa recesión da economía e a redución do Produto Interior Bruto (PIB) nun 2% e continuou en 2010 cunha redución adicional do 4% e seguirá en 2011.

Trátase dunha diminución da produción industrial (manufactura, enerxía, transportes, telecomunicacións) e doutros sectores da economía, como o turismo e o comercio, que, en combinación co política antipopular dos gobernos socialdemócratas e neoliberais, provoca o aumento do desemprego e o deterioro xeral da situación da clase obreira, do pequeno e mediano campesiñado, dos pequenos autónomos, artesáns e comerciantes.

O goberno liberal da ND até outubro de 2009, e a continuación o goberno socialdemócrata do PASOK, xunto co apoio do partido racista reaccionario LAOS, tomaron duras medidas en nome do déficit e da débeda pública que se moven en taxas altas do PIB.

O goberno socialdemócrata asinou un pacto, un memorando coa Unión Europea, o Banco Central Europeo e o Fondo Monetario Internacional, a famosa 'troika', para lograr un préstamo de 110 millóns de euros para as necesidades dos capitalistas.

O memorando inclúe reducións de salarios e pensións, abolición dos contratos sectoriais, derrocamento dos dereitos laborais e de seguridade, privatizacións, cambios reaccionarios na Saúde, o Benestar e a Educación.

Esta situación desencadeou o descontento do pobo e moitas manifestacións multitudinarias tiveron lugar, coa decisiva contribución do KKE e da PAME, o movemento sindical de clase.

Desde decembro de 2009 até hoxe, tiveron lugar13 folgas xerais a nivel nacional, decenas de ocupacións de ministerios e outros edificios estatais e loitas sectoriais coa participación de centos de miles de traballadores.

A mensaxe que mandou o KKE desde a Acrópole, 'Pobos de Europa, en pé', tivo unha especial importancia.

Da rica experiencia deste período podemos tirar valiosas conclusións.

En primeiro lugar, as medidas antipopulares non son produto deste período. Trátase de medidas decididas pola UE e outras organizacións imperialistas internacionais, coa participación de gobernos burgueses gregos e outros nos anos anteriores, no marco das reestruturacións capitalistas para reducir o prezo da forza de traballo, reforzar a competitividade e aumentar a rendibilidade das grandes empresas.

Demostrouse o perigosa que é a opinión de que a UE, unha unión transnacional imperialista, podería presuntamente impedir a manifestación da crise capitalista. Demostrouse ademais que a crise non ten nada a ver con algunha situación especial en Grecia. Os acontecementos en Irlanda e Portugal demostran que a manifestación da crise é de carácter máis xeral.

As medidas impostas en condicións de crise non son de carácter temporal senón permanente, e irán reforzándose conforme ás necesidades do capital a non ser que aumente a resistencia.

A conclusión é innegábel.

Mentres o poder e os medios de produción estean nas mans dos capitalistas, o desenvolvemento reformará o papel e aumentarán as ganancias do capital.

Tanto con política fiscal expansiva como restritiva, con ampliación ou renegociación da débeda, as contradicións intensificaranse e os pobos terán de pagar o prezo da crise.

En segundo lugar, malia o goberno socialdemócrata do PASOK ter a principal responsabilidade destas medidas, o partido liberal da ND e os demais partidos burgueses están de acordo coa súa esencia.

As forzas do oportunismo (SYN/SYRIZA, etc.) sementan confusión, xustifican a UE, esta organización imperialista transnacional, e concentran a súa crítica no papel do FMI.

Tamén é importante subliñarmos que nestas circunstancias, a loita dos pobos encabezada polos comunistas ten de deixar claro que os paquetes de medidas antiobreiras da UE e do FMI non se impoñen desde arriba á burguesía de cada país contra a súa vontade e intereses. Todo o contrario, trátase de medidas que contan co total apoio do gran capital local, principalmente porque garanten a perpetuación da rendibilidade en condicións de crise e no período da recuperación. Ademais, a súa implantación non constitúe un novo tipo de ocupación, como defenden certas forzas, exonerando á burguesía nacional e o seu goberno.

O sindicalismo amarelo que controla a administración das dúas Confederacións Xerais no sector público e privado, e ten maioría nun grande número de sindicatos, ten responsabilidades criminais xa que emprega o aparello estatal e a intervención dos empresarios. Estas forzas levan anos apoiando a 'vía de sentido único da UE', a estratexia do capital e implantan a liña da colaboración de clases.

En terceiro lugar, o KKE e o movemento de orientación de clase son unha forza consecuente ao lado dos traballadores, a organizar a loita malia as dificultades e a ofensiva anticomunista.

