93º Aniversario da Gran Revolución Socialista de Outubro



O SÉCULO XXI SERÁ UN SÉCULO DE LOITA E REVOLUCIÓN

En Rusia, en outubro de 1917, a clase obreira e o campesiñado, dirixidos polo partido bolxevique armado cunha teoría, un programa e unha táctica que se diferenciaban do reformismo e do socialchauvinismo, foron quen de acadaren aquilo soñado por Marx e Engels. Milleiros de traballadores comprenderon que a vitoria era posíbel, que a revolución proletaria podía triunfar e que unha nova sociedade sen explotados e oprimidos xurdiría das cinzas da vella sociedade capitalista. A mellor proba desa realidade foi a propia existencia do poder soviético, a servir durante séculos de faro revolucionario para a clase traballadora e os pobos do mundo amantes da liberdade e o progreso.

Lenin revelou a transcendencia histórica universal da Grande Revolución Socialista e da experiencia do Partido Comunista da Unión Soviética. Arrodeados de xigantescas dificultades, a loitaren contra os explotadores, enfrontándose o imperialismo, os bolxeviques souberon manteren e consolidaren o poder dos traballadores, creando o primeiro Estado obreiro da historia, mil veces máis democrático que calquera réxime burgués.«A esencia do poder soviético atópase no feito de que todo o poder estatal, todo o aparello estatal, ten como fundamento único e permanente a organización xeneralizada precisamente desas clases que até hoxe foron oprimidas polo capitalismo.»(1)


A revolución, no seu curso, tivo de vencer numerosos escollos, como o de triunfar nunha nación subdesenvolvida e atrasada. Vencendo as dificultades, o poder soviético soubo iniciar o traballo fecundo de millóns de obreiros e campesiños na construción das bases económicas do socialismo. Valéndose das teses de Marx, enormes transformacións conduciron en pouco tempo á industrialización do país, amosándolle ao mundo as vantaxes das novas relacións de produción socialistas.

Todos estes avances técnicos dotaron á URSS da capacidade militar necesaria para resistir a agresión fascista e, ao mesmo tempo, preparar a ofensiva que reduciría a cinzas o soño dos tiranos. Sen a acción resolta da URSS e do seu heroico exército no combate enérxico contra o fascismo, hoxe a historia da humanidade sería distinta.

A burguesía, co gallo de afianzar o seu dominio, difundiu e difunde intensamente con todos os medios ao seu alcance (en moitos casos coa axuda de supostos grupos revolucionarios) a mentira e a calumnia sobre os comunistas, ocultando os logros e avances da sociedade socialista en materia de benestar social, progreso, educación e xustiza.

Cómpre intensificarmos a nosa loita e a nosa propaganda co fin de contrarrestarmos a falsificación da historia difundida e defendida pola clase dominante, que busca así desarmar politicamente á clase obreira e afianzar o seu dominio. O socialismo segue a ser posíbel, e por iso, segue sendo unha ameaza real para o capital.

Nestes momentos, a defensa dos principios e o recoñecemento dos logros e avances da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas é algo ao que os comunistas non podemos renunciar. Certo é que se cometeron erros atribuíbeis a un período histórico determinado, mais de ningunha maneira podemos basear as nosas análises e ideas en máis de 50 anos de campaña sistemática contra o comunismo e contra os principios fundamentais do marxismo-leninismo. Todo o contrario, é precisamente nestes momentos, en que a burguesía desprega a maior ofensiva en décadas contra a clase obreira, cando os comunistas temos de redobrar a nosa atención sobre os procesos que deron lugar á Revolución de Outubro. É agora cando hai que reafirmar precisamente eses principios e encetar, preparados e organizados, a tarefa de dirixirmos e organizarmos á clase obreira no seu combate polo socialismo. Pois, como en 1917, hoxe a disxuntiva para a movemento obreiro continúa a ser a mesma: revolución ou barbarie.

O proletariado e os pobos do mundo érguense contra a política do capital, o descontento popular medra pouco a pouco e as consecuencias da crise abren cada vez máis a fenda entre as clases traballadoras explotadas e oprimidas e a burguesía depredadora e minoritaria. Atopámonos nun período histórico de ascenso da loita de clases, no momento en que o proletariado debe reorganizar as súas forzas. E neste momento, os comunistas temos de traballar sen falta na reconstrución e reorganización do movemento comunista. Primeiro a escala nacional, coa formación de grandes partidos comunistas marxista-leninistas, ligados á clase obreira é á loita de masas, e a escala internacional, coa reconstrución dunha nova Internacional Comunista que sexa quen de elaborar unha táctica común e unha liña estratéxica para o proletariado mundial.

Intensifícanse tamén as diferenzas entre a clase obreira e os seus representantes políticos corrompidos polo liberalismo e o reformismo, pola aceptación servil do sistema e polas reiteradas traizóns. Esta realidade que para nós, comunistas, é evidente, tamén o é cada vez máis para grande parte da clase obreira. O tempo da paz social e dos acordos rematou, e é precisamente nesta situación cando os comunistas debemos incrementar o noso traballo nos sindicatos e no movemento obreiro organizado. É nese momento cando máis se precisa a acción comunista e o papel educador e organizador do Partido Comunista, desenvolvendo e preparando a loita de masas, e deixando claro que «a única liña marxista no movemento obreiro mundial consiste en explicar ás masas que a escisión co oportunismo é inevitábel e imprescindíbel, en educalas para a revolución nunha loita desapiadada contra el.»(2)

O capitalismo criminal, o imperialismo e os gobernos despóticos da burguesía non serán nunca capaces de silenciaren os comunistas, nin de nos afastaren das masas. Con traballo e dedicación seremos quen de superarmos os obstáculos que se poñan fronte a nós, enfrontándonos ás dificultades con coraxe e valentía, reconstruíndo a unidade comunista, construíndo paso a paso o Partido e preparando a Revolución.

En Galiza estanse iniciando pasos nesa dirección, pasos que nos animan a seguir traballando pola unidade dos comunistas, dos marxista-leninistas e dos revolucionarios galegos/as, nun único Partido Comunista. Sen dúbida, aínda fica moito camiño por andar, pois a tarefa á que nos enfrontamos non é sinxela. Mais os comunistas pelexamos e seguiremos a pelexar a prol dos intereses políticos da clase obreira contra a burguesía depredadora, na defensa dos seus intereses inmediatos e dos seus obxectivos revolucionarios. Que saiban que non nos renderemos nin nos deixaremos acovardar.

Estamos convencidos de que o afundimento do capitalismo e a vitoria do proletariado son inevitábeis. É por iso polo que os comunistas do mundo debemos sumar esforzos, prepararnos, organizarmos neste camiño e nesta dirección, pois o século XXI será un século de loita e revolución.

Galiza, a 7 de novembro de 2010.



(1) Lenin, Tese sobre a democracia burguesa e a ditadura do proletariado. 

(2) Lenin, O imperialismo e a escisión no socialismo.