Grecia. Eleccións municipais e rexionais: Significativo medre do KKE


  • A nivel nacional o KKE achegouse ao 11%
  • O KKE foi o único partido que medrou en porcentaxe de votos (3,3%) e en votos reais (75.000) en relación ás pasadas eleccións (2009)

O 7 de novembro levouse a cabo a primeira rolda das eleccións rexionais e municipais, eleccións que tiveron lugar após as reformas administrativas que fusionaron 1.300 concellos en 325 e 52 condados en 13 rexións. Este foi o resultado da fusión dos órganos de goberno local forzada polo Plan 'Kallikratis', aprobado pola maioría socialdemócrata no parlamento, que, ademais da fusión dos concellos en unidades máis grandes e a substitución das prefecturas por rexións, dará lugar a novas e profundas medidas antipopulares.

O KKE tomou parte nas eleccións nas listas da 'Agrupación Popular', xa que en Grecia a participación directa dos partidos nas eleccións locais está prohibida. 'Agrupación Popular' participou nas 13 rexións do noso país e en 260 concellos que abranguen os principais centros urbanos e a maioría do país. Miles de persoas participaron como candidatas nas listas da 'Agrupación Popular' encabezadas por destacados cadros do KKE, da Fronte Militante de Todos os Traballadores (PAME), da Fronte Militante de Todos os Campesiños (PASY), da Fronte Antimonopolista Grega de Autónomos e Pequenos Comerciantes (PASEVE), da Fronte Militante de Estudantes (MAS), da Federación de Mulleres de Grecia (OGE), do Comité Grego pola Distensión Internacional e a Paz, etc.


As eleccións tiveron un marcado carácter político, a termos en conta que no período anterior tiveron lugar grandes cambios e duras loitas de clases contra as medidas antipopulares impostas ao pobo polo goberno socialdemócrata do PASOK xunto coa UE e o FMI. Estas loita, nas que o KKE desempeñou un papel protagonista, foron dirixidas pola PAME, o movemento obreiro-sindical de clase.

Cómpre sinalarmos que hai tan só un ano, nas eleccións parlamentares, o KKE conseguiu 517.154 votos, unha porcentaxe do 7,54%, mentres que hai 4 anos, nas locais de 2006, o resultado total das súas listas nas 52 prefecturas foi de 479.812 votos e un 7,22%.

Isto sinala que o KKE ten:

Un medre do 3,3% (+75.000 votos) en comparación coas eleccións parlamentares de 2009.
Un medre do 3,6% (110.000 votos) en comparación coas eleccións locais de 2006.

O KKE ten 40 concelleiros rexionais e máis de 500 nos consellos municipais. En dous concellos (Icaria e Petroupole) os candidatos do KKE conseguiron pasar á segunda rolda das eleccións. Ademais, nalgúns concellos (por exemplo en Ilion ou Korydallos) os candidatos apoiados polo KKE ocuparon a segunda posición mais sen pasaren á segunda rolda por conseguir o primeiro máis do 50%.

O Comité Central do KKE reuniuse o 8 de novembro de 2010 para discutir sobre 'A primeira avaliación dos resultados da primeira rolda das eleccións para os órganos estatais locais nas rexións e nos concellos'. O Comité Central revisará estas primeiras conclusións despois da segunda rolda. Levaranse a cabo debates na organización do Partido, nas organizacións da KNE, cos simpatizantes, os amigos, os aliados, o máis amplamente posíbel para elaborar as avaliacións finais.

1. Canto ao fortalecemento do KKE

    Como se menciona no comunicado do CC do KKE:

    «Os resultados da primeira rolda amosan que as listas da 'Agrupación Popular', apoiadas a nivel nacional polo KKE, constitúen unha forza ascendente que obtivo miles de novos votos, e demostra que o Partido é a única forza que incrementa o seus votos e porcentaxes. Cos datos que temos, en comparación cos resultados da eleccións parlamentares de 2009, houbo un medre de 75.000 votos. Unha porcentaxe próxima ao 11%, cun incremento do 3,3%. O CC opina que, independentemente dos votos, o número de persoas que avalían positivamente as análises e as posicións do KKE, que están interesados en coñecer a proposta política alternativa e recoñecen o papel político militante e a contribución do Partido, aumentou.»

    Ao mesmo tempo, o CC do KKE «agradece e saúda a todos os que votaron por vez primeira polas listas que apoiou o KKE, que resistiron as intimidacións, as chantaxes e a formación de numerosas listas 'independentes' apoiadas pola clase gobernante. Este importante incremento de votos dános novas responsabilidades e obrigas. Entendemos que medran as esixencias para respondermos á necesidade de agrupación obreira e popular e de loita, para que se exprese o descontento e a vontade de loita de amplas masas populares que aprecian o noso papel e contribución mentres manteñen as súas propias opinións.»