O KKE informou e preparou a tempo aos traballadores para a crise e a ofensiva antiobreira, antipopular. Aclarou que os traballadores non son responsábeis da crise, o déficit e a débeda; que a responsabilidade é das forzas do capital e a política ao servizo dos seus intereses. Esta tese política expresouse a través da consigna 'a crise que a pague a plutocracia'.

O KKE e a PAME xogan un papel protagonista na loita diaria, enfróntanse á UE imperialista, aos partidos burgueses e oportunistas así como ás forzas reformistas subordinadas no movemento sindical.

O KKE e a PAME centran a súa atención na unidade da clase obreira e a alianza social, na agrupación de forzas obreiras e populares nunha liña de loita e demandas contra a vía de desenvolvemento capitalista, e oriéntanse cara a vía do desenvolvemento que ten como criterio a satisfacción das necesidades populares contemporáneas, o poder e a economía populares, o socialismo.

Un elemento moi importante é a coordinación da loita entre a PAME e as agrupacións militantes de pequenos campesiños, dos pequenos artesáns, comerciantes e autónomos, o movemento militante de mulleres, o movemento militante dos estudantes na base dunha fronte de loita común que contribúa para a mobilización de amplas forzas populares e o estabelecemento da alianza social.

Esta loita combinada ideolóxica, política e de masas contribuíu ao aumento do prestixio e da influencia do KKE, da PAME e das demais agrupacións militantes. Isto demostrouse na batalla electoral última polos órganos da administración local e rexional, na que as listas da 'Agrupación Popular', apoiadas polo KKE, lograron un significativo aumento.

Para o noso Partido, a fonte da nosa forza son as teses programáticas que foron enriquecidas no XVIIIº Congreso, coa resolución sobre a 'Avaliación e conclusións sobre a construción socialista no século XX'.

Para o noso Partido, a fonte da nosa forza é a fe na loita de clases, o compromiso coa revolución socialista polo derrocamento do capitalismo e a construción do socialismo.

Esta loita determina o traballo ideolóxico e político, a política de organización do Partido, o traballo coa clase obreira e a mocidade.

A práctica demostra que a liña de loita revolucionaria do KKE non limita o traballo de masas, refórzao. Esta liña fortalece as esixencias dos traballadores, amosa a saída e a perspectiva e contribúe ao cambio da correlación de forzas.

Cómpre confirmarmos e fortalecermos os nosos principios, xa que isto nos dará forzas para confrontarmos a crise do movemento comunista.

A experiencia ensínanos que a loita revolucionaria require a confrontación co oportunismo que expresa a influencia da ideoloxía burguesa no movemento obreiro. O oportunismo funciona como instrumento dos sistema, como obstáculo á radicalización das forzas populares e portador da submisión e o compromiso, como demostrou o curso do eurocomunismo e as súas expresións nos seguintes anos.

O oportunismo porta numerosas máscaras.

Por iso, cómpre termos criterio estrito para comprobarmos que se agocha cada vez tras o concepto da 'esquerda' e dos chamados partidos e movementos de esquerdas.

A práctica demostra que a estratexia e a táctica dunha serie de forzas denominadas 'de esquerda' xorden como obstáculos á loita antiimperialista, antimonopolista.

Opoñémonos ao Partido da Esquerda Europea (PEE), en que o Die Linke de Alemaña ten un papel protagonista, porque defende a UE imperialista, e depende dela. Promove unha estratexia socialdemócrata de xestión que ofrece apoio ao capitalismo e, ademais, participa na campaña de calumnias contra a URSS e o socialismo construído no século XX, partindo de posicións anticomunistas sen base científica. Así crea confusións nos traballadores e obstaculiza o desenvolvemento dunha consciencia política de clase.

Outro tanto acontece con outros partidos semellantes ademais do PEE, como o coñecido Partido da Esquerda de Suecia, que a través da fundación 'Foro Internacional de Esquerda' (FIE) intervén de maneira disolvente para promover a 'socialdemocratización' dos Partidos Comunistas.

O KKE opina que debemos fortalecer o conflito ideolóxico e político e revelar o papel destas forzas, tendo en conta que, xunto co mecanismo da Internacional Socialista e en combinación cos mecanismos estatais e estruturas transnacionais, interveñen de maneira disolvente nas fileiras do movemento comunista, funcionando como factor de perpetuación da crise.

Igual de perigosas son as teses sobre o chamado 'socialismo do século XX', promovidas sobre todo por forzas pequenoburguesas en América Latina, en contraposición co socialismo científico.

