Contra as reformas e as medidas antiobreiras, continuar a loita!

A crise económica mundial intensifícase. A nivel internacional, os capitalistas desenvolven unha ofensiva sistemática contra a clase obreira co obxectivo de abaratar os custos de produción, reducindo os salarios e os custes sociais, desmantelando progresivamente o que se deu en chamar sociedade do benestar, para así manter a súa taxa de ganancias e prepararse para resistir o efecto da recesión e continuar o seu camiño explotador, levando a clase traballadora cara a unhas condicións de vida propias do século pasado .

A pasada folga do 29-S non foi ningún fracaso tal e como afirman as distintas forzas que actúan de portavoces da burguesía. A  participación masiva de millóns de obreiros, a mobilización e a loita na rúa foron exemplos claros da forza e a determinación coa que conta a día de hoxe o movemento obreiro.

Debemos vencer as vacilacións e dilacións das centrais e dos xefes reformistas. Seguir avanzando e desenvolvendo a loita e a mobilización, buscando a unidade pola base de todas as forzas sindicais, superando particularidades e as distintas concepcións e sensibilidades sindicais para constituír unha única fronte de loita no camiño de derrotar as acometidas do capital contra os dereitos da clase obreira.

Novas medidas pretenden implantarse agora. A reforma das pensións e da negociación colectiva son medidas formuladas xa polo novo goberno do PSOE e auspiciadas pola patronal. “Este será o goberno das reformas”, anunciou cinicamente o presidente Zapatero. Desde a rúa, desde as fábricas, debemos responder pelexando, seguindo o exemplo dos camaradas de Grecia e de Francia, conscientes de que para garantir o noso futuro serán precisos os esforzos e os sacrificios se non nos queremos ver condenados a traballar mais e gañar menos.

Como en Grecia, como en Francia !
Continuar a loita, avanzar cara a unha nova folga xeral indefinida !