    O CC do KKE considera que «o aumento da forza do KKE nas eleccións locais inclúe un certo dinamismo e marca un novo rumbo na agrupación de amplas forzas populares en contra da política que durante máis de 20 anos conduciu ao deterioro da vida do pobo, contribuíu á intensificación da crise e á sinatura dun brutal memorando que durará, non só durante a crise, senón tamén durante a fase de recuperación, fase que cando chegue será anémica e precederá a novas vagas de crises. Estase a fortalecer a corrente de agrupación antimonopolística e antiimperialista, e vai gañando terreo a proposta alternativa de saída da crise polo poder e a economía populares».



    2. As demais forzas políticas

      O feito de que ningunha outra forza política aumentase os seus votos e porcentaxes, agás o KKE, é algo politicamente importante.

      • Por tanto, a influencia electoral do partido gobernante, o socialdemócrata PASOK, pasou dun 43% nas eleccións de 2009 a un 34,67% (unha caída dun 10% aproximadamente e a perda de máis de un millón de votos).
      • A oposición conservadora da ND acadou o 32,82% (aproximadamente 1% menos en relación coa súa porcentaxe nas eleccións do ano pasado e unha perda de medio millóns de votos).
      • A corrente oportunista (SYN/SYRIZA), que está a pasar unha crise ideolóxico-política e durante o período anterior puxo de manifesto a súa falla de fiabilidade colaborando en varios concellos cos socialdemócratas do PASOK e apoiando decisións do goberno do PASOK, obtivo o 4,5%, nas eleccións do pasado ano obtivera o 4,6%, e perdeu aproximadamente 50.000 votos.
      • O partido nacionalista e anticomunista LAOS obtivo o 4% dos votos (case 1,5% menos que nas eleccións de 2009 e 150.000 votos menos). Cómpre sinalarmos que en 3 rexións este partido non presentou lista propia e apoiou as listas da ND e nunha rexión a lista do PASOK.
      • Os 'ecoloxistas' recibiron o 2,9% dos votos e un lixeiro aumento en comparación coas eleccións de 2009; no entanto, perderon 20.000 votos.

      Como sinalou o CC do KKE no seu comunicado: «O PASOK sufriu unha significativa redución dos seus apoios mentres que a ND non conseguiu convencer o pobo grego de que constitúe unha forza de oposición, malia se presentar como contraria ao Memorando» (...) Ademais, o CC do KKE «chama a todos os que querían expresar a súa oposición votando por outras listas aparte do PASOK e da ND a pensar que este voto non ofrece unha saída política xa que a propaganda destes partidos da oposición non afecta á base da súa estratexia senón a certos aspectos e tácticas. A contradición real na economía e na sociedade en xeral, é a contradición entre os monopolios e os intereses do capital por un lado e os traballadores por outro».



      3. Características cualitativas importantes dos resultados

        É interesante o importante apoio que recibiu o KKE en xeral e sobre todo nos grandes centros urbanos onde a clase obreira de Grecia reside e traballa. Este é un elemento especialmente importante para o KKE, partido da clase obreira.

        Así, os grandes concellos onde residen traballadores e sectores populares, o KKE logrou grandes porcentaxes e aumentos. É de particular importancia a influencia electoral significativa do KKE na rexión de Ática (do 10,2% ao 14,4%), que inclúe a capital, Atenas, o maior porto do país, O Pireo, así como zonas industriais próximas á capital. Hoxe, na rexión de Ática residen e traballan 4 millóns de persoas. Ademais, en 67 concellos do país (dos 260 onde participou a 'Agrupación Popular') o KKE recibiu máis do 11% dos votos.

        O CC do KKE menciona no seu comunicado que: «O aumento de votos e porcentaxe do KKE contén elementos cualitativos importantes xa que nos grandes centros urbanos e nas grandes rexións o aumento foi maior que na media do país. O elemento básico deste aumento obsérvase nos barrios populares obreiros onde os pequenos comerciantes e os campesiños teñen graves problemas, quere dicir, nas zonas onde hai condicións para a creación e o estabelecemento da fronte socio-política de alianza da clase obreira cos autónomos e os pequenos e medianos campesiños».



        4. O fenómeno da abstención

          É importante subliñarmos que Grecia, a diferenza doutros países europeos, durante as últimas décadas tivo unha alta participación nas eleccións. Porén, nesta batalla electoral a participación dos votantes achegouse ao 61% (cando nas eleccións de 2009 foi do 71%). Hai que ter en conta que os censos electorais non se actualizaron e hai estimacións de que entre un 15 e un 20% dos votantes morreron e ninguén os borrou dos censos.