Trátase dunha construción oportunista que distorsiona os principios e as leis que rexen o socialismo-comunismo, impide o desenvolvemento da loita de clases e crea confusións na clase obreira.

A necesidade da revolución socialista, do derrocamento do capitalismo e da construción da nova formación socioeconómica comunista non se determina pola correlación de forzas nun ou noutro momento histórico, senón pola necesidade histórica de resolución da contradición fundamental entre o capital e o traballo, a abolición da explotación do home polo home, a abolición das clases.

Por iso, o derrocamento amargo do socialismo na Unión Soviética e os demais países socialistas, os cambios contrarrevolucionarios en xeral provocados pola erosión oportunista, non cambian o carácter da nosa época, como época de transición do capitalismo ao socialismo.

A primeira tarefa consisten en que a clase obreira tome nas súas mans o poder estatal para formar, coa actividade consciente da vangarda, da clase obreira e o seu partido, a nova base socioeconómica que require que os medios concentrados de producións pasen a ser propiedade social baixo a planificación central da economía.

Para a abolición absoluta das clases hai que derrocar os explotadores e abolir a súa propiedade e toda propiedade privada dos medios de produción.

Esta dirección leninista ten suma importancia na loita dos comunistas, a nos protexer de erros e desviacións.

A substitución dos principios do marxismo-leninismo por aproximacións revisionistas en nome da especificidade nacional danaron e seguen danando o movemento comunista.

Estamos a falar de asuntos estratéxicos, da dirección central da nosa loita e ningunha especificidade nacional pode invalidar a necesidade do derrocamento revolucionario do capitalismo, a necesidade do poder obreiro, da socialización dos medios de produción e da
planificación central.

Ningunha especificidade nacional pode xustificar a tese dun 'socialismo con mercado capitalista'. Unha cousa é a retirada temporal obrigatoria baixo condicións adversas (como a NEP en tempos de Lenin) e outra cousa é a aceptación das leis e as categorías capitalistas como instrumentos para a construción socialista, tal como acontece actualmente na China.

A formación comunista ten as súas leis. Nunha houbo nin haberá un socialismo con relacións de produción capitalistas.

A eficacia da loita de clases será reforzada na medida que se fortaleza a fronte contra o imperialismo e as organizacións imperialistas, na medida que se intensifique a confrontación coa teoría do chamado 'mundo multipolar' que agochar a esencia do imperialismo que é o capitalismo monopolista.

Unha cousa é utilizar as contradicións imperialistas para a promoción da loita antiimperialista, e outra cousa é idealizar a postura de vellos ou novos estados ou unións, emerxentes ou non (por exemplo, a UE, a Organización do Tratado de Seguridade Colectiva, a Organización de Cooperación de Shangai, etc.) opostos, por exemplo, aos grupos monopolistas norteamericanos, na súa loita por lograr maior parte do mercado.

Isto non só ten relación coa Unión Europea e Xapón. Abrangue tamén Brasil, a India, Rusia, así como China, onde predominan as relacións de produción capitalistas; os grupos capitalistas monopolistas expándense en todos os continentes, promovendo a nivel político relacións de cooperación estratéxica coa Internacional Socialista que é a punta de lanza da ofensiva do capital.

A oposición ás relacións desiguais que caracterizan o sistema capitalista, a oposición á forte presenza do capital multinacional en certos estados debe adquirir un contido máis antiimperialista, antimonopolista, debe confrontar as posicións que promoven a alianza con sectores do capital nacional e coas forzas políticas que serven os seus intereses.

O traballo ideolóxico, político e organizativo independente dos Partidos Comunistas, así como a política de alianzas que corresponde a unha forza revolucionaria son principios fundamentais que cando se violan levan á alteración das características comunistas e a situacións dexenerativas.

Temos moito traballo por diante e tarefas moi complicadas. Fai falla coordinar a acción e insistir na realización dos obxectivos estabelecidos polos encontros internacionais dos Partidos Comunistas e Obreiros.

En primeiro lugar, dáse por sentado que a crise capitalista continuará e, xa que logo, temos a tarefa de organizar a loita obreiro-popular en cada país para impedirmos as medidas antipopulares, agruparmos máis amplas forzas populares en torno de obxectivos antimonopolísticos, darmos pasos no desenvolvemento das relacións dos Partidos Comunistas coa clase obreira, os sectores populares, a mocidade, reforzarmos a organización nos centros de traballo, gañarmos novos sindicatos coa liña de orientación de clase, construírmos organizacións do partido nas fábricas e, en xeral, nos centros de traballo e organizacións fortes das Mocidades Comunistas.

O KKE sempre aplica con consecuencia as decisións e comunicados conxuntos dos encontros internacionais, toma iniciativas para a organización de encontros rexionais e temáticos, insiste na acción común dos Partidos Comunistas de Europa e dos Balcáns, onde a crise ideolóxica e política, como a fragmentación organizativa, trouxeron un grande retroceso.

Seguiremos este camiño traballando asemade para fortalecermos a iniciativa das revistas teóricas de partidos irmáns, de partidos marxista-leninistas cos que publicamos a 'Revista Comunista Internacional'. Nós, como partido, insistimos no estabelecemento dun polo marxista-leninista distintivo que contribúa para a confrontación da crise do Movemento Comunista.

En segundo lugar, a intensificación dos antagonismo interimperialistas e as dificultades do sistema capitalista de facer fronte á crise fortalecen a agresividade imperialistas e aumentan o risco dun novo ciclo de conflitos rexionais en Asia, no Medio Oriente, en África, na península de Corea, no Cáucaso, nos Balcáns e noutros lugares.

Estes riscos intensifícanse se temos en conta a nova estratexia da OTAN, deste instrumento imperialista perigoso, que prevé intervencións e guerras utilizando varios pretextos como o 'terrorismo', o 'extremismo', os 'cambios climáticos' e os 'fluxos migratorios'.

As condicións e a correlacións de forzas mudaron, e isto vese nas relacións internacionais e nas organizacións internacionais como a ONU. Actualmente non existe o dereito internacional que se desenvolveu a través do conflito entre o Socialismo e o Capitalismo. Foi substituído polo dereito que serve os intereses imperialistas, por esta razón, a discusión sobre a 'nova arquitectura' e a 'democratización das relacións internacionais' está no aire.

Diante desta situación, os comunistas deben xogar un papel protagonista, informar os pobos e desenvolver a loita antiimperialista para construíren unha fronte forte contra os gobernos burgueses que participan nos plans imperialistas, para fortaleceren o movemento que esixe o retiro da OTAN e a eliminación das bases militares en todos os países e a retirada dos exércitos de ocupación de Afganistán e Iraq.

Cómpre expresarmos a máis grande solidariedade internacionalista posíbel cos estados e pobos ameazados polo imperialismo e para que non se instale o chamado 'escudo antimísiles' dos EUA e da OTAN.

Hai que fortalecer o apoio á Cuba socialista, así como a loita do pobo palestinos e dos pobos do Medio Oriente que resisten e non se subordinan aos plans dos EUA e de Israel.

Hai que esixir unha solución xusta ao problema chipriota e a retirada das forzas de ocupación. O problema chipriota é, en primeiro lugar, un problema INTERNACIONAL de invasión e ocupación do 37% do territorio dun estado independente membro da ONU polo exército turco coa axuda activa dos EUA e da OTAN.

En terceiro lugar, continúa e intensifícase o Anticomunismo, sobre todo a través da equiparación sen base histórica do comunismo coas atrocidades fascistas e nazis. O Consello de Europa, a UE e as demais organizacións imperialistas promoven medidas severas para limitaren as actividades dos Partidos Comunistas e estrangulalos economicamente. Promóvense neste sentido cambios reaccionarios nos sistemas políticos e a clase burguesa crea novos mecanismos de represión para se protexer.

Ademais, cómpre sinalarmos que algúns Partidos Comunistas continúan na clandestinidade e militantes comunistas son perseguidos en estados de Europa Oriental e Central, en Asia, África e outras rexións. Baixo o pretexto da loita contra o 'terrorismo' apuntan contra os partidos comunistas, os movementos revolucionarios e antiimperialistas en América Latina, como as FARC-EP, e criminalizan as formas que elixen os pobos para resistiren e loitaren.

Temos a grande responsabilidade e obriga de esixirmos de maneira coordinada a legalización dos Partidos Comunistas e das forzas antiimperialistas defendendo a historia do movemento comunista, a grande contribución da Unión Soviética, do socialismo construído no século XX.

En cuarto lugar, as condicións esixen que prestemos máis apoio ás organizacións antiimperialistas internacionais, que axudemos o fortalecemento da Federacións Sindical Mundial que está a dar pasos importantes e celebrará o seu XVI Congreso en abril de 2011 en Atenas.

Hai que contribuír ao fortalecemento do Consello Mundial pola Paz, da Federación Mundial da Mocidade Democrática que dentro de pouco celebra o XVII Festival Mundial da Mocidade e os Estudantes, da Federación Democrática Internacional das Mulleres, reforzando o seu carácter antiimperialista.