          A abstención que aumentou en comparación coas eleccións nacional de 2009 deu lugar a diferentes análises e interpretacións políticas. Neste sentido «O CC considera que grande parte da abstención, sobre todo na rexión de Ática e no concello do Pireo, reflicte a indignación e a condena da política tanto do PASOK como da ND, tendo un maior carácter político que nas eleccións ao parlamento europeo. Reflicte os procesos positivos que aínda están en marcha, cara á emancipación do pobo dos partidos burgueses e da lóxica da xestión da crise do sistema.

          «A abstención reflicte tamén en boa medida a condena e a aversión contra as intimidacións e chantaxes do goberno durante o último período.

          «O CC considera que unha parte da abstención, especialmente das masas populares que non participaron nas loitas e a mocidade, é o resultado do impacto da propaganda sistemática e das calumnias á loita organizada, á loita de clases, da propagación con diferentes medios do individualismo e da busca de solucións individuais aos graves problemas.

          «O KKE vai facer todo o posíbel para que o pobo entenda que a abstención non exerce ningunha presión contra a política antiobreira e antipopular. Todo o contrario. A abstención reduce as posibilidades que existen hoxe para que se dean rápidos pasos cara ao cambio na correlación de forzas. O KKE chama os traballadores a tomar parte na loita contra os monopolios, contra o imperialismo e unir forzas co KKE, a agruparse no contraataque, na ruptura e no derrocamento. Ademais, o pobo debe entender que o apoio dos demais partidos da oposición non contribúe ao fortalecemento da fronte popular radical que loita contra a política dominante con firmeza, consistencia, de maneira inquebrantábel e sen vacilacións».



          5. As novas responsabilidades que asume o KKE

            No comunicado do CC do KKE menciónase que: «O CC reitera que o KKE cumprirá coas súas responsabilidades cada vez maiores e loitará para superar as deficiencias observadas na súa acción. Centrará a súa atención en elevar o espírito militante e a participación de novas masas de mocidade na loita organizada; fará novos esforzas para a agrupación popular e para formar a alianza da clase obreira cos autónomos, os pequenos comerciantes, os campesiños pobres, a mocidade e as mulleres.

            «Os traballadores enfróntanse a unha nova vaga de medidas antiobreiras, antipopulares, unha nova vaga de medidas autoritarias mentres se intensifica a crise, tanto en Grecia cono en Europa. (...)

            Fronte a estes acontecementos trataremos de crear unha corrente popular radical forte, capaz de poñer obstáculos ás medidas que veñen, facilitando o camiño da alternativa política necesaria para o pobo e o país.

            A agrupación de forzas populares contra a política do PASOK e da ND, contra a barbarie do Memorando, contra as decisións do FMI e da UE que teñen como meta un memorando (medidas que non son de carácter temporal) debe estenderse tamén na segunda rolda. Ningún voto a prol das listas do PASOK e da ND nos concellos e nas rexións en que participan na segunda rolda. O PASOK e a ND nin queren nin poden cambiar. Por tanto, a emancipación dos dous partidos é o mellor e máis decisivo paso para facilitar o camiño cara a unha vida mellor para o pobo. A segunda rolda das eleccións locais debe sinalar un novo paso, un novo comezo para a reorganización do movemento e para o contraataque.

            O CC propón o pobo que na segunda rolda vote branco ou nulo cando os candidatos sexan doutras forzas políticas ou supostamente independentes que apoian a política dominante e eivan a radicalización do pobo. A presenza destas forzas e os seus cadros nos órganos das prefecturas e os concellos, até agora, xa sexa co disfrace do 'rebelde' ou do 'independente', mostrou que non están dispostos a desobedeceren e combateren as decisións antipopulares do Plan Kallikratis».



            6. Manifestacións o 15 de novembro

              Ademais, o CC subliña que: «O seguinte paso para o pobo debe ser a súa participación o 15 de novembro nas importantes manifestacións convocadas polo KKE que teñen como meta amosaren a posición da grande maioría do pobo contra o Memorando e coa consigna de que a crise a deben pagar os culpábeis, os monopolios e a plutocracia, non os traballadores.

              O CC saúda os incansábeis esforzos dos membros, amigos e simpatizantes do Partido, así como da KNE, para que a voz, as avaliacións e as teses e propostas do KKE cheguen a amplos sectores populares e obreiros, para que se exprese nas urnas a militancia popular, a vontade de resistencia e a loita polo futuro. Temos de seguir loitando co mesmo espírito militante e de maneira incansábel pola emancipación de amplas masas populares das chantaxes do PASOK e da ND na segunda rolda das eleccións locais, para o éxito das manifestacións de masas en Atenas e Tesalónica.

              «O CC pide aos centos de concelleiros locais e rexionais que estean do lado da xente que sofre, que loitan polos problemas dos obreiros e do pobo xunto coas organizacións de masas, cos militantes nos centros de traballo e nos barrios».

              9 de novembro de 2010